A Comisión Ospar, reunida hoxe en Brest (Francia) aceptou a proposta presentada pola Consellería de Medio Ambiente, representada polo director xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza, para que Galicia fose a sede da xuntanza do MASH deste ano
A reunión deste comité de traballo desenvolverase do 21 ao 24 de outubro en Baiona
Galicia converterase deste xeito na sede de traballo dun grupo de técnicos especialistas en áreas mariñas protexidas, especies e hábitats, de diferentes países europeos
A elección de Galicia como sede do MASH ven derivada da integración do Parque das Illas Atlánticas á Rede Ospar de Áreas Mariñas Protexidas, que hoxe se formalizou en Brest
Brest, 27 de xuño de 2008.- Galicia será a sede este ano da reunión do Comité Europeo “MASH”, integrada por expertos en áreas mariñas protexidas, especies e hábitats, dependente do Comité de Biodiversidade do Convenio para a Protección do Medio Ambiente Mariño do Atlántico Nordeste (OSPAR). Este foi un dos acordos acadados na reunión da Comisión Ospar que hoxe se celebrou en Brest, e na que participaron o director xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza, e o director do Parque das Illas Atlánticas, Xosé Antonio Fernández.
A Comisión Ospar aceptou a proposta do representante da Consellería de Medio Ambiente, Xosé Benito Reza, para a celebración desta reunión de traballo en Galicia no vindeiro mes de outubro. A elección da comunidade galega como sede do MASH ven derivada da integración do Parque das Illas Atlánticas á Rede Ospar de Áreas Mariñas Protexidas, que hoxe se formalizou en Brest, e que supón que o conxunto das Illas Atlánticas pase a ser a primeira Área Mariña Protexida de España con carácter internacional, ao incorporarse a esta rede europea.
O encontro, que terá lugar entre o 21 e o 24 de outubro en Baiona, suporá que Galicia acolla a preto dun cento de expertos para debater, traballar e adoptar acordos relacionados co hábitat e a biodiversidade. De feito, a proposta que hoxe presentou o director xeral de Conservación da Natureza,
Xosé Benito Reza, recibiu o beneplácito unánime dos máis de 60 expertos reunidos na Comisión Ospar en Brest, que representan aos países integrados no Convenio Ospar.
Rede Ospar
A Rede Ospar foi creada no marco do Convenio de Protección de Medio Ambiente Mariño do Atlántico do Nordeste (OSPAR). A comisión Ospar, órgano decisorio do convenio, acordou a proposta da inclusión das Illas Atlánticas a esta rede europea, sendo a primeira e única candidatura presentada por España. Xunto ás Illas Atlánticas incorporáronse hoxe á rede europea as áreas mariñas de outros países como Dinamarca, Francia, Portugal, Suecia, Alemaña, Noruega e Reino Unido, que suman en total 38.178 quilómetros cadrados de novo territorio protexido internacional na Rede Ospar.
O Convenio Ospar é o primeiro referente á nivel mundial para a protección do medio mariño. De feito, os documentos de traballo que emite periodicamente, a definición de estratexias e o desenvolvemento de plans e programas para a loita contra a contaminación e a defensa do patrimonio natural dos océanos son referentes de primeiro orde para a Comisión Europea así como para outros países fora da Unión, á hora de definir, a nivel de gobernos, as políticas de protección do medio mariño.
Convenio Ospar
A Rede Ospar desenvolvese no marco do convenio do mesmo nome, relativo á protección do medio ambiente mariño do atlántico do nordeste, subscrito en París en 1992. Dende a súa entrada en vigor o convenio o seu articulado é de obrigado cumprimento para as partes contratantes, que son Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Francia, Alemaña, Irlanda, Islandia, Luxemburgo, Países Baixos, Noruega, Portugal, España, Suecia, Suíza, Reino Unido e a Comunidade Europea.
O traballo realizase por medio dos comités, que abarcan as áreas de sustancias perigosas, sustancias radioactivas, industria do gas e petróleo en mar aberto, eutrofización, biodiversidade e vixilancia e avaliación. A súa vez, varios grupos de traballo dependen destes comités, como o MASH, encargado da implementación da estratexia da biodiversidade, no que se inclúen especies e hábitats mariños.
![]() |
![]() |
![]() |