O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Fernández asegurou onte en Tui que se manteñen os prazos adquiridos coa consellería de Medio Ambiente para pór en marcha a depuradora do Louro. Segundo esas previsións, que os responsables dos dous departamentos anunciaron en xaneiro, cando Medio Ambiente recepcionó as obras, finalizadas no 2006, a estación de augas residuais deberá estar operativa en xullo.
Con todo, o enunciado de boas intencións parece que non vai ser suficiente para que a macro depuradora esperte do soño dos xustos porque, a día de hoxe, a pouco máis de dous meses de que expire o novo prazo, aínda nin sequera dotouse ás instalacións de subministración eléctrica. Un requisito imprescindible e, ao parecer bastante custoso para pór en marcha o sistema a falta de que se instalen paneis solares, que poidan suplir este «trámite» e cumprir calendario, aproveitando as horas de luz do verán.
Tampouco quedou moi claro onte o avance das obras para a posta a piques das instalacións. O presidente da Confederación manifestou durante a inauguración das «xornadas hispano lusas de participación pública» sobre a xestión dos recursos hídricos que se estaban adxudicando. Medio Ambiente fixo unha primeira adxudicación provisional a Aquagest en xaneiro como encargada de realizar a anunciada posta a punto. Segundo sinalou entón o conselleiro titular, «as actuacións, que comprenden emendar os defectos de obra, temas de electricidade e a reparación dos danos por actos vandálicos sumarán un millón máis de gasto que asumirá a Confederación». Medio Ambiente comprometeu outros sete para completar a rede e as conexións secundarias. Mantéñense os prazos pero no horizonte planea un terceiro aniversario en secaño para unha obra «de interese xeral do Estado».