Acceso directo á nova.
Salvemos Monteferro
Nova 774


La Voz de Galicia

GALICIA


O Porto concede unha prórroga de 22 meses a Marina Atlántica para construír o porto de Massó

28/03/2008 | La Voz


A Autoridade Portuaria de Vigo adoptou onte o acordo de outorgar unha prórroga de 22 meses á promotora do porto deportivo de Massó, en Cangas, para finalizar a construción do porto deportivo, cuxas obras aínda non se iniciaron.

O Porto, con todo, non accedeu á outra petición da empresa, consistente en prorrogar a concesión de que goza desde o 25 de febreiro do 2005 no mesmo período, xa que para iso, tería que habela exercido en polo menos dous terzos do prazo.

A Autoridade Portuaria non tivo en conta a petición e as advertencias do concelleiro de Urbanismo cangués, que antonte lle remitiu un escrito no que pedía que non concedese a prórroga e ameazaba con pór en mans da fiscalía a documentación relacionada coa tramitación do proxecto do porto deportivo por entender que existen diversas irregularidades.

Abalo ratificouse onte na súa intención de presentar unha denuncia . Será a segunda que interpón en relación co porto de Massó. A anterior refírese á suposta usurpación dunha franxa de pouco máis de 16.000 metros cadrados que, segundo afirma, aparecía como concesión cando se fixeron con ela os ex traballadores de Massó en poxa pública, tras crebar a conserveira, e pasou despois a ser unha leira propiedade en pleno dominio de Frigoríficos do Morrazo, que, á súa vez, vendeuna a Marina Atlántica.

O concelleiro de Urbanismo di que «era previsible» que o Porto acceda á petición da empresa de prorrogar a concesión. O organismo, engade, é «cómplice necesario en todo este proceso de prevaricación».

A Autoridade Portuaria aceptou a petición da promotora confiando en que frutifiquen as negociacións que mantén co Concello de Cangas.

En outubro de 2006, a promotora iniciou as obras do porto, pero, ante as protestas do Foro Social e a confraría, paralizounas, logo de verter varios camións de pedra no mar fronte á vella conserveira. Agora proponse empezar pola zona da baleeira, restaurando o chamado peirao roto de Massó.




Atrás
Nova Anterior Índice dor Recortes Nova Seguinte