http://www.salvemosmonteferro.org
   





Apoia a Campaña, asina aquí Monteferro, 21 de setembro de 2007

SOS: A Serra da Groba



Como se dunha praga bíblica se tratara, temos que falar hoxe dunha nova
ameaza de destrución que pretende acabar cun dos espazos máis
sobranceiros da nosa contorna: o proxecto de creación do
Parque Eólico “Albariño 1” na Serra da Groba.


Recreación virtual sobre unha vista parcial da Serra da Groba. O tamaño dos
muíños está a escala e a súa situación é a prevista no proxecto.
A foto base foi sacada desde Monteferro.

Cando aínda as escavadoras andan a remover os restos mortais do máis importante humidal do Val Miñor (para perpetrar a execución do Parque Empresarial do Porto do Molle) este novo atentado significaría a ocupación de dous millóns de metros cadrados da Serra para a implantación de 21 aeroxeradores de 123 metros de altura e 2,3 Mega Watios de potencia. Levaría aparellada a construción de carreteiras para a súa instalación, un transformador e o conseguinte tendido de alta tensión.

Para facermos unha idea:

123 metros ven sendo o dobre da altura do Hospital Xeral de Vigo, o edificio máis alto da cidade. Algo así como o que pode verse nesta fotomontaxe.

Hai uns días constituíuse a Asociación SOS A Serra da Groba. Evitar esta desfeita é o primeiro obxectivo deste novo colectivo, que nace coa vontade de defender, potenciar e divulgar a enorme importancia deste lugar, que representa un espazo natural e cultural dun valor incalculable. Desde Salvemos Monteferro, que se sumou desde o primeiro momento a esta iniciativa, desexámoslles (desexámosnos) moita sorte, moitos éxitos e longa vida.

E como vimos con ganas, hoxe presentamos unha edición longa e cumprida. Pasen e vexan:




Índice:

1.- O PROXECTO ALVARIÑO 1 NA SERRA DA GROBA.

    A- O Proxecto.
         Inclúe un vídeo cunha viaxe virtual o redor da Serra da Groba.

    B.- A Serra da Groba, espazo natural e cultural.


I.- Valores Patrimoniais

II.- Valores ambientáis e vulneración da legalidade.

III.- O valor paisaxístico e o Patrimonio intanxible


    C.- A Enerxía eólica en Galicia

Unha reflexión sobre o inusitado crecemento da explotación desta fonte de enerxía, ata converter a Galicia, o noso pequeno país, na sexta potencia mundial nesta actividade. Exportamos o 40% da electricidade que producimos, e este é un negocio en mans de empresas multinacionais cuxos beneficios pouco aportan ó tecido social galego.

¿Ata cando seguirá crecendo e destruíndo a nosa riqueza natural e histórica?



2.- A 1ª RECONQUISTA DE TORALLA

3.- SIMÓN, O NOSO SOCIO MÁIS NOVO



A.- O PROXECTO DE PARQUE EÓLICO "ALBARIÑO 1"

Xa contamos ó principio, e sen entrar en moitos detalles, de que vai a cousa. Ocupación de dous millóns de metros cadrados da Serra da Groba para a implantación de 21 aeroxeradores de 123 metros de altura e 2,3 Mega Watios de potencia. Esta actuación levaría aparellada a construción de carreteiras para a súa instalación, un transformador e o conseguinte tendido de alta tensión.

A empresa promotora é EUROVENTO (un nome moi axeitado). 50% de capital español (Acciona) e 50% de capital Xaponés. Aí estamos.

Por aquilo das imaxes e as palabras preparamos esta animación, que podedes ver un pouco máis abaixo, na que faremos unha viaxe aérea sobre a Serra da Groba.

Veredes primeiro a superficie total que ocuparía este enxendro, sinalada en color verde. Unha enorme porción dese terreo afectado aparece en marrón: ese color corresponde á zona queimada nos incendios do pasado ano 2006.

Logo aparecerán os aeroxeradores proxectados no lugar que ocuparían.

E a continuación unha serie de iconos que sinalan o patrimonio en perigo: mámoas, petróglifos, elementos etnográficos, lugares nos que se rexistraron achados importantes (bifaces, cerámica, etc.) e algunhas cousas máis. Todos estes iconos están numerados e, máis abaixo, poderedes ver o nome de cada un e o seu significado. Para iso pode ser útil usar a "pausa" do vídeo.

Sinalamos aquí 37 puntos. Non nos caben máis. Pero é necesario decir que:

Só no espazo correspondente ó Concello de Oia hai 270 restos arqueolóxicos, entre os catalogados e os que están en proceso de catalogación.



Unha viaxe virtual pola Serra da Groba


A-U.- Aeroxeradores. 1.- O Castelo. 2.- Petroglifo
3.- Petroglifo. 4.- Lago dos Bolos. 5.- Petroglifo.
6.- Petroglifo. 7.- A Laxe Cruzada. 8.- Achados.
9.- O Foxo Pedriño. 10.- O Alto do Foxo Pedriño. 11.- O Rego do Foxo Pedriño.
12.- Petroglifo. 13.- Minería. 14.- Minería.
15.- O Alto das Teixugueiras. 16.- A Menina das Chans. 17.- Os Cortelliños.
18.- O Campo da Groba. 19.- O Campo de Riba da Cruz de Pan. 20.- O Chan da Lobado.
21.- A Pedra do Acordo. 22.- A Cova da Moura. 23.- Petroglifo.
24.- Elemento Etnográfico. 25.- Elemento Etnográfico. 26.- Elemento Etnográfico.
27.- Elemento Etnográfico. 28.- Elemento Etnográfico. 29.- Castelo.
30.- Achados. 31.- Petroglifo. 32.-Mamoa
33.- Petroglifo. 34.- A Laxe do Costado. 35.- Topónimo.
36.- Topónimo. 37.- Elemento etnográfico.


B.- A SERRA DA GROBA ESPAZO NATURAL E CULTURAL

A Groba constitúe o hábitat de 2.500 cabalos salvaxes da máis pura raza galega, feito único en Galicia e na Península pola cantidade e calidade das bestas, dando lugar a unha tradición de fondísima raigame: os curros de Torroña, Valga, Mougás e San Cibrán.

Posúe Hábitats Naturais clasificados como Prioritarios e de Interese Comunitario pola UE e a propia lexislación española. Acolle aves sedentarias e aves migratorias estivais e invernais, así como diferentes especies de animais escasos, todos eles a protexer, segundo diversas Directivas Europeas e Catálogos de Fauna Ameazada, tal e como veremos máis adiante.


I.- VALORES PATRIMONIAIS

A pegada humana na zona pode rastrearse máis alá dos 250.000 anos. A existencia de abondosas testemuñas de útiles líticos (os chamados bifaces) de idade paleolítica así o confirman. Estes restos fálannos de grupos de cazadores-recolectores que percorrían as penichairas da serra na procura de alimentos vexetais e tamén de caza.

Xa en tempos máis recentes, fai uns 9.000 anos, atopamos evidencias doutros grupos humanos cunha economía distinta a dos cazadores-recolectores anteriores. Estamos no Mesolítico e, obrigado polas condicións medioambientais, o ser humano ten que mudar as súas estratexias alimenticias e facelas máis diversificadas. Deste momento atopamos ao longo de toda a Serra da Groba importantes concentracións de materiais arqueolóxicos (entre os que destacan os chamados "Picos Asturienses"), que se verían afectados, por máis destruídos pola construción do parque eólico.

No Neolítico (hai uns 5.000 anos) as xentes aprenderon a producir alimentos e a domesticar animais. Habitaban en cabanas de pallabarro en poboados pouco estables, pero por unha descoñecida razón erixiron as primeiras mostras de arquitectura monumental do país: as mámoas. Estes enterramentos estaban compostos por unha cámara funeraria feita con grandes laxes chantadas (os coñecidos dolmens) que eran recubertos por un túmulo de terra e pedras, que servía para agochar e asegurar a construción interior. Ao longo da toda a Serra da Groba atopamos abondosos exemplos destas construcións, pero desgraciadamente unha boa parte de eles veranse afectados gravemente pola edificación das instalacións do parque eólico.

Se agora falabamos das primeiras construcións monumentais galegas, tamén temos que falar das primeiras mostras de arte. Estamos falando dunhas manifestacións artísticas con máis de 4000 anos, os chamados petroglifos, os cales aparecen a ducias por toda esta fermosa paraxe. Desgraciadamente un importante número deles verase seriamente afectado (destruídos) polo parque eólico "Albariño I". Estes gravados son por lei BIC (Bens de Interese Cultural), ou o que é o mesmo reciben a figura legal de protección máis importante que pode recibir calquera ben cultural.

A Laxe Cruzada: o labirinto máis grande de Europa

Coma exemplo da importancia da arte rupestre desta zona resaltar o petroglifo de A Laxe Cruzada. Este consta de 110 cruces gravadas e, o que é máis importante, o labirinto máis grande de Europa, que alcanza os 1,10 m de diámetro. Curiosamente este petroglifo, tan coñecido a nivel científico, non aparece recollido no informe de Impacto Arqueolóxico presentado pola empresa que solicita o permiso para a realización do proxecto. Aínda para máis inri dous dos aeroxeradores afectan directamente a este extraordinarios gravado. Cada un que pense o que queira.



A Laxe Cruzada. Debuxo de COSTAS GOBERNA, F.J.; NOVOA ÁLVAREZ, P. e SANROMÁN VEIGA, J. (1992-93):
"Pedra Escrita. Grabados Rupestres en Santa Mª de Oia (Pontevedra). Castrelos 5-6, pp. 29-39

Así mesmo na zona atópase un dos poucos "foxos de lobos" que se coñecen en toda Galicia (ó redor dos 30). Estas trampas para lobos remítennos a uns tempos non tan lonxanos, onde o aproveitamento que a sociedade galega facía do monte era vital para a súa subsistencia. Estas construcións son testemuña viva da loita contra o máis "fero" dos habitantes do ecosistema galego. A pesares da importancia deste elemento etnográfico e do seu destaque na paisaxe, tanto físico como pola toponimia (o lugar coñécese como O Alto do Foxo Pedriño, O Foxo Pedriño e O Rego do Foxo Pedriño), este punto tampouco aparece recollido no informe de impacto arqueolóxico. Curiosamente, e como no caso anterior, no lugar onde se atopa están plantexados dous aeroxeradores máis e un vial, que darían boa conta desta importante manifestación cultural do país.

II.- VALORES AMBIENTAIS E VULNERACIÓNS DA LEGALIDADE

As obras previstas vulnerarían varias leis españolas e dúas Directivas europeas.

Entre as primeiras está o Real Decreto 1193/1998, polo que se establecen medidas para contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestre. As actuacións previstas danarían gravemente tres hábitats considerados de protección prioritaria no Anexo 1º do citado decreto.

Vulneraría tamén o previsto na Lei de Montes 43/2003 (Artigo 50), polo que se prohibe o cambio de uso forestal dos montes queimados nun prazo inferior a 30 anos. Polo menos 17 dos 21 muíños instalaríanse na zona afectada polos incendios do ano pasado.

O espacio afectado polo Parque está cualificado como solo rústico de protección de espacios naturais e integrado dentro do espacio 25 (Serra do Argallo, onde está incluída a serra da Groba) das Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamento Provinciais da Consellería de Política Territorial, e polas súas características bioxeográficas e a súa importancia ecolóxica sería viable a súa integración na Rede Natura no futuro.

Este parque de 21 aeroxeradores ocuparía permanentemente unha superficie equivalente ao 37% de Vigo, a cidade máis grande de Galicia, afectaría permanentemente a unha superficie equivalente ao 70% da mesma e tería competencia sobre un espazo igual a 1,9 veces esa cidade.

Esta desmesurada extensión e o mesmo nome do proxecto, Albariño I, dan idea de que estamos ante unha "primeira fase" dunha instalación maior. O fraccionamento de proxectos da mesma natureza realizados no mesmo espazo físico é algo que tamén vulnera a legalidade vixente.

Directivas europeas

Do mesmo modo, o proxecto incumpre o estipulado en dúas Directivas europeas.

A súa realización afectaría gravemente a trece especies de aves silvestres protexidas, todas elas citadas no Anexo 1º da Directiva 79/409/CE, que di no punto 1 do seu artigo número 4: "As especies mencionadas no Anexo 1º serán obxecto de medidas de conservación especiais en canto ó seu hábitat, co fin de asegurar a súa supervivencia e a súa reproducción na súa área de distribución".

Tamén serían destruídos, parcial ou totalmente, catro hábitats considerados de Interese Comunitario segundo o Anexo I da Directiva 92/43/CEE.

Afectaría a tres especies de morcegos (especialmente vulnerables pola presencia de aeroxeradores) incluídas no Anexo 4º, que enumera "as especies vexetais e animais que requiren unha protección estricta". Outras sete especies de animais, incluídas no mesmo Anexo, veríanse tamén ameazadas.

Pódese atopar máis ampla información sobre estes temas nas Alegacións presentadas por Salvemos Monteferro a este proxecto.



III.- O VALOR PAISAXÍSTICO E O PATRIMONIO INTANXIBLE

A imaxe da Serra, erguéndose dende o mar ata o Alto da Gabiñeira, e afundíndose na Boca da Groba, levámola impresa todos os galegos, miñoranos ou non, que nacemos entre O Morrazo e o Miño. Non se trata dunha percepción estética, como trivializan as Avaliacións de Impacto Ambiental. Trátase dun fondo sentimento de identificación xenética (a atracción da natureza da que procedemos) e cultural (a atracción da paisaxe que sentimos nosa). A Serra é nosa como sinal de identidade. Un sinal de identidade do Val Miñor e de Galicia.

Ademais, a Serra conta coa mellor recollida de toponimia de Galicia (9.900 termos só no municipio de Oia), mostra da pegada humana nun monte que servía de sustento a numerosas explotacións agrícolas e gandeiras. E a toponimia está vencellada á terra, ás pedras, ás augas, ós camiños. E garda a súa memoria. Por iso as veces conduce a un xacemento arqueolóxico. Pero está xunguida aos lugares que nombra, e leva a súa sorte. Con eles, vive. Sen eles, desaparece.

En fin, que de levarse a cabo este proxecto, calquera día podemos acabar vendo un parque eólico nas Illas Cíes. Non sería moi diferente o nivel de tolemia necesario.



C.- A ENERXÍA EÓLICA EN GALICIA

Nos escuros anos do franquismo era unha imaxe recorrente aquela do dictador inaugurando pantanos.

Galicia non escapou daquel desenrolismo eléctrico, senón que foi unha das comunidades máis afectadas. Afectada, pero non favorecida polo ben que estaba producindo, e así moitas aldeas e lugares próximos ós encoros seguíanse alumeando con lámpadas de carburo moitos anos despois.

Esas obras significaron, nos máis dos casos, atentados ambientais e sociais que aínda están por valorar na súa xusta medida.

Na lembranza de moitos aínda está a revolta popular de Castrelo de Miño, esmagada polos corpos e forzas de seguridade do estado fascista, no cumprimento da súa función. A construción daquel embalse asolagou para sempre unha das zonas de maior fertilidade natural de todo o país. E a pesar de represións, silenzos e censuras, a noticia daquela resistencia popular percorreu toda Galicia.

Daqueles días é este debuxo asinado por Toxo no ano 1966.

Vivimos hoxe outros tempos e tamén outras dictaduras





Vaia por diante que, para nós, a enerxía eólica é un dos elementos necesarios para construír un modelo enerxético con futuro. Pero o inusitado desenrolo da explotación deste recurso en Galicia nos últimos dez anos merece unha reflexión.



A Xunta Eólica de Galicia

A comunidade autónoma de Galicia ten as competencias para regulamentar o aproveitamento do potencial eólico, e foron os gobernos do PP os encargados de crear a estrutura legal que o rexería. O decreto 205/95 foi pioneiro no estado español na regulamentación dos aproveitamentos eólicos e serviu como marco de referencia para outras comunidades autónomas.

Ese decreto foi substituído polo 302/2001, aínda vixente, que establece, na súa disposición transitoria 5ª, a compatibilidade entre os aproveitamentos eólicos e a Rede Natura 2000. É dicir, a Xunta de Galicia estimaba (e estima) que a conservación dos valores ambientais específicos das zonas incluídas dentro da Rede Natura non sufriría deterioro coa implantación neses espazos de parques eólicos.



A Serra do Xistral

Un exemplo deste desvarío é a Serra do Xistral, situada ó norte da provincia de Lugo e incluída dentro da Rede Natura 2000 pola súa extraordinaria biodiversidade e as caracteírsticas únicas do seu chan. Alí están operativos ou pendentes de execución máis de 20 parques eólicos.

Velaí un vídeo ben ilustrativo dese desastre:

Un caso moi interesante é o do Parque Eólico de Monte do Faro (Chantada). Desenvolvido por unha compañía multinacional dentro do espazo da Rede Natura 2000, a Consellería de Industria, declarou a prevalencia do uso enerxético deste espazo sobre calquera outro uso. Diante deste feito a Comunidade de Montes en Man Común de Argazón recorreu aquela decisión e, no pasado mes de xaneiro, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia veulles dar a razón ao acordar “repoñer o monte ó estado anterior á execución do parque”. É esta unha moi interesante sentencia desde o punto de vista ambiental, a pesar de non ser firme, pois foi recorrida pola consellería.



VIÑETA DE GOGUE NO FARO DE VIGO. 26/09/2007


Un crecemento inxustificable

Uns datos como punto de partida:

Galicia é, con diferencia, a primeira comunidade da Península Ibérica en produción de enerxía eléctrica de orixe eólica.

Incluíndo naturalmente a Portugal, que en toda a súa extensión non chega apenas á terceira parte da produción galega. Por se este detalle non resulta o bastante significativo para algún, imos engadir outro:

Galicia, o noso pequeno país, é a sexta (6ª) potencia mundial en produción de electricidade mediante o aproveitamento eólico.

Só superada por países como Alemania, Estados Unidos, India, Dinamarca (por moi pouco) e a propia España. Respecto a esta última producimos cerca da cuarta parte do total estatal, exactamente o 23,63%. (Dato de 2006).

Pero aínda hai máis:

Galicia é o segundo (2º) país mundial en explotación eólica en termos relativos, é dicir, Mega Watios producidos por cada quilómetro cadrado do territorio.

Neste último apartado só nos supera Alemania.

Sirvan para maior claridade e información as seguintes gráficas eólicas:

E vexamos agora a nosa posición mundial:

Dúas notas respecto a este último cadro:

  1. Dinamarca non aumentou a potencia no ano 2005
  2. Na produción de España está incluída a de Galicia

Pasemos de seguido a outras consideracións:

Galicia exporta o 40% da enerxía eléctrica que produce

Exportamos pouco menos da metade do que xeramos. Aquí está incluída a produción total, non só a eólica. Están incluídos os nosos ríos queimados desde o franquismo e tamén na democracia: as mini centrais, o Umia, (unha desfeita ben recente que están a completar) e tantas outras...

Hai máis:

En Galicia temos as centrais térmicas de produción eléctrica máis contaminantes de Europa: As Pontes de García Rodríguez e Meirama

Vinculada a esta última instalación (Meirama) está outra das revoltas rurais máis importantes do noso país nos últimos anos, entre os estertores do franquismo e a transición: a revolta das Encrobas. Alí estaba o xacemento de lignitos (a ceo aberto) que abastece ata agora ó monstruo. Os veciños e veciñas, lexítimos propietarios daqueles eidos, foron expropiados sen miramentos.

O seguinte vídeo, que rememora aqueles feitos, aporta lembranza e emoción.

Video das Encrobas

E non podemos deixar de dicir aquí que coa outra central térmica, a das Pontes, está ligado tamén un dos problemas ecolóxico e social máis importante e contestado actualmente en Galicia: A planta regasificadora de Mugardos, na Ría do Ferrol: a tristemente célebre REGANOSA.

Ante o próximo esgotamento dos xacementos de lignito, o gas natural será o seu substituto para manter a produción eléctrica. O día 30 de setembro tivo lugar no Ferrol unha nova manifestación multitudinaria contra esa planta regasificadora convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia e apoiada pola práctica totalidade dos grupos ecoloxístas de Galicia, incluído Salvemos Monteferro.


O reparto da riqueza

Todo este sufrimento, toda esta destrución ¿Para que valeu? ¿A quen serviu e a quen serve? ¿Onde foron parar (e van agora) os enormes beneficios producidos?

A maior parte, a inmensa maior parte destas explotacións que nos afectan a todos e todas, están en mans de empresas multinacionais que reparten os dividendos entre os seus accionistas, tamén multinacionais por certo.

¿Cantos Concellos de Galicia son enerxeticamente autosuficientes pola explotación eólica dos seus montes?

A enerxía eólica é das que chamamos renovable. Pero non é inocua. Non é contaminante pero produce efectos negativos no medio onde se instala. Tamén dicimos (ou máis ben diciamos) que é unha enerxía alternativa.

Pois a primeira alternativa que salta á vista, nun país que exporta o 40% da electricidade que produce, e que ten as centrais térmicas máis contaminante de Europa, sería pechar estas para sempre, deixar de crecer nese sector produtivo e exportar un pouco menos. As familias galegas, estamos seguros, non ían resentirse o máis mínimo desa diminución.

Pero as cousas non van por aí. Pola contra, moitas destas explotacións en mans das grandes empresas reciben a cualificación de utilidade pública. Léase con atención o seguinte texto:

Decreto 513/2005 da Consellería de Innovación e Industria, que modifica o Decreto 302/2001, polo que se regula o aproveitamento de enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

A modificación que introduce este Decreto se refire ao momento no que se ten que solicitar o recoñecemento de utilidade pública dun parque eólico.

O que indicaba o Decreto modificado era que esta debía de realizarse ao mesmo tempo que a solicitude de autorización da instalación.

A modificación introducida permite que o recoñecemento da utilidade pública se solicite con posterioridade á iniciación do procedemento conducente á obtención da autorización administrativa.

O que teña entendedeiras para entender que entenda...



2.- CAMBIANDO DE TEMA: A 1ª RECONQUISTA DE TORALLA

A illa de Tóralla, na Ría de Vigo, é un dos máis tristes símbolos da especulación e a destrución do noso litoral.

O sábado 8 de setembro un nutrido grupo de piratas empeñouse en reconquistala nunha operación de gran envergadura, levada a cabo con gran valor e precisión, tanto por terra como por mar.

 
TORALLA NOS ANOS 60  
 
  E TORALLA HOXE

As forzas da piratería, comandadas polo colectivo Xogo Descuberto e apoiadas polos comandos insurxentes de A Ría non se vende, fixéronse rapidamente co control da illa.

Logo chegou un grupiño de intelectuais que non foran convidados e...

Pero é mellor que o vexades vós cos vosos propios ollos, nesta magnífica superprodución cinematográfica. Unha peli de acción e aventuras para todos os públicos.


1ª Reconquista de Toralla

3.- SIMÓN, O NOSO SOCIO MÁIS NOVO

Este mociño tan guapo é Simón, o compañeiro máis novo de Salvemos Monteferro. Naceu o día 21 de xullo e xa leva con notable elegancia a nosa camisola.

Benvido Simón, que teñas unha longa, feliz, plena e fértil vida. E que chegues máis lonxe do que ningún de nós chegamos.

Para ti e para os teus fillos e fillas traballamos. Para que mañá vos chegue en herdanza verde e resplandecente, a identidade e a vida do país e do planeta no que nós, hai xa demasiados anos, nacemos.

E un bico tamén para papi e mami.