3.- DEPURADORA DO LAGARES


Verte ó río cada segundo 900 litros de augas residuais sen tratar

Desde finais dos anos oitenta Vigo intenta resolver o grave problema da depuración das súas augas residuais. Nos noventa decidiuse situar na desembocadura do Lagares a principal estación da cidade, pero as obras tardaron anos en comezar por mor dun litixio pola propiedade dos terreos.

A planta non empezou a funcionar ata 1997, e despois dela se inauguraron outras dúas de menor tamaño en Teis (cubrindo a área de Chapela) e en Gondomar (incluíndo a cidade universitaria). A previsión da Xunta era que estas tres depuradoras fosen suficientes para as necesidades da cidade.

Unha previsión que se demostrou errónea, pois a estación do Lagares non ten capacidade para depurar as augas do municipio unidas ás pluviais, xa que non existe separación dunhas e outras. A consecuencia é que a metade volven á ría sen depurar, cos problemas medioambientais que iso supón.

A maiores, a instalación do Lagares padeceu importantes problemas de deseño, producindo un cheiro insoportable que sofren desde hai 9 anos os veciños de Coruxo. Tras numerosas protestas, a Xunta e o Concello abordaron un plan de mellora que fracasou.



Contamina máis que ENCE e 800 veces máis que todas as industrias da ría xuntas

O 27 de xuño de 2005 o pleno do Concello de Vigo aprobou unha medida sen precedentes: financiar o aloxamento nun hotel da cidade a máis de 70 persoas que residen nas inmediacións da depuradora. Isto significaba tamén certificar o fracaso da mesma, polo que se empezou a recoñecer a necesidade dunha segunda instalación que a complemente.

Nesas andabamos cando o Tribunal de Xustiza da Unión Europea impuxo unha multa de 20 millóns de euros ó Estado español, a finais de 2005, pola contaminación das augas da Ría de Vigo, pois non reúnen as calidades necesarias para o cultivo de moluscos.

Co regulamento que entrou en vigor este mesmo ano, a ausencia de saneamento na ría podería conlevar, no peor dos casos, multas de ata 95,7 millóns de euros que se repetirían cada seis meses ata que se solucione o problema.

O Concello e a Xunta teñen escenificado numerosos desencontros neste tema. Aparte doutras rocambolescas propostas (como a de Cabo Silleiro), o Concello de Vigo pretende construír a nova depuradora no recheo de Bouzas. Ubicación presuntamente ilegal que choca ademais coa oposición maioritaria e manifesta de veciños e veciñas. Son, por outra banda, terreos xurisdiccionais da Autoridade Portuaria que, parece, non está pola labor.

O Plan Xeral de Ordenación Urbana está freado por esta e outras cuestións.

A día de hoxe, e en palabras de técnicos da Consellería de Medio Ambiente, “contamina máis a estación do Lagares que ENCE na Ría de Pontevedra”.

O propio Conselleiro, Manuel Vázquez, desvelou que esta depuradora chega a verter 900 litros por segundo de augas residuais sen tratar, directamente á Xunqueira do Lagares, e "aporta á Ría de Vigo unha carga anual de coliformes 800 veces superior ó que aportan todo o resto das instalacións industriais".

Hemeroteca: http://www.iberica2000.org/Es/Articulo.asp?Id=3124
Un artigo: http://www.xornal.com/article.php3?sid=20060618143815
Depuradoras Ría de Vigo: http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pNumEjemplar=2761&pIdSeccion=2&pIdNoticia=88996&rand=1159076115475




VOLVER Ó MAPA