Acceso directo á nova.
Salvemos Monteferro
Nova 792


La Voz de Galicia

GALICIA


O cambio climático retardou a renovación das augas das Rías Baixas un 240% en medio século

08/04/2008 | Ch. C.


O proceso é tan complexo como delicado. A mestura de augas superficiais máis quentes coas dos fondos das rías máis frías estase alterando como consecuencia do cambio climático. E as consecuencias poden dar ao traste cun ecosistema que fixo da costa sur galega unha fábrica natural de recursos mariños.

Pero o cambio climático está afectando aos tempos de renovación das augas. Un estudo do Instituto Español de Oceanografía en colaboración coa Universidade de Vigo cuantificouno coas medicións realizadas desde os anos sesenta do século pasado. No medio século, o proceso retardouse un 240%.

Os expertos piden cautela á hora de valorar a incidencia dunha mestura máis lenta das augas. Hai consenso acerca de que a alteración do ecosistema implicará un cambio tamén nas migracións das especies. Unhas iranse e chegarán outras. Pero outras, como o mexillón, cuxa produción se realiza de forma estática nos miles de bateas que converten as Rías Baixas en líder mundial, non se poderán mover. E xeran trece mil empregos e unha facturación anual de cen millóns de euros.

Superobservatorio

Pero mentres o estudo é aínda incipiente, a Consellería de Medio Ambiente está creando en Lourizán, en Pontevedra, un observatorio sobre os efectos do cambio climático. Alí pretende dispor dunha gran base de datos que porá a disposición do público.

De momento, o xerme do supercentro son unha serie de estudos sobre o cambio climático e os seus efectos en Galicia. Neles trátase tamén a incidencia da alteración climática sobre especies mariñas galegas. Segundo os primeiros datos, o comportamento das algas tamén está mudando de forma lenta pero inexorable.

A diminución en parte da poboación de certas especies débese ao incremento do nivel do mar, consecuencia á súa vez do seu quecemento. As augas soben; lentamente, pero soben. Fano a un ritmo de 2,68 milímetros por ano desde que se ten constancia. Pero o incremento anual imperceptible tórnase máis que notable se se fai o cómputo unha vez transcorrido máis de medio século.

As primeiras medicións realizáronse na ría de Vigo en 1943 e desde entón o nivel do mar subiu a nada desdeñable cifra de 17 centímetros da man dun incremento da temperatura da auga, que nos últimos trinta anos subiu 0,8 graos.




Atrás
Nova Anterior Índice dor Recortes Nova Seguinte