Salvemos Monteferro
Noticias:
 
*
Benvido(a), Visitante. Entrar. Se non está rexistrado debe rexistrarse. 21 de Setembro de 2019, 09:24:54


Entrar co nome de usuario, contrasinal e duracion da sesion


Paxinas: [1]
  Imprimar  
Autor Tema: 21 de marzo en Compostela: Galiza Non se Vende  (Lido 2276 veces)
Xose
Moderador
Novato
*****
Mensaxes: 26


Email
« en: 23 de Marzo de 2010, 06:23:30 »

              
 21 de marzo en Compostela: Galiza Non se Vende

Máis de mil persoas convocadas pola RGNSV percorreron o domingo as rúas de Compostela demandando un ano máis "Terra viva e vida digna para tod@s".
A manifestación deste ano, a cuarta convocada pola RGNSV, ven sumar ás demandas dos colectivos implicados en loitas locais, catro  reivindicacións fundamentais: a defensa do litoral, unha ordenación racional do territorio, a soberanía alimentaria e enerxética e outro modelo de transporte.

No comunicado final resaltouse a imposibilidade do crecemento económico ilimitado: "un camiño imposible cara unha utopía imposible: producir máis para consumir máis", para rematar reclamando "outro modelo económico e social. Un novo modelo, baseado na solidariedade e na xustiza, que garanta a todas e a todos o dereito a vivir unha vida digna nunha Terra viva".

Reproducimos a continuación o texto íntegro dese comunicado.



             Manifesto lido na manifestación de GNSV en Compostela

Cando se cumpre un ano do cambio de goberno da Xunta comprobamos que, goberne quen goberne, gaña o produtivismo. Así, o goberno do PP, como os anteriores, segue perseguindo esa quimera que chaman “a senda do crecemento”. Un camiño imposible cara unha utopía imposible: producir máis para consumir máis.
_______________________________
Imposible crecer máis continuamente, imposible producir máis indefinidamente e imposible consumir máis e máis irracional e perpetuamente. Imposible porque vivimos nun planeta, un só, con recursos limitados.

_______________________________

Para seguir esa senda imposible, os recursos naturais continúan poñéndose ao servizo dos intereses económicos das grandes empresas, dun xeito cada vez máis descarado. Subvenciónanse os grandes capitais con cartos públicos, para paliar as súas perdas, mentres que o número de persoas paradas aumenta exponencialmente e os pequenos negocios teñen que pechar as súas portas.

A intención do poder é manter de xeito artificial un modelo que todos saben que non serve, que explota aos seres humanos, destrúe o medio ambiente e agranda as diferencias económicas entre os pobos e entre as xentes, facendo aos ricos máis ricos e aos pobres máis pobres. Un modelo que, na procura do interese privado a expensas do ben público, pretende privatizar á Sanidade, creando un fabuloso negocio que ameaza a calidade e humanidade da asistencia médica e compromete a saúde das persoas.

Un modelo que nin sequera respecta a nosa lingua nin a nosa cultura. A nosa lingua é menosprezada e atacada por parte de quen ten a obriga de defendela cun decreto que pretende acabar co seu uso. A nosa cultura é ridiculizada por un goberno que se avergoña e renega dela.

Un modelo que depreda o territorio, en lugar de ordenalo, coidalo e protexelo. A Ordenación Territorial non existe no País. Galicia carece de Directrices de Ordenación do Territorio despois de catorce anos de tramitación e oito anos de redacción. Mentres tanto, redáctanse, tramítanse e apróbanse multitude de plans e proxectos. Sen Directrices, sen unha Avaliación Ambiental digna de tal nome e sen democracia participativa.

__________________________________
No medio deste caos, o noso litoral vólvese pór a disposición das construtoras para o seu grande negocio especulativo.
__________________________________

As nosas rías seguen acumulando recheos, portos deportivos e naves industriais en primeira liña de costa. A contaminación nas rías acada uns niveis alarmantes, como consecuencia do caos urbanístico, da mala xestión dos portos, da mala ou nula depuración das augas residuais e da desidia e o abandono xeral, e isto está acabando coa súa riqueza e a súa biodiversidade.


O Courel, a Terra Cha, e tantos outros lugares da nosa xeografía, seguen desangrándose polas empresas louseiras e mineiras e pola política forestal que segue a fomentar os monocultivos de especies alóctonas e invasoras que ano tras ano sementan o país de incendios.
_____________________________________
O urbanismo caótico e depredador crea cidades inhabitábeis en función dos intereses económicos e non das necesidades de vivenda.
_____________________________________

E aínda se pretende espallar ese caos polas comarcas, creando suburbios dormitorio ou de segunda residencia e un exceso de solo industrial desorbitado e inxustificable.  Este conxunto de desatinos sobrepasa a capacidade real de habitabilidade e funcionalidade desas localidades, deteriorando o seu territorio, mermando os seus recursos e destruíndo a súa identidade. E mentres tanto, as nosas vilas languidecen. A maioría delas carecen aínda de plans de ordenación urbana e a rehabilitación dos núcleos históricos segue sendo unha tarefa pendente.

_________________________________
As mellores zonas da nosa costa son entregadas ás multinacionais piscícolas para que se lucren coa produción de peixes químicos en plantas que contaminan o mar, e que non evitan que a pesca industrial capitalista arrase os océanos.
_________________________________

Mentres, asistimos ao desmantelamento programado do marisqueo e da pesca de baixura tradicionais, sistemas que ao longo de miles de anos demostraron a sostibilidade da explotación deses recursos, que foron e son fundamentais para garantir a nosa soberanía alimentaria, que constitúen un tecido económico e social do que viven miles de familias.

Permítese o cultivo e comercialización de transxénicos e déixase a nosa alimentación en mans dunhas poucas empresas transnacionais, mentres se fomenta a desaparición da agricultura e a destrución da gandería co declive do sector lácteo, axudado pola inacción dos gobernos autonómico e central.
________________________________
Lonxe de buscar a autosuficiencia enerxética ante a inevitable crise final do petróleo, os recursos eólicos e hidráulicos, os montes e os ríos de Galiza, entréganse a empresas foráneas a cambio de nada, e nada se fai por racionalizar e reducir o desorbitado nivel de consumo de enerxía que agrava a nosa dependencia.
________________________________
 
Un consumo de enerxía agravado á súa vez, pola dispersión do urbanismo incontrolado, polas infraestruturas de transporte postas ao servizo do vehículo privado e pola inexistencia dun transporte público digno de tal nome.

O urbanismo disperso fomenta a mobilidade. As vías de alta capacidade, que proliferan irracional e innecesariamente, fragmentan e destrúen o territorio, e acrecentan o beneficio das grandes empresas construtoras. O transporte privado, contaminante e insustentable, agrava a nosa dependencia do petróleo.


Mentres tanto, o transporte público, ademais de ser escaso, caro e ineficaz, está en mans de empresas privadas, que mercantilizan a mobilidade.

O poder político-económico fomenta infraestruturas de servicio centralizadas e desmesuradamente grandes, como enormes hospitais, macrodepuradoras e macrosuperficies comerciais, no lugar dunha estrutura descentralizada que, en vez de crear distancias, ofreza proximidade.

Da mesma maneira, o poder basea a xestión de residuos case exclusivamente na incineración, actividade centralizada, contaminante e destructiva, e non acomete o proceso necesario: unha redución drástica da xeración de residuos  e a adopción de medidas efectivas de reutilización e reciclaxe, na procura dunha sociedade menos consumista.


Ante tanta cegueira interesada, ante un panorama tan desolador, é o tempo de unirnos todas e todos para paralizar as agresións á vida e á Terra.

É o tempo de esixir a participación da sociedade nos procesos de decisión que lle afectan directamente. É hora de que se teña en conta aos colectivos sociais e á cidadanía.
__________________________________
E por iso estamos hoxe aquí:
Para reclamar outro modelo económico e social. Un novo modelo, baseado na solidariedade e na xustiza, que garanta a todas e a todos o dereito a vivir unha vida digna nunha Terra viva
.

__________________________________

Pola defensa do litoral

Por unha ordenación racional do territorio

Pola soberanía alimentaria e enerxética

Por outro modelo de transporte


GALIZA NON SE VENDE!!!



« ultima modificacion: 23 de Marzo de 2010, 06:46:56 por Xose » En liña
Paxinas: [1]
  Imprimar  
 
Ir a:  

Powered by MySQL Powered by PHP Powered by SMF 1.1.15 | SMF © 2006, Simple Machines Traducido ao Galego, por Salvemos Monteferro

XHTML 1.0 valido! CSS valido! Dilber MC Theme by HarzeM