Acceso directo á nova.
Salvemos Monteferro
Nova 808


La Voz de Galicia

GALICIA


As eléctricas deberán devolver 1.074 millóns de euros polos dereitos gratuítos de CO2

25/04/2008 | EFE


O importe destinarase a reducir o déficit tarifario correspondente ao 2006


O consello de administración da Comisión Nacional da Enerxía (CNE) aprobou onte as resolucións que fixan as obrigacións de pago das eléctricas polos dereitos de emisión de CO2 que recibiron gratis no 2006 e o 2007, que finalmente ascenden a 1.074,7 millóns de euros. Esta cantidade, que corresponde ao Plan Nacional de Asignación 2005-2007, destinarase a reducir o déficit tarifario do ano 2006, que se eleva a 3.046 millóns, segundo a última liquidación dese exercicio da CNE.

A decisión adoptada onte polo organismo é consecuencia do Real Decreto Lei 3/2006, que estipulaba que as empresas debían devolver as cantidades correspondentes aos dereitos gratuítos de CO2 e estableceu a necesidade de realizar contratos bilaterais entre distribuidoras e xeradoras do mesmo grupo empresarial a un prezo fixo. En decembro do ano pasado, o Goberno aprobou outro real decreto lei que estende ao período 2008-2012 a obrigación de devolver os dereitos de CO2 gratuítos do novo Plan Nacional de Asignación.

As eléctricas, a través da patronal Unesa, recorreron ante a Comisión Europea (CE) esta última norma ao considerar que dificulta o cumprimento dos obxectivos da política enerxética e ambiental da UE e vulnera dúas directivas comunitarias, así como diversos principios xerais do dereito europeo.

Tras a entrada en vigor do Protocolo de Kioto as compañías eléctricas tiveron que internalizar o custo que supón emitir CO2.. O Goberno outorgoulles unha serie de dereitos gratuítos mediante o Plan Nacional de Asignación, pero as compañías contabilizáronos como custos e repercutiron eses importes nas tarifas. Ao constatar este comportamento, o Ministerio de Industria decidiu que debían devolver as cantidades ao considerar que os consumidores os pagaron de forma indebida.

Doutra banda, o máximo órgano da CNE acordou solicitar a Endesa e a Red Eléctrica de España (REE) información sobre a deficiencia na subministración ocorrida na subestación de Motors (Barcelona) o 18 de setembro de 2007. O organismo enviou unha carta á Generalitat para pedir a súa colaboración na análise do incidente.?

Tarifa nocturna

Así mesmo, a CNE acordou trasladar ao Ministerio de Industria as numerosas reclamacións de consumidores que recibiu polos cambios introducidos na normativa que regula a tarifa nocturna. Para rematar, o regulador enerxético aprobou o déficit de tarifa definitivo do sector do gas no ano 2003, que ascendeu a 39,9 millóns. A CNE constatou que naquel exercicio os ingresos do sistema gasista cubriron o 97,43% dos custos (1.518 millóns).




Atrás
Nova Anterior Índice dor Recortes Nova Seguinte