http://www.salvemosmonteferro.org
Monteferro, 3 de Febreiro de 2012:



MONTEFERRO:
Documento previo á Aprobación Inicial do PXOM.
Outro ladrillo no muro?



Ante as alarmantes noticias aparecidas na prensa sobre o PXOM de Nigrán, informando da pretensión de recualificar zonas como Monte Lourido ata o 100% da península e estender a superficie urbanizable en Monteferro dende o núcleo urbano de Panxón e ante a nota de prensa enviada polo concello de Nigrán aos medios de comunicación, esta asociación quere poñer de manifesto o seguinte:

O Sr. Alcalde de Nigrán tacha de “falsidade” as informacións verquidas pola prensa. Seríalle moi doado demostralo. ¿Por qué non se fixo público o documento previo á aprobación inicial do PXOM enviado á Xunta de Galicia? Cónstanos que o concello non está obrigado a iso, pero tampouco está obrigado a gardalo baixo chave. Se non hai nada que ocultar, a súa publicación sería un bo exercicio de democracia e transparencia política do que o PP de Nigrán parece carecer.

As “filtracións de contidos falsos” ás que fai referencia o Sr. Alcalde, parecen indicar que existen persoas ou grupos, que se dedican á realización de PXOMs paralelos co único obxectivo de ser usados como “arma política” contra o goberno de Nigrán, PXOMs paralelos que son enviados á prensa que admite recibir toda a información: fichas urbanísticas e cartografía, evidentemente falsas se temos que crer ao Sr. Alcalde. Moito traballo, moitísimo traballo tomaron as persoas involucradas na xestación desta gran mentira.

Moito máis doado sería demostrar a falsidade destas informacións mostrando á opinión pública a documentación real enviada á Xunta. Todo aclarado nun momento e cada un no seu sitio. Trasladaría vostede inmediatamente a “tranquilidade aos vecinos” que pretende transmitir no seu escrito. ¿Por qué non o fai vostede Sr. Alcalde?. Porén pídenos vostede a nós, pobres crentes, un acto de fe.


Monteferro no Plan de Ordenación do Litoral (POL)

Desde esta asociación, xa hai tempo que vimos denunciando os incansables intentos de seguir rabuñando, pouco a pouco pero sen pausa, a península de Monteferro. No documento de Avance do PXOM, xa advertíamos que 20.000 metros cadrados da zona norte de Monteferro pretendían ser declarados urbanizables. 20.000 metros cadrados que non aparecian como urbanizables no Documento de Inicio. Descoñecemos como queda clasificado agora que foi enviado á Xunta para a súa aprobación inicial, pero visto o visto, non agoiramos nada bo.

Monteferro no Documento de Inicio
Monteferro no Documento de Inicio do PXOM
Monteferro no Documento de Avance
Monteferro no Documento de Avance do PXOM

Estaremos atentos a todo o que aconteza. Comprobaremos a veracidade das declaracións do Sr. Alcalde cuando di:

  • “A filosofía que guiou a configuración do novo PXOM é dar maior crecemento ás parroquias do interior, e así consta no documento que na actualidade se atopa en posesión da administración autonómica”.

  • "O novo PXOM non só contempla o crecemento nas parroquias do interior do municipio senón que o leva á súa máxima expresión, dentro do permitido pola lexislación vixente”.

Coincidimos co Sr. Alcalde en valorar como “lamentables” os “acontecementos de 2006”, ainda por motivos ben diferentes. O Sr. Alcalde refírese á revolta veciñal ante o atropelo reflectido no PXOM que intentaba aprobar o daquela alcalde de Nigrán Alfredo Rodríguez Millares.


O alcalde de Nigrán, Alfredo Rodríguez, é protexido polos
axentes antidisturbios á saída do Concello./ José Lores /FARO DE VIGO

Lamentablemente a veciñanza non tivo outra que expresar a súa repulsa fronte ao concello cando se intentaba aprobar imperiosamente un PXOM cargado de sospeitas. Polo ben de todas e todos, esperemos que estes graves acontecementos non se repitan.

Salvemos Monteferro forma parte do Consello Sectorial de Nigrán. Como tal, achegou una serie de propostas, moitas delas tomadas en consideración por todas as AAVV e asociacións que o compoñen, como queda reflectido nas súas conclusións.

Ademais, estas conclusións foron aprobadas por unanimidade no pleno extraordinario celebrado o 29 de Xullo de 2010 no concello de Nigrán e asinado, entre outros, polo actual Alcalde.

Na súa nota de prensa, o Sr. Alcalde fala de que o documento previo foi exposto ao consello sectorial:

"Así mesmo, o alcalde de Nigrán recorda que antes de que o documento fose remitido á Xunta de Galicia para a análise previa á súa aprobación inicial, o goberno actual convocou dúas reunións para abordar o contido do PXOM, unha coas asociacións de veciños e outra co consello Sectorial, ás cales tamén foron convocados os grupos políticos da oposición "

Dende esta asociación debemos puntualizar as palabras do Sr. Alcalde: no que se refire á información ao Consello Sectorial, dicir que tal convocatoria non foi senón unha pantomima, a base de medias palabras, mediocres argumentos e peores perspectivas. Na reunión do Consello Sectorial non se facilitou documento ningún aos colectivos.

Agardamos que o que se defendía na oposición, se defenda tamén agora no goberno de Nigrán e que o Sr. Alcalde asuma o rubricado por unanimidade no Pleno Municipal de Xullo de 2010.