O Proxecto de Lei de Residuos de Galicia, que hoxe inicia a súa tramitación no Parlamento co debate de toma en consideración, proponse triplicar as sancións para combater os casos máis graves de contaminación que se poden orixinar polo abandono, a vertedura ou a eliminación incontrolada de materiais perigosos. A nova normativa derrogará a Lei de Residuos Sólidos Urbanos (RSU), promovida polo Goberno de Manuel Fraga en 1997, na que xa se contemplaban multas de ata un máximo de 50 millóns de pesetas (300.000 euros) as infraccións relacionadas coas verteduras incontroladas.
O Executivo autónomo optou por afastarse dunha lei específica para os residuos sólidos urbanos, promovendo no seu lugar un texto no que se regulen todo tipo de refugallos, incluíndo, ademais dos urbanos, os industriais, os comerciais, e ata os de tipo específico, como os sanitarios.
Tamén se delimitan de forma máis precisa as responsabilidades, así como o importe das sancións. Deste xeito, a comisión de infraccións consideradas moi graves será castigada con multas que oscilan entre os 30.050 euros e os 1,2 millóns de euros (entre cinco e 200 millóns de pesetas). Neste suposto entrarían, por exemplo, as verteduras causadas por instalacións que carecen de autorización, o uso clandestino de sustancias contaminantes prohibidas ou as verteduras incontroladas de refugallos que se consideran perigosos. A actual lexislación prevía para estes supostos sanciones de entre 60.000 e 300.000 euros.
No caso de que se traten de infraccións graves -como serían os supostos de verteduras incontroladas de todo tipo de sustancias, o transporte clandestino de residuos orixinados fose do país ou a inexistencia de pólizas de seguro cando sexan de carácter obrigatorio-, as sancións oscilarán entre os 601 e os 30.050 euros para todo tipo de residuos excepto para os considerados perigosos, cuxas multas poderán ascender aos 300.506 euros.
Infraccións leves máis baratas
No que ás infraccións leves refírese, na nova lexislación promovida por Medio Ambiente dáse o paradoxo de que o importe das multas baixa substancialmente respecto da normativa aprobada fai un decenio. De feito, se accións puntuais como a vertedura dun deterxente ou un aceite por un sumidoiro podían ser castigadas cunha multa de ata 1.502 euros, coa nova lei na man só poráselles impor unha sanción máxima de 601 euros, salvo que a vertedura sexa considerado altamente perigoso, pois nese caso a multa poderá ascender aos 6.010 euros.
A normativa que hoxe chega á Cámara, e á que o grupo da oposición expón unha emenda de devolución ao Goberno para que refaga o texto, tamén regula a obrigatoriedade que teñen todas as instalacións produtoras de residuos de subscribir un seguro de risco ou de depositar unha fianza ou aval bancario para facer fronte a calquera continxencia, en caso de producirse. De igual modo, outorga aos concellos a posibilidade de substituír as sancións a particulares pola prestación de servizos sustitutorios nos labores de limpeza.
![]() |
![]() |
![]() |