Acceso directo á nova.
Salvemos Monteferro
Nova 1005



GALICIA

22/10/2008 | Nely Pillado | VAL MIÑOR


A resistencia miñorana do 36


Un estudo de 23 consellos de guerra amosa unha organización contra o alzamento

Texto co que un represaliado recoñece os fillos antes de morrer

A honra dos represaliados polo réxime franquista é unha cuestión que preocupa ao Instituto de Estudos Miñoranos mesmo antes da proposta da Lei da Memoria Histórica e así o amosou o colectivo nos actos e traballos en relación coa Volta dos Nove. O seu director, Carlos Méixome, quere ir máis aló e realizar un gran traballo de recopilación histórica sobre o acontecido na comarca ó longo dos primeiros anos da dictadura. O primeiro paso é un estudio sobre a represión no Val Miñor a través dos consellos de guerra que sufriron ducias de veciños.

Os vintetrés procesos xudiciais -algúns deles colectivos-, que suman centos e centos de folios mecanografiados, serviranlle a Méixome para reconstruir os catro días cruciais no episodio do levantamento militar na comarca. Todos se desenvolven entre os días 20 e 24 de xullo do ano 1936, tan só dúas xornadas despois do alzamento.

O primeiro capítulo desta investigación publicarase nos vindeiros días na revista que o IEM publica periodicamente.Recolle a causa contra unhas corenta persoas da parroquia nigranense de Priegue, que resulta un dos máis trascendentes da zona porque amosa a existencia dunha resistencia organizada contra o levantamento militar. No relato dos feitos, o proceso narra polo miúdo como fixeron os corenta condeados para xuntarse e conseguir un camión que os levase a Vigo para buscar armas e conservas para sobrevivir agochados. Nada diso foi posible, xa que dous avións do exército pasaron por enriba e descubríronos.

O cruce de datos entre cada un dos procesos amosa, como explica Méixome, una intentona de crear unha rede de suministro de alimentos, contactos entre os líderes do Sindicato Obrero de Gondomar, da Sociedade Agraria de San Pedro, do Sindicato de Mariñeiros de Panxón, da Sociedade Agraria La Reconquista de Sabarís, entre outras organizacións.

Este non é o único informe de Méixome respecto da represión franquista no Miñor. Unha revista especial do IEM publicará proximamente unha homenaxe ó mestre Victoriano Taibo, no que se amosa a persecución dos docentes da zona. Todos os sectores perseguidos terán cabida nun traballo máis amplo sobre os máis de 300 miñoranos represaliados da comarca.




Atrás
Nova Anterior Índice dos Recortes Nova Seguinte