Acceso directo á nova.
Salvemos Monteferro
Nova 988


La Voz de Galicia

GALICIA


A falta dun plan de xestión do Sil abre a porta a unha ducia de novas centrais

14/10/2008 | Tomás G. Morán


O ministerio cre que a balsa prevista sobre o canón afecta á paisaxe e ao ecosistema de forma importante

A Xunta de Galicia podería ter capacidade para vetar os proxectos hidráulicos previstos para os canóns do Sil se dispuxese dun plan de xestión do espazo protexido, algo que agora mesmo non ocorre. Esta é a principal conclusión que se extrae dunha resposta dada polo Ministerio de Medio Ambiente ao senador do BNG Xosé Manuel Pérez Bouza, na que se detalla que son xa unha ducia os novos aproveitamentos solicitados polas eléctricas na conca Miño-Sil.

A Xunta opúxose reiteradamente aos plans de Fenosa e Iberdrola para construír novas centrais nos dous grandes ríos da comunidade. Ata o Parlamento galego aprobou fai dez días unha moción unánime na que se opón a calquera novo aproveitamento na conca. Pero a capacidade da Administración autonómica queda limitada a un informe non vinculante que debe de elaborar a Consellería de Medio Ambiente. A razón é dobre: por unha banda, a enerxía hidráulica de máis de cincuenta megawatts (as grandes presas) non se atopa dentro do réxime especial, de competencia autonómica, senón que depende da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, de titularidade estatal. Ademais, a conca é intercomunitaria (o gran afluente nace no pobo leonés da Cueta), polo que tamén as minicentrais escapan do control da Xunta.

Cando unha eléctrica solicita unha concesión hidráulica, o Goberno galego apenas pode facer un informe non vinculante a través da Consellería de Medio Ambiente. No entanto, na súa resposta a Pérez Bouza o Executivo central aclara que, «nos procedementos de avaliación de impacto ambiental que afectan a espazos naturais protexidos», o papel da comunidade autónoma «vai máis aló dun mero axente emisor de informes non vinculantes».

No caso «de espazos naturais protexidos que dispoñen de plan de xestión ou outra normativa de regulación dos usos e actividades -continúa a resposta oficial-, é esa normativa a que debe aplicarse ás actuacións que pretenden realizarse no seu interior». Fuentes do departamento que preside a ourensá Elena Espinosa matizan que, cando existe un plan de xestión, «prevalece sobre as competencias e téñense en conta os seus criterios por un procedemento inmediato». «Se non existe, pídense os informes e o proceso non é tan instantáneo», explican as mesmas fontes.

Un plan «canto antes»

O senador do Bloque instou ao Executivo central a que, «con independencia dás competencias, sexa sensible á opinión política de Galiza». Ademais, Pérez Bouza cre necesario que a consellería que dirixe Manuel Vázquez redacte «canto antes un plan de usos e aproveitamentos para a conca Miño-Sil». Na súa opinión, este plan de xestión debería de estar xa en vigor, máis tendo en conta que os plans das eléctricas coñécense desde fai anos.

Fuentes da consellería aseguran que a Xunta sempre informou en contra de todos os aproveitamentos hidráulicos na conca, e ata agora as súas opinións foron tidas en conta polo Goberno central. A resposta do ministerio ao senador do BNG serviu ademais para destapar ata unha ducia de proxectos hidráulicos en tramitación na conca Miño-Sil. A maioría son pequenos saltos que están pendentes da declaración de impacto ambiental. Fuentes das eléctricas implicadas aseguran que estas minihidráulicas son sobre todo proxectos abandonados, que xamais se farán. Outras fontes explican que as empresas renovan as solicitudes deste tipo de instalacións para non perder as concesións, e coa intención de utilizalas como moeda de cambio para obter o visto e prace noutros proxectos.

Centrais de bombeo

A listaxe de aproveitamentos feito público polo ministerio inclúe tamén novas centrais nos encoros de San Estevo (de Iberdrola, e cuxas obras xa comezaron), Belesar e Os Peares (Fenosa). Nestas dúas últimas presas, a firma que aínda preside Pedro López Jiménez proxecta dúas centrais reversibles de bombeo, que permiten devolver a auga río arriba en momentos de baixa demanda eléctrica (e en consecuencia, de tarifas máis baixas), para volver a turbinarla río abaixo en momentos de gran consumo.

Na resposta parlamentaria, o Goberno refírese tamén ao proxecto de Iberdrola en Ribas de Sil. Trátase dunha central de bombeo similar ás anteriores, pero que almacena a auga nunha balsa que habería que construír na parte alta do canón. A obra está pendente da declaración de impacto ambiental, pero o ministerio que dirixe Espinosa xa advirte na súa resposta de que esta instalación supón «unha afección moi importante sobre ámbitos non alterados, dunha gran magnitude e relevancia na paisaxe e no ecosistema».




Atrás
Nova Anterior Índice dos Recortes Nova Seguinte