Acceso directo á nova.
Salvemos Monteferro
Nova 1112


La Voz de Galicia

GALICIA


Gondomar perde unha subvención de 180.000 euros para o paseo fluvial


11/12/2008 | Alejandro Martínez


O goberno en minoría do BNG só empregou un euro para comprar o cartel anunciador da obra

O goberno municipal de Gondomar tivo que renunciar a unha subvención do Proder II de 180.000 euros para crear unha senda fluvial ao longo do río Miñor por non ter tempo para executar a obra no prazo indicado pola Unión Europea.

O alcalde, Antonio Araúxo, non botou por terra o proxecto e afirma que as obras comezasen a mediados do ano próximo porque antes de devolver a axuda do Proder II comprometeron coa Dirección Xeral de Turismo e o Agader unha achega aproximada de 400.000 euros para executar este proxecto.

O plan contempla unir o centro de Gondomar coa Ramallosa por medio dunha senda de cinco quilómetros de lonxitude e dúas de ancho paralelo ao río Miñor e a unha distancia de entre tres e seis metros, con cinco accesos desde a estrada xeral. O proxecto tamén prevé a limpeza de todos os residuos existentes na canle do río e a plantación de árbores autóctonas para restaurar unha contorna degradada.

Sen avances

Esta iniciativa xa tivo que pasar varias vicisitudes antes da perda definitiva da Unión Europea.

O anterior alcalde, Carlos Silva, asinou o convenio co Proder II no ano 2006. Tras acceder o BNG ao poder, os novos rexedores locais déronse conta de que non experimentara ningún avance, polo que no ano 2007 decidiron investir un euro para xustificar así un gasto mínimo e manter «in extremis» a subvención.

Con este diñeiro, os rexedores locais compraron o cartel anunciador da obra.

O panel informativo anunciando o investimento do Proder II para realizar unha obra que finalmente non se puido executar é para o único que serviu a subvención outorgada con fondos da Unión Europea. A renuncia á subvención do Proder II é unha mostra das dificultades que ten o goberno en minoría do BNG en Gondomar. A oposición formada polo PP, PSOE e Move leva bloqueando todas as iniciativas dos nacionalistas no salón de plenos, a quen non deixaron buscar unha solución ao bloqueo urbanístico, un dos problemas máis graves do municipio na actualidade.

Nin sequera permitiron que os edís que acompañan a Antonio Araúxo no goberno poidan dispor de dedicacións parciais ou exclusivas para traballar no Concello, o que repercute nun menor tempo para xestionar proxectos de desenvolvemento, como o do paseo fluvial, a cuxa subvención tiveron que dicir que non.




Atrás
Nova Anterior Índice dos Recortes Nova Seguinte