O grupo socialista demanda que os veciños teñan preferencia para acceder aos pisos de protección
O alcalde de Nigrán, Efrén Juanes, esixirá á Consellería de Vivenda que o plan para a construción de pisos de protección no termo municipal non signifique a expropiación da casa de ningún veciño.
Esta postura trata de aliviar a tensión xerada entre os afectados polo plan sectorial que contempla a creación de 1.950 pisos en 450.000 metros cadrados repartidos en tres áreas do municipio. O grupo socialista someterá a debate a esta cuestión no pleno extraordinario convocado este mediodía a petición da oposición para debater este plan de chan residencial.
Ademais exporán que para apoiar a proposta definitiva do plan sectorial terá que contar cun informe favorable do equipo redactor do Plan Xeral. «Isto vai acabar coas suspicacias que apuntan a que o plan poida hipotecar o desenvolvemento doutras parroquias», explicou onte o rexedor.
Outro dos requisitos que demandarán á Xunta é que sexan os propios veciños de Nigrán os primeiros en ter acceso ás vivendas protexidas, para o que fomentarán a creación de cooperativas locais. Os socialistas tamén queren que os veciños que o desexen poidan permutar os seus terreos por edificabilidade, para que a expropiación sexa o último recurso. Apostan ademais pola creación dunha comisión na que estean representados todos os grupos da corporación, co fin de establecer entre todos os ámbitos e o número de vivendas que pareza razoable.
Pleno
O goberno de Nigrán enfróntase hoxe a un dos plenos máis difíciles do seu mandato por ter que abordar un plan de vivenda protexida impulsado pola Xunta que xerou unha enorme polémica entre os veciños.
Os grupos da oposición intentarán pór aos membros da coalición entre o eixo e a roda para buscar o seu posicionamento sobre este proxecto. A sesión será seguida por moitos afectados que foron convocados pola plataforma cidadá que rexeita o plan sectorial.
O alcalde socialista, Efrén Juanes, buscará adoptar unha fórmula de consenso impondo a Vivenda as matizacións mencionadas para salvagardar os intereses dos veciños. Pero na reunión de portavoces previa de onte non logrou convencer aos membros da oposición, que, do mesmo xeito que a plataforma cidadá, esixe a retirada total do plan sectorial de chan residencial, por considerar excesivo o número de vivendas expostas e a cantidade de terreos a expropiar.
![]() |
![]() |
![]() |