A comunidade de montes de Burgueira, no municipio pontevedrés de Oia, calculou que a retirada da area que arrasou as pozas naturais do río Tamuxe custará ao redor de medio millón de euros. Mentres tanto, a multa á que se expoñen os responsables da empresa causante do desastre podería non superar os 300.000 euros, segundo manifestou onte o presidente da entidade, Camilo González Giráldez.
A catástrofe sucedeu o pasado mes de xuño, cando a apertura das comportas do encoro que xestiona a empresa produtora de enerxía eléctrica Hidrotide cubriu de lodo un tramo dun quilómetro río abaixo.
Especialistas da Escola Técnica Superior de Minas da Universidade de Vigo finalizaron onte o traballo de campo para analizar as consecuencias da vertedura e estiman que hai unhas 3.000 toneladas de area na canle do río procedente do encoro. En calquera caso, a cifra non é inferior ás 2.000 toneladas nin superior a 4.000, segundo os cálculos dos expertos.
O profesor Alejandro Argüelles afirmou que a corrente do río non pode evacuar de xeito natural semellante cantidade de sedimentos. Para evitar que os danos sexan irrecuperables habería que extraer a area empregando maquinaria e ata manualmente nalgunhas zonas de difícil acceso, por tratarse dun lugar montañoso e con pendente.
Farían falta encher uns 400 camións para poder quitar toda a area e devolver as pozas ao seu estado inicial. Sería a única forma de permitir que volvan converterse nun dos lugares máis frecuentados por veciños e visitantes durante a tempada de verán.
Nin a comunidade de montes de Burgueira nin o propio Concello de Oia teñen medios para levar a cabo estes traballos e solicitan que sexa a Xunta ou a Confederación Hidrográfica do Norte quen se fagan cargo das tarefas.
Area da presa
Os estudos levados a cabo pola Escola de Minas de Vigo serviron tamén para confirmar que a area da vertedura procede do encoro da minicentral eléctrica. A compañía acusada pola comunidade de montes de Burgueira da desfeita das pozas eximiuse de toda responsabilidade.
O portavoz da empresa afirmou que nunca chegaron a abrir a porta do encoro e que a terra acumulada procedía dunha plantación de kiwis próxima e dunha canteira abandonada.
A empresa Hidrotide xestiona o encoro e a minicentral desde fai 19 anos e polo uso do chan que pertence á comunidade de montes de Burgueira paga un canon anual de 700 euros.
O encoro que a empresa Hidrotide xestiona no río Tamuxe aínda continúa sendo unha ameaza para un dos principais elementos do patrimonio natural e turístico do municipio de Oia. De feito, o pasado mes de xuño só se vertió unha pequena parte dos sedimentos que hai acumulados nesta presa, que nunca foi limpada desde que a minicentral comezou a funcionar no ano 1991.
Os expertos sinalan que aínda podería haber ao redor de 20.000 toneladas de area acumuladas neste espazo.
O presidente da comunidade de montes, Camilo González Giráldez, requiriu onte á empresa a que proceda á limpeza urxente da zona para eliminar calquera perigo de que volvan producirse máis verteduras.
A catástrofe sucedeu o pasado mes de xuño e, tres meses despois, a situación na canle do río Tamuxe non só non mellorou, senón que está aínda peor.
Peor polas choivas
As choivas torrenciais que caeron ata o pasado fin de semana desprazaron toneladas de area afectando a un tramo de 400 metros río abaixo. E as pozas continúan cubertas completamente polo lodo. Especialmente preocupante foi a destrución da coñecida poza do Arco, unha cavidade con sete metros de profundidade onde sempre se bañaron os veciños e que, despois do desastre, pódese atravesar camiñando.
Os comuneiros témense que se non leva a cabo a retirada da area, este inverno, por efecto da corrente e das choivas, acabe arrastrándose río abaixo e taponando tamén as coñecidas pozas de Loureza, un espazo natural de singular beleza que tamén durante a tempada de verán atrae por centos de bañistas.
Outra das consecuencias da vertedura foi a desaparición da troita, que fai anos pescábase en abundancia na zona. O encoro non foi deseñado no seu momento para permitir que os exemplares puideron atravesalo río arriba para poder desovar.
A posta en funcionamento da minicentral eléctrica permitiu á empresa o aproveitamento económico da canle do río, pero os veciños e propietarios do monte están tendo que pagar un prezo moi alto por permitir esta actividade no seu territorio.
![]() |
![]() |
![]() |