![]() |
Máis de 500 persoas responderon á nosa convocatoria. Nigrán foi unha festa. Tanto o acto de entrega das firmas e o proxecto alternativo no Concello, como a posterior comida e xuntanza en Monteferro, constituíron unha xornada festiva e de reivindicación nunca antes vivida na nosa vila. ![]() Algúns dos asistentes aportaron ás últimas follas de firmas reunidas, coas que se acadou o total de 9.575, que foron presentadas en 841 fotocopias compulsadas no rexistro de entrada da Casa do Concello. Os orixinais quedan así nas nosas mans, para poder presentalos en outras institucións con competencias sobre o disparatado proxecto. Na Praza do Concello leuse un comunicado que reproducimos integramente a continuación. O comunicado de Imos entregar hoxe as firmas que, gracias a todas e todos os que aquí estamos e moitos máis que non están, conseguimos xuntar en tan pouco tempo. Entregaremos tamén unha copia do noso Proxecto Alternativo para un uso sostible do monte. Defendemos Monteferro, un pequeno espacio natural privilexiado, dun monstruoso proxecto que significaría o seu fin: a realización dunha absurda carretera, un anel ao redor do monte, con principio e fin nunha descomunal rotonda. Unha rosquilla sinistra con beirarrúas, farolas e aparcamentos que, na zona do cumio, chegaría a ter 16 metros de ancho. Por se fose pouco, tamén se quere asfaltar un camiño de baixada a Portocelo. ![]() Defendemos Monteferro porque xa vimos desaparecer pouco a pouco moito do noso patrimonio natural máis valioso e non queremos. que a desfeita continúe. Nin por avaricia, nin por ignorancia, nin por mala fe. Defendemos o patrimonio natural, etnolóxico, arqueolóxico e histórico de Nigrán e do Val Miñor e pensamos que todo xunto constitúe precisamente o seu auténtico patrimonio turístico. Ninguén virá visitarnos cando todo estea asfaltado e construído. Defendemos Monteferro porque defendemos Nigrán e non queremos un Nigrán devorado cheo de edificios nos que non vive ninguén, baleiros todo o ano menos un mes. Non queremos vivir nunha vila de casas pechadas e persianas baixas. E, a pesar de tanto ladrillo, os aquí nacidos teñen que marchar para atopar vivenda noutras vilas e lugares con prezos menos prohibitivos. Os que xa temos máis de corenta cumpridos recordamos as dunas de Gaifar. Os máis novos teñen que conformarse con fotos. ![]() Durante dous anos, día tras día, camión tras camión, foron levando toda a area. Logo parcelaron, venderon e edificaron. Todo en nome do progreso. Eran outros tempos e outras dictaduras. Pensabamos que algo así non se podería repetir. Hoxe estamos diante da Casa do Concello, a institución que debería velar pola conservación de todo ese patrimonio, onde toda a chuvia caída desde aquela debía ter aclarado as ideas do que é, e do que non é progreso. Pero parece que para aclarar as ideas de algúns tiña que chover lixivia. Agora tocoulle a Monteferro. E é precisamente o máximo representante desta casa, quen, unilateralmente, sen debater sequera o asunto nun Pleno, firma a súa sentencia de morte. Monteferro é un pequeno espacio cun gran valor. É un tesouro que chegou ata hoxe. Medio espoliado polo SAU e outras lindezas, resistiu ata hoxe, cando xa deberíamos ter aprendido dos erros anteriores, cando por todas partes temos exemplos claros do que nunca se debeu facer, exemplos que un Alcalde e un goberno municipal deste século, deberían coñecer. Os folletos de promoción turística do propio Concello venden un Nigrán cheo de encantos naturais que eles mesmos están a destruír. Para eles nada ten valor porque todo ten prezo. ![]() Nestes últimos días, por dúas veces, este Concello foi noticia nos medios de comunicación. Non precisamente para anunciar concertos no auditorio municipal, porque en Nigrán non o hai. Non foi para anunciar a entrega de chaves de pisos de protección oficial ou de baixa renda, porque aquí nunca se fixeron. Non, as dúas noticias foron: A apertura dun expediente da Unión Europea pola falta de limpeza das nosas praias e unha sentencia xudicial que o condena por acoso laboral a unha das súas funcionarias. Este é o nivel. Defendemos Monteferro porque é un lugar senlleiro, un símbolo acrecentado polo seu fermoso nome, e porque para nós ten ademais un enorme valor sentimental. Pero non esquecemos o demais. En Chandebrito queren facer un campo de golf: unha afección que, por certo, aquí nunca tivemos... Un campo de golf que consumiría tanta auga coma unha vila de 12.000 habitantes, e contaminaría os acuíferos con 49 toneladas ó ano de abonos e pesticidas. Un campo de golf que significaría tamén a destrucción dun patrimonio arqueolóxico, constituído por numerosos petroglifos e mámoas que en calquera outro lugar de Europa, debidamente promocionados e coidados, constituirían un atractivo turístico de gran importancia. Aquí, en cambio, en Montecastelo, fanse carreiras de motos por riba de tan antergos monumentos. E na parroquia de Camos, este concello, permitiu e apoiou a destrucción de tres xacementos prehistóricos para facer unha monstruosa pista de auto cross. Unha pista ilegal, carente de licencia e que mesmo foi inaugurada polo alcalde. E isto por non falar de portos deportivos e outras ameazas do novo Plan Xeral. ![]() E saíndo do noso val, en Cangas, combativos compañeiros, levan meses impedindo coa súa presencia diaria, as obras doutro aberrante porto deportivo. Porque agora e entre nós hai algúns representantes deses homes e mulleres, pedímosvos para eles un aplauso solidario. E xa que estamos niso, outro aplauso para os compañeiros de “SOS Touriñán” pola súa victoria. * * * Pero a lista das desfeitas programadas sería moi longa para relatar aquí: A contaminación da Ría de Vigo e a súa calamitosa depuradora, o aterramento da praia da Pescadoira, unha preciosa praia urbana de Bueu, onde tamén está en perigo a praia de Beluso. En Sanxenxo queren facer unha ronda que remataría co pouco que queda sen edificar, unha canteira quere acabar cos penedos da praia de Traba, e Cabo Vilano, e Pontedeume, e a Praia das Catedrais, e Chapela, e Arcade, e Teis, e poderíamos seguir e seguir... Baste para facermos unha idea o arrepiante dato: Os concellos costeiros galegos teñen programadas 600.000 vivendas para construír nos próximos anos. En todos e cada un destes lugares en perigo, un pequeno grupo de irreductibles galos resisten agora e sempre ó invasor común. Se os cidadáns e cidadás fomos quén de demostrar dignidade e forza cando o Prestige, a acción e a unidade de todos e todas nós, é necesaria agora, porque a ameaza de catástrofe que pesa sobre as nosas costas non é menor. Se daquela nos enfrontamos a unha terrible marea negra, hoxe temos diante unha abominable marea gris, de cemento e de especulación, que nos quere comer todo o litoral galego. Unha insaciable marea gris que aínda ten fame despois de papar todo o Mediterráneo. Dende o noso pequeno Monteferro queremos lanzar un fío de esperanza e resistencia a todos os reductos do litoral galego ameazado, para xuntos e firmes defender o noso patrimonio irrenunciable: a paisaxe, a vida e a identidade do noso pais, do noso planeta. Nigrán, 13 de maio de 2006 ![]() ![]() 14/05/06 | Acto reivindicativo en Nigrán Miembros de una plataforma entregaron ayer en el Concello más de 9.000 firmas en contra de la invasión forestal .... [+] FARO DE VIGO 14/05/2006 ![]() El colectivo congrega ante el Concello a unas 500 personas para protestar por la privatización de un espacio público. .... [+] ![]() NO MONTE Nestes próximos días iremos engadindo na nosa sección de fotos imaxes da preciosa tarde de primavera que pasamos o sábado en Monteferro, pero non podemos deixar de ofrecer aquí unhas poucas. |