Acceso directo á nova.
Salvemos Monteferro
Nova 982


La Voz de Galicia

GALICIA


Dez millóns de nenos menores de cinco anos morren cada ano por males que poderían previrse


07/10/2008 | Alejandro Pasilio
| La Voz


Pneumonía, malaria, sarampión, diarrea e sida causan o 90% dos falecementos

Dez millóns de nenos menores de cinco anos morren cada ano no mundo. O 90% das mortes prodúcense por enfermidades prevenibles, como a pneumonía, a malaria, o sarampión, a sida e a diarrea, que teñen tratamentos con custos moi baixos. A metade destes falecementos prodúcense en seis países: a India, Nixeria, Congo, Etiopía, Paquistán e China

Estes contundentes datos figuran no informe Salvar vidas en tempo de crises, elaborado pola ONG Save the Children e presentado onte en Madrid pola premio Nobel de Literatura surafricana Nadine Gordimer, o escritor Dominique Lapierre e o investigador premio Príncipe de Asturias Pedro Alonso.

«As enfermidades máis frecuentes que causan a morte dos pequenos son, no seu maior parte, totalmente prevenibles e tratables a un prezo moi baixo. Tres euros custa o antibiótico para curar a pneumonía e 50 céntimos de dólar o soro para combater a diarrea», afirmou Pedro Alonso. Todos os intervinientes no acto de onte coincidiron en resaltar que «as grandes quebras financeiras» ocupan portadas nos medios de comunicación mentres que ante a morte de millóns de nenos só existe «resignación» mediática.

Outro dato que destaca no informe é que os desastres naturais multiplicáronse por catro respecto dos anos setenta, polos efectos do cambio climático, o que provocou un aumento considerable dos desprazamentos e das migracións, que incidiu no aumento destas enfermidades. Ademais, a subida dos prezos empuxa a cen millóns de persoas cara a unha situación de extrema pobreza.

«A crise internacional é unha traxedia para os nosos proxectos. O alza de prezos fai que teñamos que enviar cada vez máis diñeiro aos países pobres, pero ao mesmo tempo recibimos menos axudas, co que a nosa tarefa se dificulta moito», revelou Lapierre.

O estudo enumera unha serie de medidas de baixo custo que salvarían moitas vidas. Entre elas, figuran a culminación dos estudos de nenas e mulleres, os coidados posnatales, coa promoción da lactación e da alimentación correcta, a planificación familiar, as vacinas antitetánicas e contra o sarampión, tratamentos para combater as infeccións prenatales e a asistencia cualificada durante o parto




Atrás
Nova Anterior Índice dos Recortes Nova Seguinte