Acceso directo á nova.
Salvemos Monteferro
Nova 902


La Voz de Galicia

GALICIA


Nace unha plataforma contra o Plan Vigo Íntegra en Gondomar

31/07/2008 | Alejandro Martínez


Os afectados realizarán alegacións e non descartan empezar a mobilizarse


Máis de medio milleiro de persoas abarrotaron o pasado martes pola noite o auditorio municipal. VALMINOR.INFO

O auditorio municipal de Gondomar quedou pequeno a última hora do martes para acoller a todos os veciños que acudiron para formar a plataforma en contra do proxecto Vigo Íntegra.

Máis de medio milleiro de persoas acudiron á cita convocada por unha comisión xestora formada por veciños de todas as parroquias. A asemblea serviu para pór de manifesto a enorme inquietude que orixinou en todo o municipio a intención da Xunta de crear dous novos viarios de paso cara a Vigo que dividirían o Concello e arrasarían unha gran cantidade de propiedades privadas.

O obxectivo prioritario desta nova plataforma será conseguir que o goberno autonómico retire as previsións de construír unha vía de alta capacidade de Vilaza a Couso e a circunvalación da vila condal. En primeiro lugar, presentarán unha alegación colectiva de todos os veciños na que incidirán nos aspectos como o uso do chan, o impacto ambiental e paisaxístico, os danos ao patrimonio histórico, as alteracións da estrutura demográfica ou o illamento ao que condenaría á maioría das parroquias de Gondomar polo feito de crear unha barreira artificial.

Asesoramento

Os asistentes tamén acordaron prestar asesoramento técnico e xurídico a todos os veciños que queiran presentar alegacións de xeito particular. Tamén van buscar que se sitúen oficialmente todos os grupos da corporación e, para tal fin, solicitarán a convocatoria dun pleno extraordinario.

A nova plataforma solicitará ademais unha reunión coa conselleira de Política Territorial para transmitirlle a enorme oposición que xerou esta iniciativa en todo o termo municipal. O que teñen claro é que non consentirán que as infraestruturas expostas chéguense a materializar e, chegado o caso, anuncian que levarán a cabo mobilizacións para impedilo.

O Plan Vigo Íntegra foi motivo de polémica en Gondomar desde que a comezos deste mes de xullo saíu a exposición pública. Foi o goberno municipal do BNG o primeiro en criticar este documento que consideran inservible para o desenvolvemento municipal. O alcalde, Antonio Araúxo, chegou a cualificalo como «un disparate» a creación destes novos viarios que terían un gran impacto no termo municipal. «O pobo de Gondomar ten plena confianza en que os poderes públicos retirarán este proxecto, que de levarse a cabo hipotecaría o futuro do municipio», sinalaron os portavoces.




Atrás
Nova Anterior Índice dor Recortes Nova Seguinte