Acceso directo a nova.
Salvemos Monteferro
Nova 665
A NOSA TERRA

GALICIA

05/12/2007 | Manuel Vilas


“Tanto me ten se o que me explota é un de Madrid ou un de Galiza”


VENTONOSO NEGA AS SABOTAXES NOS PARQUES


O sector eólico galego está nun cruzamento de camiños. Mentres a Xunta ultima o decreto eólico, as normas que rexerán a multiplicación da potencia nos vindeiros anos, medran os rumores sobre un desembarco de empresarios galegos no mercado. Nesta situación os veciños das eólicas insisten en que unha parte dos beneficios fiquen nos lugares prexudicados polos parques.

“A min dáme igual que me explote un señor de Madrid ou un de Galicia, o certo é que o borrador do decreto está feito a medida das empresas e non ten en conta as demandas dos veciños”. Quen así fala é José Antonio Diéguez Otero, voceiro de Ventonoso, asociación que defende os intereses de varias comunidades de montes próximas a instalacións enerxéticas. Diéguez prevé que “os novos parques eólicos serán para as empresas de Manuel Jove ou Amancio Ortega, pero nós teremos que seguir protestando para conseguir unha compensación xusta”.

“Funcionarios como xerentes”

O certo é que, na situación actual, a maior parte dos beneficios marcha ás grandes corporacións. Por exemplo, os veciños do parque eólico de Careón (entre Palas de Rei e Toques) reciben, entre todos, o 0,5% do valor da produción. Isto é, uns 900 euros por muíño. A súa situación non é excepcional, pois, segundo Unións Agrarias, a porcentaxe que apañan os particulares nunca supera o 2% da produción anual.

Diéguez Otero asegura que, malia a chegada da esquerda ao poder, a Xunta segue a beneficiar os intereses dos empresarios: “nas delegacións non se facilitan información aos veciños, mesmo hai funcionarios que se comportan como verdadeiros xerentes das empresas”.

Avances do decreto

Con todo, Ventonoso recoñece que o borrador de decreto tamén contén aspectos positivos. Entre eles destaca que varias empresas poidan competir por unha mesma concesión. Isto beneficiará aos veciños, que poderán vender as súas terras a firma que máis pague.

Outro punto positivo para esta asociación, próxima a Unións Agrarias, son as medidas contra a especulación das novas adxudicacións. O novo decreto evitará que se repita a especualación Fraga, cando a metade dos megawatios foron revendidos entre as empresas do sector, o que provocou que uns 2.000 millóns de euros en plusvalías fuxiran do país.

Co novo decreto a potencia instalada medrará dende os 2.600 megawatios actuais a máis do dobre, 6.500 megawatios en 2010. A Consellería de Industria vai substituír a adxudicación directa dunha zona eólica a unha única empresa por un proceso de concorrencia competitiva.

O valor dunha semana de produción

Na vía xudicial, Ventonoso gañou unha importante batalla esta primavera, cando o Tribunal de Xustiza de Galicia declarou ilegal a expropiación das terras construír o parque da Serra do Faro, preto de Chantada. Con todo, a Consellería de Industria recorreu a sentenza e o Tribunal Supremo pode tardar varios anos en pechar o caso. Mentras, a administración acaba de valorar os terreos dos veciños en 190.000 euros, equivalente o valor da produción dos muíños en sete días.


ASEGURAN QUE FORON AVARÍAS ENCUBERTAS

Os veciños negan ser autores de sabotaxes nos parques

A patronal do sector, a Asociación Eólica de Galicia (EGA), denunciou recentemente unha serie de sabotaxes nunha ducia de parques eólicos, entre eles no da Serra do Faro, o maior do país. Sen acusalos directamente, a EGA destacou que as accións coincidían coas datas das marchas do grupo ecoloxista Asociación de Montaña Augas Limpas (AMAL), quen negou as acusacións. Agora son os veciños os que rexeitan a súa implicación.

“Non nos alegramos das sabotaxes, e de feito rexeitámolas, pois nós se temos algún problema usamos exclusivamente a vía xudicial; pero a verdade é que tampouco nos preocupan moito, deixámolas pasar”, indica o representante de Ventonoso. Diéguez, veciño do parque do Faro, asegura que “o único modo de garantir unha protección efectiva dos 3.000 muíños que hai en Galiza é permitindo aos veciños estar implicados na xestión dos parques”.

Sobre o caso concreto da parada durante nove días do parque do Faro-Farelo, que segundo Interviú causou unhas perdidas de 150.000 euros, Diéguez nega que se tratase dunha sabotaxe. Na súa opinión a empresa concesionaria tenta acusar aos independentistas de AMAL, que fixo pintadas no parque, para cobrar o seguro e ocultar un erro nas súas instalacións, que cualifica de “chapuza”.




Atrás
Nova Anterior Índice dor Recortes Nova Seguinte