Acceso directo á nova.
Salvemos Monteferro
Nova 867


La Voz de Galicia

GALICIA


Unha vertedura de lodos arrasa unha decena de pozas naturais en Oia

22/06/2008 | Alejandro Martínez


Os veciños acusan a unha empresa eléctrica de provocar o desastre ao baleirar un encoro para non limpalo

A comunidade de montes de Burgueira afirma que os danos producidos no río Tamuxe son irrecuperables o perigo continúa



O lugar era un dos espazos paradisíacos do interior do municipio

Un vertido area e lodo procedente do encoro que xestiona unha minicentral eléctrica tapou literalmente unha decena de pozas naturais que se atopan na canle do río Tamuxe á altura da parroquia de Burgueira, en Oia.

O desastre non perdoou á máis grande de todas, a poza do Arco, que é un dos principais reclamos turísticos da localidade e que cada verán atrae a centenares de persoas de toda a comarca. A acumulación de materiais permite agora atravesar andando unha fosa que sempre tiña entre tres e cinco metros de profundidade e onde os bañistas se tiraban de cabeza.

A comunidade de montes de Burgueira sospeita que ocorreu fai uns 15 días e presentou unha denuncia no cuartel da Garda Civil da Guarda e ante a consellería de Medio Ambiente e a Confederación Hidrográfica do Norte.

O presidente, Camilo González Giráldez, afirma que os danos son irrecuperables e cre que os responsables da empresa eléctrica abriron as comportas para baleirar o encoro porque estaba cheo logo das choivas dos últimos días. Pero ao facelo, tamén soltaron unha incalculable cantidade de toneladas de area do fondo que arrasou máis dun quilómetro da canle do río, que poderían pór tamén en perigo as prezadas pozas de Loureza.

Permiso de limpeza

Hidrotide Agrupación de Interese Económico, con domicilio social en Tui, dispuña dun permiso da Confederación Hidrográfica do Norte para levar a cabo os traballos de limpeza e eliminación de lodos no encoro de azud da central de Vilachán de maio deste ano. O ano pasado a Dirección Xeral de Conservación da Natureza denegou a autorización porque esta compañía non especificaba o destino de todo o volume de sedimentos que prevía extraer. Agora podía facelo coa excepción de non arroxar os materiais de desfeito ao río. «Moito nos tememos que lles sae máis económico pagar unha sanción antes que cumprir», lamentaba onte Camilo González.



«Non nos imos a quedar cos brazos cruzados».

A comunidade de montes de Burgueira buscará asesoramento xurídico co fin de presentar unha demanda contra a compañía eléctrica Hidrotide, á que fai directamente responsable do sucedido. Este diario intentou onte sen éxito porse en contacto con esta entidade para coñecer a súa versión.

A vertedura causou unha gran indignación entre os veciños de Burgueira. O lugar ten moita carga emocional porque atesoura os recordos da infancia de moitos dos seus habitantes que aprenderon alí a nadar. Os comuneiros cren que os danos son irreversibles.



O encoro aínda contén toneladas de area

O encoro de azud da central de Vilachán aínda constitúe unha ameaza para o río Tamuxe. As comportas desta infraestrutura aínda conteñen unha gran cantidade de lodo que poderían acabar por sepultar as pozas de Burgueira, un lugar de incalculable valor, onde a comunidade de montes tamén proxectou a recuperación e posta en valor dos muiños de Mouta e Vaillador. A razón é que a empresa nunca se encargou de limpar o encoro desde que no ano 91 comezou a explotar a minicentral , segundo testemuña o presidente da comunidade de montes de Burgueira.

Os comuneiros tamén denunciaron a esta empresa por ocupar unha superficie moito maior á pactada no contrato e tamén a comunidade de montes de Loureza presentoulle outra demanda por exceder o período de concesión. A actividade produtiva desta entidade apenas reporta beneficios aos propietarios do monte. O canon anual que a compañía paga na parroquia de Burgueira é de pouco máis de 700 euros.




Atrás
Nova Anterior Índice dor Recortes Nova Seguinte