Acceso directo á nova.
Salvemos Monteferro
Nova 826



GALICIA

11/05/2008 | Pilar Mera | A CORUÑA


O trazado do AVE elimina decenas de tramos e pequenas estacións


A medida que constrúe a liña de alta velocidade, Renfe levanta as vías que empregan os rexionais, suprimindo paradas e impedindo que se empreguen para cercanías


Imaxe dunha das estacións afectadas pola construción da liña da alta velocidade. / lop

A tan reclamada alta velocidade para Galicia tamén ten a súa parte negativa. O trazado deseñado por Renfe tanto para o AVE a Madrid coma para o Eixo Atlántico que unirá A Coruña e Vigo está a supoñer o desmantelamento das vías que empregan os trens rexionais e a desaparición de boa parte das paradas e estacións das pequenas vilas. Nos tres últimos anos xa se teñen pechado unhas sete estacións na Coruña a medida que se ían completando as obras da nova vía, e nos próximos meses eliminaranse outras tantas paradas en Pontevedra.

O problema é que ademais de construír a nova liña, Renfe está levantando as vías do trazado tradicional, obrigando a pechar moitas estacións que daban servizo a pequenas localidades e suprimindo paradas para os trens rexionais, que xa empregan o novo trazado nos tramos que se van completando. Este é o caso do apeadoiro de Bregua, na saída da Coruña, que antes era unha parada (facultativa) dos trens rexionais pero onde xa non quedan nin as travesas. O mesmo sucede na vella estación de Ordes-Pontraga, substituída por outra máis alonxada da vila e de difícil acceso, e iso sucederá tamén o mes que vén na localidade pontevedresa de Portas, que perderá a estación ao entrar en funcionamento a vía do Eixo Atlántico, que non pasa por alí -nin por Cerceda, Pontecesures, Catoira, Arcade ou Redondela-. En definitiva, a liña do Eixo Atlántico só mantén as paradas nas grandes vilas e nos lugares nos que é preciso cambiar de máquinas ou levar mercadoría: A Coruña, Uxes (queda para facer intercambios de vagóns), Meirama (só servirá para descargar o carbón da central da Fenosa e os vagóns que traen o lixo para incineralo en Sogama), Ordes, Santiago, Osebe (outro intercambiador), Padrón, Vilagarcía, Pontvedra e Vigo. Dez estacións, das que só en sete poderán subir e baixar pasaxeiros e que distan moito das 29 que había en 2005, antes de que comezase a desmantelarse esta estrutura.

No caso da liña A Coruña-Ferrol, malia que aínda está na fase de estudo informativo, a previsión é que polo menos até Betanzos tamén se levante a vía que hai na actualidade (que para en Elviña, O Burgo, Cambre e Cecebre), aínda que os veciños da comarca, xunto co Concello de Cambre, están presionando para que se cambie o trazado, que pasa por paraxes naturais como o Bosque Animado. Tamén se eliminarán as paradas entre Betanzos e Curtis, cara a Lugo. Entre Santiago e Ourense e entre Vigo e Ourense en principio vanse respectar as estacións actuais, aínda que só para mercadorías, o que deixaría fóra do tráfico de viaxeiros a vilas importantes coma Lalín. En definitiva, das cen estacións que Renfe ten hoxe en servizo en Galicia, as únicas que teñen asegurada a súa permanencia son as das vilas que fan de enlace (A Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo, Tui, Ourense, Monforte, Lugo, Ferrol e Betanzos) e as que son necesarias por cuestións técnicas ou comerciais.

Os colectivos que defenden un tren de proximidade para Galicia recoñecen que non tería sentido que o AVE ou o Eixo Atlántico parase en todas as pequenas localidades, entre outras cosas porque se fixese iso non podería alcanzar en ningún tramo a velocidade máxima. Pero o que esixen é que non se desmantelen as vías tradicionais e se artelle desde agora un plan para empregalas no futuro como un servizo de cercanías alternativo á alta velocidade, que ademais será tres veces máis cara cós actuais rexionais.

"Non pode ser que se estea desmantelando todo un servizo a cambio de nada", di Fernando Gómez, voceiro da plataforma Salva o Tren. A Xunta di ser "consciente" do futuro incerto do servizo ferrivoario, e tamén aposta por impulsar un servizo de cercanías, para o que está mantendo "contactos" con Fomento, que de momento garda silenzo sobre as súas intencións.




Atrás
Nova Anterior Índice dor Recortes Nova Seguinte