Desde que o sábado 13 de maio de 2006, ás 12,45 horas, presentamos no Rexistro de Entrada do Concello de Nigrán,
9.575 firmas
contra o proxecto de destrucción de Monteferro, así como un serio e rigoroso
Estudio e Plan Alternativo.
Este estudio, que en realidade se titula “Estudio e propostas de aproveitamento forestal e multifuncional de Monteferro”, recolle, en algo máis de douscentos folios, o traballo de varios profesionais (avogados, biólogos, enxeñeiros forestais...) para buscar alternativas de futuro a Monteferro, respectando sempre o seu carácter de espacio natural.
O seu rigor e seriedade pódense contrastar entrando na sección de Descargas de esta páxina web, onde está ó voso dispor.

Máis de 500 persoas quixeron estar alí aquel día, apoiando coa súa presencia física ós case 10.000 cidadáns e cidadás que asinaron o documento contra o vial e a deforestación.
Son números moi significativos para un concello de 18.000 habitantes.
Pasaron e van pasando, un a un, estes días, e nin tan sequera temos recibido un mísero acuse de recibo. Foi como botar aqueles 1.000 folios, no contenedor azul.
Ollo, que non estamos a pedir audiencia. Non somos necrófilos, nin amigos de velar cadáveres, aínda que sexan cadáveres políticos: Queremos só denunciar o seu olímpico desprezo pola cidadanía.
Non nos sorprende. De antigo coñecemos os problemas auditivos do noso goberno local. (Por iso presentamos todo por escrito... pero non bastou)
Tampouco bastaron (desafortunadamente) palabras, nin voces, nin berros, nin escritos, para deter o intento de aprobar, polo procedemento sumarísimo, o agora defunto Plan Xeral. (Que en paz descanse.)

Aquel luminoso día de xuño, baixo os escudos dos antidisturbios, o noso inefable Alcalde, encheuse a boca coa palabra democracia:
“Democracia posta en perigo pola violencia veciñal”, dicía el... ¡Que cousas!
Pois ben, nós, hoxe, agora, parafraseando a Curros, temos que dicir:
...Se isto é democracia,
que o demo me leve!
| CERRAR VENTANA |