
As principais cidades do mundo cambiarán moito en 2100 se o quecemento global segue ao mesmo ritmo. Unha aplicación creada pola organización científica Climate Central amosa gráficamente como o mar asolagaría grandes cidades do mundo como Nova York (Estados Unidos), Duban (Sudáfrica), Londres (Reino Unido), Sídney (Australia) ou Shangái (China). A organización busca concienciar sobre os efectos do aumento nas temperaturas en todo o mundo que será tratado na Conferencia sobre o Cambio Climático que se celebrará en París a inicios de decembro.
A mesma aplicación de Climate Central permite tamén comprobar como a subida do nivel do mar afectaría a Galicia. Abonda con poñer o nome dunha localidade costeira nesta web. E descubriremos como, para o ano 2100, Vigo podería perder o recheo de Bouzas e a praia de Samil; A Coruña quedaría sen a praia de Riazor e toda a súa franxa portuaria, chegando o mar aos Cantóns; e, na ría de Arousa, a Illa desaparecería baixo das augas xunto coa ponte que a comunica co continente. Non se trata dunha aplicación de calidade científica, senón que busca concienciar á cidadanía sobre as consecuencias do cambio climático. Os resultados gráficos que se amosan son orientativos, pero hai datos que confirman que o nivel do mar sube en Galicia 2,5 centímetros por década dende 1960. E que a temperatura da auga do mar nas Rías Baixas subíu case un grao (0,8ºC) nos últimos trinta anos.
Aquí podes consultar a aplicación de Climate Central
![]() |
![]() |
![]() |