Acceso directo á nova.
Salvemos Monteferro
Nova 1031


La Voz de Galicia

GALICIA


Os propietarios da Robaleira gañarán 4,6 millóns coas vivendas protexidas


04/11/2008 Alejandro Martínez


A Xunta ofrece máis de doce millóns de euros por uns terreos que no 2004 pagáronse a sete e medio

A Xunta proxecta a creación de 313 vivendas de protección oficial na leira Robaleira de Nigrán pero os propietarios que compraron os terreos co ánimo de especular durante a tramitación do anterior Plan Xeral non se van a quedar coas mans valeiras.

A Consellería de Vivenda pagaralles polos terreos un montante de 12.223.632 euros, a razón de 112 euros por metro cadrado, segundo consta no estudo económico do Plan Sectorial de Vivenda. Directivos da promotora Mario Puentes, do Celta de Vigo e o construtor vigués Manuel Vázquez Domínguez compraron estes terreos o 23 de agosto do ano 2004 por un total de 7.572.652 euros.

O feito de que a promoción urbanística da Robaleira continúe sendo unha operación inmobiliaria que xerará uns importantes beneficios rompeu o consenso do goberno sobre o futuro desta leira. O concelleiro de Medio Ambiente e de Participación Cidadá, Juan Hermida, afirmou onte que esta parcela tería que continuar sendo rústica no futuro Plan Xeral, polo menos ata que non termine o proceso xudicial aberto por mor dunha denuncia da Fiscalía contra o anterior alcalde de Nigrán.

Por outra banda, considera excesivo as 2.200 vivendas de protección que a Xunta ten previsto construír neste concello, posto que de veciños de Nigrán só hai 200 peticións.

O consello sectorial do Plan Xeral, formado durante o actual mandato por representantes de todas as entidades veciñais do municipio, reunirase o vindeiro xoves a partir das oito da tarde para valorar o alcance do plan de vivenda en Nigrán. Acudirá o asesor técnico da consellería, Javier Rivas, para informar aos representantes veciñais.




Atrás
Nova Anterior Índice dos Recortes Nova Seguinte