Desde Monteferro vese moi ben Cangas. Hoxe non, porque hai neboeiro, pero estamos máis cerca que nunca. Na mañá de onte, luns 1 de xuño, tres compañeiros foron detidos pola Garda Civil cando se manifestaban pacificamente contra as obras do ilegal porto deportivo que Caixanova e a empresa Marina Atlántica pretenden construír en Cangas.Compre resaltar que os tres foron detidos cando se atopaban xunto con outras vinte persoas na praia de Cabo Balea, espazo de dominio público, a pouca distancia da zona acotada polas obras pero fora dela. Pouco antes o teniente da Garda Civil ordenou que as escavadoras avanzaran cara a eles.
“Mandaron marchar as máquinas sobre nós, sobre a posición na que estabamos nós”, declarou Tiago Pérez, voceiro do Foro Social de Cangas e tamén detido.
“A pa estaba encima das nosas cabezas...” Incomprensiblemente os axentes da autoridade ordenaron aos traballadores que seguiran adiante, provocando unha situación moi perigosa.
Incomprensible e inexplicable é xa que axentes policiais estean a protexer a vulneración sistemática da legalidade, pero o sucedido onte significa un paso máis nesta tolemia.
O subdelegado do goberno en Pontevedra, o tristemente célebre Delfín Fernández, tras unha entrevista cos representantes da empresa Marina Atlántica celebrada o 15 de maio, declarou que esa subdelegación “faría cumprir a legalidade en Massó”. A quen defendemos precisamente o cumprimento desa legalidade e coñecemos ben as credenciais de don Delfín, esas declaracións lonxe de tranquilizarnos nos alarmaron. Alarma que agora queda plenamente xustificada.
Na zona mariña que pretende estragarse con esas obras faenan arredor de 500 persoas e dela tense sacado máis dunha tonelada de ameixa nun só día. Os seus fondos de maërl son especialmente ricos en biodiversidade, dos máis ricos da ría, e constitúen unha zona de alevinaxe de moitas especies.
En terra este proxecto busca especular con 200.000 m2 para a construción de chalés de luxo, hoteis e un centro comercial. Moitos deses metros cadrados son de dominio público, outros zona industrial e unha boa parte está cualificada como espazo natural protexido.
Espazo Natural Barra–Cabo home, ver http://www.salvemosmonteferro.org/gz/mapa_pbalea.html 500 familias veríanse pois privadas dunha parte importante dos seus lexítimos recursos e todas e todos nós seríamos despoxados dunha zona natural pública e de incalculable valor. Cantos postos de traballo se crearían no porto deportivo? 15? 20?
O asunto está recorrido desde hai tempo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pois a Confraría de Pescadores de Cangas conta cunha concesión estatal en vigor para faenar nesas augas.
Pero a ben coñecida política dos feitos consumados ten demostrado presentar moitas vantaxes á hora de incumprir a lei.No pacto que asinaron no seu día os grupos que conforman o goberno tripartito do concello de Cangas, figuraba nun lugar destacado a súa oposición unánime a esas obras. Hoxe a alcaldesa do BNg e os seus socios do PsoE miran para outro lado. Cara onde estarán mirando e que buscarán alí...? Só os tres concelleiros de ACE manteñen unha postura coherente e clara.
Desde hai máis de tres anos a oposición veciñal artellada en torno ao Foro Social de Cangas evitou o inicio das obras coa súa presencia diaria no lugar para impedir, sempre resistindo pacificamente, o paso das máquinas. Tres anos. Diariamente. Pacífica e pacientemente. Ver
http://www.salvemosmonteferro.org/gz/mapa_cangas.html Así foi ata que, desde o pasado luns día 25 de maio, seis furgóns da Garda Civil e máis de 20 axentes están a protexer o desenvolvemento dos traballos dunha obra manifestamente ilegal. Por que agora? Que foi o que cambiou?
Acabóuselle a paciencia a Caixanova? É esa caixa quen goberna en Cangas? Quen manda na Garda Civil? Quen manda en don Delfín? Quen manda aquí? Represión e resistencia en Cangas. Ver vídeo en gzvideos.infohttp://gzvideos.info/repressom-contra-a-luita-pola-paralisacom-das-obras-do-porto-desportivo-em-masso-cangas/