http://www.salvemosmonteferro.org    
Salvemos Monteferro, foi citado en Telecinco o 26/04/06 nun sketch de Cámara Café sobre extraterrestres II Concierto Solidario do 5 de Maio na La Iguana Club Faite Socio Galería de Fotos



SÁBADO 17 DE XUÑO:


E NIGRÁN SAÍU Á RÚA


Entre tres e catro mil persoas (segundo cálculos da policía municipal) desfilaron hoxe sábado 17 polas rúas de Nigrán para pedir a retirada definitiva do PXOM e as dimisións de Alfredo Rodríguez Millares e Avelino Fernández.

Foto: Valminor.info
Foto Valminor.info

A maior manifestación da historia diste Concello saíu puntualmente ás nove do serán do torreiro das Angustias e rematou pasadas as dez coa lectura dun comunicado que máis abaixo reproducimos.

O éxito sen precedentes da convocatoria debe ser o golpe definitivo para este Plan que se pretendeu impoñer torpemente ó povo de Nigrán. Unha conta ben fácil de botar nos daría como resultado que un de cada cinco nigranenses participou na marcha.

A “estrela” do acto (superando mesmo ó Alcalde Millares e Millares) foi Avelino, quen recibiu constantes mostras de “afecto” dos manifestantes. Desde o xa coreado o venres da revolta, “queremos a Avelino colgado dun pino” ata o clásico “Avelino dimisión”, pasando por un “Adío Avelino, Adío Padrino” con reminiscencias sicilianas, e moitos máis.

Centos de carteis e pancartas rivalizaron en enxeño e ironía nunha xornada que sen dúbida hai que calificar de histórica e transcendental. No que leva este rapaz podíase ler: “Avelino, es peor que ter un grano no cu”

Foto Valminor.info
 Foto: Valminor.info

Resaltar e agradecer tamén a presencia solidaria de grupos chegados doutros lugares de Galicia, como Cangas, Moaña, A Estrada, e de todos os concellos veciños. Houbo igualmente representacións de grupos e organizacións ecoloxistas, como VERDEGAIA, Federación Ecoloxista Galega, ADEGA, etc.

Foto: Valminor.info
Foto Valminor.info

SALVEMOS MONTEFERRO, que colaborou desde o primeiro momento na preparación de este acto, quere felicitar desde aquí ós organizadores e a todo o pobo de Nigrán. Parabéns para todos.





COMUNICADO DAS AAVV DE NIGRÁN

Veciños e veciñas, amigas e amigos:

As AA VV estamos agradecidas por esta expresión pública e libre de rexeitamento deste Plan Xeral que se pretendía aprobar o pasado venres 2 de xuño. Sentímonos apoiados por todos e cada un de vós para seguir reclamando o que nos corresponde.

Hoxe, 15 días despois daquela revolta que espallou o nome de Nigrán arredor do mundo, moitas cousas cambiaron. Saíu á luz moita inmundicia e os lobos xa comezaron a pelexar entre eles a dentadas.

Pero o máis importante, o que de verdade cambiou, é que agora saben que ninguén, nunca máis, poderá gobernar este Concello como se fose a súa finca privada.

A pesar de todo, ese maldito Plan Xeral aínda non foi retirado.

O noso ánimo é seguir pelexando, e a vosa presenza aquí hoxe anímanos aínda máis.

Queremos que saibades que as vosas voces foron escoitadas en lugares tan distantes como Xapón, Canadá, Irlanda, Noruega, Reino Unido, Dinamarca, Alemaña e, por suposto, en todo o Estado español. De todos estes lugares chegan felicitacións e palabras de alento que queremos compartir con vós, porque a vós van dirixidas.

Curiosamente, aquí, a carón de nós, o noso Alcalde resístese a escoitarnos e o único que nos ofrece é tomar nota das nosas suxerencias que posiblemente acaben na papeleira. O que nos ofrece, non o compromete a modificar nin un só punto do Plan Xeral que pretenderon aprobar.

De maneira que estamos como hai 15 días. Xa daquela reclamabamos que o Nigrán no que queremos vivir sexa o que figure sobre os planos. Un concello con vida propia, con servizos públicos, un Nigrán equilibrado en todas as parroquias.

Un Nigrán pensado para vivir os veciños e veciñas e non un “Agregado Urbano Litoral” e residencial.

Queremos ser un Concello, non unha sucursal.

Pero, sobre todo, o que non queremos é ver convertido este lugar marabilloso que nos veu nacer, nunha froita, podre da especulación urbanística e da corrupción política. Por iso, ante a avalancha de presuntos delictos, de tratos de favor, de informacións privilexiadas e de inxustificadas recalificacións de fincas, esiximos a inmediata acción da xustiza, e declaramos publicamente, con toda a forza da nosa voz, que xa non nos queda unha pinga de confianza, de credibilidade, para eses a quen, nun mal día, moitos de nós votamos.

Reivindicamos o dereito ó crecemento natural e sostible de todas as nosas parroquias.

Desde o esquecido Chandebrito, para o que só gardan o agasallo envelenado dun campo de golf, ata o Nigrán que queren asfixiar cunha enchente de ladrillos.

Non se resolven os problemas urbanísticos de Panxón, e queren destruír o espazo natural de Monteferro como destruíron as dunas de Gaifar hai anos.

A Priegue e á Ramallosa queren partilos ó medio cun absurdo vial que non vai a ningures, e Camos tamén quedaría roto e afogado. Nas Angustias, un negocio para catro, e a total desolación para Parada.

Por todo isto esiximos tamén a elaboración dun novo Plan Xeral, dende o consenso, o diálogo, o sentido común e, sobre todo, dende a absoluta transparencia, para que o nome de Nigrán quede limpo e non volvan resoar as voces que o califican vergonzosamente como a Marbella galega.

Queremos rematar agradecendo a presenza e a solidariedade dos que viñeron hoxe a apoiarnos desde outras vilas e lugares.

Reciban eles tamén o noso ánimo.

Porque a ameaza da especulación e o perigo de destrución do noso patrimonio, non afecta só a Nigrán, senón a toda a costa e a moitos lugares do interior de Galicia.

Sigamos coma hoxe unidos para defendernos de aqueles que, por un puñado de euros, queren destruír a nosa paisaxe, a nosa riqueza natural, a nosa forma de vida.

Moitas gracias a todos e a todas.