http://www.salvemosmonteferro.org
   





Monteferro, 14 de marzo de 2008:


NOVAS CORTAS ILEGAIS
DE ARBORADO EN MONTEFERRO



Xa había moito tempo que non tiñamos que falar de Monteferro para dar conta dunha nova tropelía.


O pasado día 6 iniciouse unha corta masiva de pinos e eucaliptos que afectou á zona comprendida entre a carreteira de subida e o camiño do faro, nunha extensión superior a unha hectárea.

Unha corta a mata rasa, explicitamente prohibida polas Normas Subsidiarias vixentes.

Ao día seguinte Salvemos Monteferro presentou a correspondente denuncia ante a Concellería de Medio Ambiente de Nigrán:


D. Xosé Reigosa Solleiro, con D.N.I. nº _______________, con domicilio na rúa , _______________________________________, Nigrán, como representante legal da Asociación de Defensa Medioambiental Salvemos Monteferro, e en nome dela, mediante o presente escrito


EXPÓN


Desde o día de onte, 6 de marzo de 2008, estanse a producir cortas de arborado en Monteferro.

Moitas destas cortas estanse levando a cabo a mata rasa, vulnerando o estipulado nas Normas Subsidiarias deste Concello de Nigrán que na súa Ordenanza 17 prohibe explicitamente para Monteferro “La tala de arbolado que no se produzca por entresaca.” (Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra Número: 271, do 23 de Novembro de 1.991, páxina 40).

As Normas Subsidiarias son a regulamentación máis concreta a aplicar, tal e como o seu nome indica. Na posible contradicción coa lei de Montes prevalecerán sempre as Normas Subsidiarias, por non ser ningunha das dúas normativas de rango superior e ser estas máis específicas para o lugar en cuestión.

Queremos resaltar aquí que cando se dictaron estas Normas, como tamén agora, a masa forestal de Monteferro estaba composta fundamentalmente por pinos, eucaliptos e acacias, polo que non cabe, como alguén ten dito, facer distincións entre especies á hora de esixir o seu estricto cumprimento.

Por todo o exposto


SOLICITA


Que esa Concellería tome as medidas necesarias para impedir, por todos os medios ao seu alcance, a vulneración da normativa vixente, e que se apliquen no seu caso as sancións pertinentes.


Asdo. Xosé Reigosa Solleiro



Nigrán, 7 de marzo de 2008   



Concellería de Medio Ambiente, Concello de Nigrán

A partir de aí, dúas noticias:

Unha boa e unha mala.

A boa é que como consecuencia desta denuncia o Concello abriu un expediente e paralizou cautelarmente os traballos.

A mala, que tardou cinco días en facelo e agora unha nova calva de moi considerables dimensións continúa o camiño de deforestación e deterioro do monte como espazo natural.


Compre salientar que esta é a primeira vez que o Concello de Nigrán toma as medidas necesarias para facer cumprir a lexislación vixente sobre a corta de arborado en Monteferro.

A Ordenanza 17 das Normas Subsidiarias, dictada especialmente para ese espazo natural, é, como dicimos na denuncia, a norma máis específica e restrictiva, polo que prevalece sobre outras normativas. Outra cousa sería Monteferro hoxe se, hai algo máis de dous anos, os responsables municipais houberan actuado co mesmo respecto pola lei.

Tan é así, que cando a policía municipal fixo saber aos infractores que o concello viña de abrir un expediente, aduciron ter permiso da Consellería de Medio Rural e fixeron caso omiso do requirimento, obrigando ao Concello a dictar a paralización cautelar dos traballos. O costume manda.

Coa Delegación da Consellería de Medio Rural puxémonos en contacto o mesmo día 6, cando comezaron as cortas. Falamos co Sr. Delegado e co Xefe de Zona, e nos dixeron que esas actuacións estaban autorizadas por eles nunha medida que non nos concretaron, pero que (sostiñan) eran adecuadas para a xestión do monte.

Alegaron descoñecemento das Normas Subsidiarias, afirmando que a Lei de Montes, en todo caso, prevalecía sobre elas.

Sorprendentes afirmacións.

Por unha banda as repetidas Normas Subsidiarias foron presentadas por esta Asociación até catro veces nesa Delegación de Medio Rural nos últimos dous anos.

E por outro lado, que persoas que ostentan un cargo de responsabilidade na administración ignoren un precepto legal tan elemental como a prevalencia da norma máis concreta e restrictiva é, como mínimo, chocante.

Non nos colle de novas

Hai xa cinco meses, en outubro, presentamos dous escritos idénticos na Delegación de Medio Rural e máis no Concello de Nigrán, advertindo da preocupación que nos producía a aparición dun gran número de árbores marcadas e numeradas en Monteferro.

Daquela non recibimos contestación ningunha.

Esta corta ven sendo a resposta que non queriamos recibir.

Escrito presentado en outubro do 2007 na Delegación da Consellería de Medio Rural e máis no Concello de Nigrán:


D. Xosé Reigosa Solleiro, con D.N.I. nº ___________________, con domicilio na rúa __________________________________, Nigrán, como representante legal da Asociación de Defensa Medioambiental Salvemos Monteferro, e en nome dela, mediante o presente escrito


EXPÓN


Que para esta Asociación é motivo de gran alarma a aparición nestas semanas dun gran número de árbores marcadas con distintos colores e numeracións en distintas zonas de Monteferro. A inmensa maioría das árbores marcadas son pinos adultos pero tamén hai entre elas algúns eucaliptos.

Que no sur do monte, na zona do lavadoiro, están marcados só un número relativamente baixo de pinos, que se corresponde con aqueles secos ou demasiado xuntos, marcas que dan idea dunha acción de rareo ou entresaca que podemos considerar razoable.

Que con idénticas marcas e numeradas aparecen centos de árbores na antiga zona militar:

a) Entrando pola pista que da acceso a estas instalacións, e xa antes de chegar a elas, atopamos un grupo de pinos sinalados en color verde e numerados. O número máis alto que atopamos neste lugar é o 48.

b) Pouco máis adiante, xusto antes da entrada ós cuarteis, aparece outro gran grupo de pinos adultos marcados en encarnado, aquí chegamos ver como número maior o 110.

c) Seguindo o camiño e pasada a explanada do antigo campamento militar e a garita, a man esquerda do camiño unha gran masa de árbores (todos os que alí hai) está marcada en vermello. O 99% son pinos adultos pero aparece numerado tamén algún eucalipto e pinos novos. O número maior visto aquí é o 186.

Que tamén hai un gran número de árbores marcadas noutras zonas: lindeiros co citado campamento hai un gran grupo de pinos adultos sinalado e numerado en verde; entre este lugar e os cuarteis están marcadas en distintas colores; na carreteira de subida e tamén no cumio en verde ou en encarnado, etc.

Que descoñecemos o significado e obxecto destas marcas, pero, dados os precedentes, nos producen fonda preocupación. Non entendemos que sentido ten contar as árbores, e menos cando se inclúen especies diferentes. A non ser que se trate do que tememos: Unha nova corta ilegal que contraviría o estipulado nas vixentes Normas Subsidiarias do Concello de Nigrán que expresamente prohiben “la tala de arbolado que no se haga por entresaca” (Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra Número: 271, do 23 de Novembro de 1.991, páxina 40). Queremos resaltar aquí que cando se dictaron estas Normas, como tamén agora, a masa forestal de Monteferro estaba composta por pinos, eucaliptos e acacias, polo que non cabe, como alguén ten dito, facer distincións entre especies á hora de esixir o seu estricto cumprimento.

Que, de tratarse dunha corta ilegal, daría como resultado a creación de novas calvas no monte, algunha delas (a maior, citada máis arriba no apartado c) estaría unida á extensa zona deforestada ilegalmente hai case dous anos na ladeira sur, onde agora os abundantísimos brotes de acacias e eucaliptos afogan ós poucos plantóns de pino que sobreviviron ata aquí.

Que non cabe deixar no esquecemento as declaracións do presidente da Comunidade de Montes (recollidas en grandes titulares polo Faro de Vigo do 13/12/2005): "Hai que pelar todo o monte porque a madeira está podre. Farémolo por fases"

Por todo o exposto


SOLICITA


Que esa Delegación se interese pola finalidade e significado desas marcas e, de ser necesario, tome as medidas oportunas para evitar unha nova vulneración da legalidade que, de producirse, causaría un dano grave e irreparable.


Asdo. Xosé Reigosa Solleiro




En Nigrán a 25 de outubro de 2007    



Sr. Delegado da Consellería de Medio Rural
Pontevedra