![]()
MONTEFERRO HOXE...
Nese Consello, único foro de debate sobre o novo PXOM, participan máis de 20 colectivos de Nigrán, o que constitúe a práctica totalidade do entramado asociativo do concello. Partidos políticos, asociacións veciñais, deportivas, culturais, sociais, profesionais e ecoloxistas, de todas as tendencias e ideoloxías, que nos unimos para buscar, tras longas reunións e debates, unha visión conxunta e consensuada do Nigrán que queremos no futuro. E onde, por certo, non contamos coas achegas e contribucións do PP nin da UCN, porque non se dignaron debater cos colectivos de Nigrán. Agora mesmo descoñecemos os seus puntos de vista sobre o planeamento do concello; iso si, de entrada posiciónanse contra todo o proceso de tramitación do PXOM.
A calificación como urbanizables deses 20.000 m2, aparecida no documento de avance do Plan Xeral, contradí gravemente o acordo alcanzado pola Asemblea do Consello Sectorial respecto a Monteferro, acordo que foi aprobado por abrumadora maioría, cun único voto en contra. O texto final (que recollía integramente unha proposta de Salvemos Monteferro) dicía así: “Consideramos que o PXOM debe integrar e aumentar as medidas protectoras de Monteferro que conteñen as actuais normas subsidiarias, impedindo [...] intervencións que modifiquen o seu carácter de espazo natural, que é a maior riqueza que para Nigrán representa Monteferro.” E contradí así mesmo outro acordo da mesma Asemblea (tamén maioritario e tamén baseado nunha proposta deste colectivo) respecto a toda a franxa costeira do concello, no que textualmente se consideraba “que cómpre restrinxir ao máximo a construción de novas edificacións e infraestruturas nesa zona [litoral] sensible”.
Tampouco podemos entender, nin moito menos aceptar, as explicacións do equipo redactor e do propio alcalde, en canto a que esta aberración responde a que eses terreos tiñan xa a calificación de urbanizables nas normas subsidiarias. Para que se fai un PXOM? Para manter a ordenación preexistente ou para facer unha nova máis acorde coa realidade actual? Para copiar e perpetuar erros ou para corrixilos? Ademais cómpre lembrar que esta “zona urbanizable” non aparecía como tal no documento de inicio, nin tampouco (cousas veredes) no defenestrado PXOM do tristemente célebre Alfredo Rodíguez Millares. E aínda máis: vai tamén en contra do estipulado no documento previo á aprobación inicial do Plan de Ordenación do Litoral (POL), enviado recentemente pola Xunta aos Concellos, no que os terreos en cuestión aparecen cualificados como de “Mellora ambiental e paisaxística”, cualificación que impide a edificabilidade. MONTEFERRO NO PLAN DE ORDENACIÓN DO LITORAL DA XUNTA DE GALICIA ![]() A pesar do fondo malestar que estas novas nos producen, non podemos menos que alegrarnos ao constatar a maioritaria sensibilidade que respecto a Monteferro se espertou na cidadanía e, sorprendentemente, tamén nalgún concelleiro da oposición que ata agora vivía ben lonxe dese tipo de preocupacións. Que ninguén teña a menor dúbida (e el tampouco) de que Salvemos Monteferro loitará con todas as ferramentas e medios ao seu alcance para evitar un novo atentado contra ese espazo natural senlleiro, o único que nos queda en todo o litoral sur da nosa malferida e malpocada ría de Vigo. SALVEMOS MONTEFERRO |