http://www.salvemosmonteferro.org
Monteferro, 03 de agosto de 2020:




Ardeu un lugar moi especial de Monteferro.



Por sorte non chegou a ser todo o que puido chegar a ser, pero cando vimos as lapas que ían pola ladeira sur cara o cumio, xa tivemos, como tantas de vós, o corazón nun puño.


As lapas en Monteferro

É a crónica dunha morte anunciada. Levamos moitos anos denunciando a necesidade de iniciar un cambio no modelo forestal do monte. Monteferro está constituído na súa maior parte por especies alóctonas e pirófitas (piñeiros, eucaliptos e acacias), aposta funesta cando de lume se trata e nunca houbo intención de mudar esta nefasta política forestal. Asistimos a talas masivas e ilegais, a unha brutal presión urbanística que permite actuacións ilegais denunciadas por esta e outras asociacións medioambientais, sen que ata o momento nin a Comunidade de Montes nin as administracións teñan reaccionado ante tales agresións.

É hora de nos ir decatando colectivamente que Monteferro é dunha fraxilidade tremenda e que non admite xa máis abusos.

Temos a responsabilidade de mantelo e de coidalo. Tanto a xente de a pé como as autoridades, concellos, consellos e ministerios. Agora, en tempos de pandemia, parece que a protección medioambiental non ten importancia ningunha, cando se está a demostrar todo o contrario, que dos ataques indiscriminados ao medio natural veñen, en grande medida, as epidemias e graves problemas para a saúde, e xustamente hoxe necesitamos máis que nunca a forza de todas.

Salvemos Monteferro naceu polo 2006 para chamar a atención sobre a presión urbanística que daquela existía sobre un dos lugares emblemáticos, desde o punto de vista paisaxístico e da riqueza natural das Rías Baixas: Monteferro.

A resposta da xente foi enorme. Conseguiuse paralizar unha pista de circunvalación do monte, proxectada para facilitar a urbanización dese espazo, e que había ser cuberta... con asfalto!. Co bipartito na Xunta houbo declaracións de intencións para establecer maior protección para Monteferro, pero todo quedou en nada.

Seguimos en permanente estado de alerta contra as cortas indiscriminadas, reclamamos e denunciamos unha e outra vez o coidado do monte por parte da Comunidade de Montes e a vixilancia institucional. Lonxe de procurar unha protección ambiental real, a aposta perece encamiñada á celebracións festivas, concertos... que en nada axudan á protección medioambiental do lugar. Convertilo en escenario natural é doado. O lugar é fantástico. Tan fantástico que alguén lle quixo dar luz e lume, para maior realce.

Na noite do día dous de agosto, finalmente, o lume fíxose presente. Quen foi? Calquera, porque nesta sociedade do desatino, as cousas ocorren como elemental corolario. Porque todo conduce á desfeita.

Esa noite ardeu un espazo máis ou menos reducido. A resposta da xente e o áxil funcionamento dos medios postos en acción, o papel das institucións, neste caso, evitaron males maiores. Salvemos Monteferro seguirá puxando para que Monteferro sexa un lugar natural e protexido, que é dende o principio o principal obxectivo da nosa organización.

Contamos con vós, persoas amigas do común.

Comentarios actuais

0 comentarios até agora (pon o teu)

Deixe o seu comentario:

Autor:

E-Mail:

URL:

Comentario:


 


Teclee estes caracteres:

 

Nota: As contas de Email non serán visibles e usaranse só para validar o seu comentario. Manteña as formas. Calqueira comentario insultante, inapropiado ou ofensivo será eliminado.

Non se permite código HTML. Os saltos de liña serán convertidos automaticamente. Por favor, utilice BBCode para formatear o seu texto.