O nacemento dun deserto:
Unha vez máis temos que dar conta aquí da terrible destrucción dun espazo natural do noso Val Miñor. Trátase da construcción dun polígono industrial promovido pola Zona Franca de Vigo e o Concello de Nigrán que afecta ás parroquias de Parada, Nigrán, Camos, e San Pedro.
Ocupa máis de un millón de metros cadrados de gran valor ecolóxico na beira do río Muíños e está destruíndo, xa destruíu, a última zona húmida e sub húmida do noso concello (así como a boscosa asociada a ela), que eran hábitat –ata agora-- de numerosas especies de aves acuáticas.
Esta zona debido ás súas características físicas, chá e cruzada por múltiples regatos afluentes do río Muíños, era inundábel e asolagábase periodicamente coas chuvias, actuando como reguladora do caudal do río.
A súa destrucción pode carrear graves consecuencias, en forma de inundacións, para áreas urbanizadas limítrofes e outras río abaixo, desde a rotonda da autopista ata praia América. |
Trátase dun proxecto que ven de tempo atrás.
De feito, a compra de terreos iniciouse en setembro de 1991, pero a dificultade de adquirir os máis de 1,07 millóns de metros cadrados necesarios e a escasa intención das sucesivas corporacións municipais de involucrarse nun complexo proceso expropiatorio, atrasou ata agora o inicio das obras
O proxecto, cuxo informe de Impacto Medioambiental data de 1994, contempla tamén a desviación do curso do principal afluente do Muíños, traballos que se atopan xa moi avanzados.
Lixo e contaminación
Parte desas primeiras fincas adquiridas nos anos 90 foron destinadas a vertedoiro de lixo polo Concello de Nigrán e nos últimos anos acumuláronse alí residuos de toda clase, especialmente os de maior volume e os máis contaminantes.
Nos actuais traballos de explanación non se retiraron eses vertidos, senón que, simplemente, se lles botou terra por riba (unha técnica moi utilizada polos nosos políticos en todas as súas facetas) creando un grave foco de contaminación na beira do río, a menos dun quilómetro da súa desembocadura en Praia América.
Ademais de todo esto, nas obras non se están respectando as distancias de protección do Río Muíños, chegando nalgún punto os aterramentos a 13 metros da ribeira, en vez dos 25 estipulados.
Denuncias
Salvemos Monteferro (xunto con seis AA.VV. de Nigrán, o Instituto de Estudios Miñoranos e a Asociación de Afectados do Polígono Industrial do Porto do Molle) ven de denunciar ante varias Consellerías e organismos autonómicos estas e outras irregularidades.
Zona Franca prevé sacar en breve a concurso as obras de urbanización, que se adxudicarían en outubro.
“A intención é –afirman-- que o Parque Empresarial oferte unha calidade notable en usos terciarios e de ocio. Contará con equipamento social e deportivo, centro comercial, hoteis, establecementos de lecer e restauración e áreas de industria-escaparate”...
E por suposto, habitual sarcasmo, tamén incluirá 200.000 metros cadrados de zonas verdes. Recorda muito aquelo de talar o bosque para facer un xardín botánico.