Acceso directo á nova.
Salvemos Monteferro
Nova 3373
DIAGONAL WEB


GALICIA

10/10/2010 | Gonzalo Brocos | SANTIAGO DE COMPOSTELA
   

Ría de Vigo: tecendo redes polo medio


18 colectivos sociais, veciñais e ecoloxistas loitan unidos desde hai tres anos contra a contaminación marítima e a urbanización sen control.


A ría de Vigo, principal área metropolitana da Galiza, zona industrial, pesqueira, polo de atracción turística e porto mercante, converteuse nun escenario de conflitos territoriais no que distintos intereses se confrontan. Nesa loita, colectivos sociais, veciñais ou ecoloxistas que antes operaban de forma individual cumpren xa tres anos de acción coordenada a través da rede. En Cangas, os veciños paralizan desde hai catro anos a construción do porto deportivo de Massó ao se interporen entre os camións e as obras. Cando comezaron eran menos que os 300 de Esparta. Na última manifestación, este verán, sumaron máis de 5.000. “De 2005 a 2007, a empresa subcontratada non puido facer máis que un pequeno aterro. Inicialmente non había moita xente, os do Foro Social de Cangas, sobre todo”, lembra Cándido Martínez, de Luita Verde. En maio de 2009, a promotora intenta retomar a obra, acompañada das forzas de seguridade. A mobilización sáldase con 17 detidos pero os traballos páranse. “Foi importante que a confraría declarase que non quería indemnizacións senón a paralización do porto”, valora Cándido. A Ría Non Se Vende: unha iniciativa de cooperación que encontrou eco en toda a comunidade a través de Galiza Non Se Vende.

Ambas as dúas redes xurdiron tratando de manterse á marxe de influencias políticas. Na lembranza, as ruínas de Nunca Máis e a experiencia en Vigo dunha plataforma de defensa da ría que tratou de coartar distintas reivindicacións –apuntan en ARNSV– unha vez que o BNG e o PSdeG chegaron á alcaldía. “Na Xunta, co anterior Goberno bipartito foi mal porque eles percibían que atacabamos un suposto Goberno de esquerdas”, explica Duarte Ferrín, do colectivo veciñal Bouzas Móvete.

Os apoios da rede aséntanse nos colectivos e nunha opinión pública que consideran favorábel: “Á xente chégalle directamente o problema. Ven que a ría se converte nunha cloaca, ven os aterros e moitos quilómetros de instalacións portuarias”, observa Ferrín. “A proba da concienciación está en que a mesma presidenta da Autoridade Portuaria, Corina Porro [ex alcaldesa de Vigo polo PP], se pronuncia contra os aterros, aínda que logo faga o contrario do que di”. O caso do porto deportivo de Massó, que levaría por diante un dos principais bancos marisqueiros da ría, representa un fito de mobilización social (ver recadro).

A implicación da confraría pesqueira de Cangas na mobilización de Massó constitúe un referente. “Os mariñeiros son os máis afectados pola contaminación e os aterros, e son os que terían que estar en primeira liña”, sopesa Ferrín. Do mesmo xeito opina Xosé Reigosa, de Salvemos Monteferro: “Coido que hai cinco anos sería impensábel a súa participación, pero eles tamén ven a redución de capturas e a destrución de bancos”.

Na última mobilización contra os aterros na ría de Vigo, este outono, máis confrarías sumáronse á de Cangas no apoio a ARNSV, aínda que a suma de novos apoios sociais e de implicación é unha conta aínda pendente. “O primeiro é que os distintos colectivos de ARNSV nos vaiamos coñecendo e traballando máis en conxunto”, valora Cándido Martínez. “Chegar máis aló é complexo, hai moitos colectivos politizados, bastante verticais, enquistados, con directivas que levan tempo e sen funcionamento operativo. Falo dalgún movemento social, veciñal e até de defensa do medio”, engade. Un diagnóstico que tampouco é alleo a parte das confrarías.

Outro problema radica nunha dura oposición política e xudicial. Só no caso de Massó, Reigosa cifra nun centenar os xuízos por obstrución da obra, unha parte xa resoltos con multas e até ordes de afastamento das obras. No 2008, un acto simbólico na sede da Xunta en Vigo, con motivo do aniversario do Prestige, saldouse con multas de 780 euros por persoa. ARNSV apunta á Subdelegación do Goberno en Pontevedra. “Ese día houbo actos similares noutras cidades, pero fomos os únicos multados”, recordan. “Así é difícil proporse máis accións”, explica Ferrín. “É o xeito que teñen de coartarnos. Cárgannos de multas e non temos nin un peso”–conclúe Reigosa–. “Aínda así aguantamos. Non agardamos grandes éxitos repentinos, mais si que non se fagan as cousas sobre o noso silencio”.




Atrás
Nova Anterior Índice dos Recortes Nova Seguinte