11.- VILABOA


A totalidade do litoral do concello de Vilaboa, como toda a enseada de San Simón, están protexidos actualmente pola Unión Europea como Lugar de Interese Comunitario (LIC) dentro da Rede Natura 2000.





Nesta foto cenital do fondo da enseada (tomada na baixamar), encadramos, aproximadamente, ese litoral de Vilaboa.

E se ampliamos o centro do recadro verde:



Preto da coñecida como Pedra dos Caralletes, no lugar de Acuña e en primeira liña de costa, está situada a fábrica de conservas CONNORSA, instalada aquí, na parroquia de San Martiño, dende o ano 1985.


Non hai xustificación ningunha para que isto non estea nun polígono industrial.
Esta foto publicitaria, sacada da súa propia páxina web, ven seguida do seguinte texto:
"Las instalaciones de Connorsa están ubicadas en plenas Rías Baixas gallegas, en el
corazón productor de los mejores mariscos y pescados del mundo".


A pesar de que ten nas súas proximidades o que parece ser unha pequena depuradora, produce malos cheiros.

O camiño de acceso foi construído sobre recheo, e por el transitan camións e trailers, presentando actualmente problemas de derrube nos bordes. Ten un pozo de rexistro, conectado a un colector de augas residuais, enriba mesmo da marisma, tal e como se pode ver aquí:



Utiliza como aparcamento para os coches do persoal o antigo peirao, na mesma Pedra dos Caralletes, infraestrutura que foi prolongada en forma de dique, en recheo, instalando mesas, bancos de pedra e barbacoas (actualmente en total abandono) e provocando unha forte alteración da biodinámica litoral da enseada de Vilaboa.

Preto da conserveira e despois do peirao, está instalada unha pequena carpintería, (na foto) con desaugues á propia enseada. Aquí, polo borde do litoral, realizouse unha plantación de árbores exóticas e froiteiras, e por engadido gramón. Neste lugar incinéranse periodicamente residuos sólidos ó ar.

Na década dos noventa iniciouse a construción ilegal dun camiño sobre recheo en dominio público marítimo-terrestre con dirección ás ruínas das antigas salinas. A obra foi paralizada definitivamente pola Administración, pero con tan pouca axilidade, que a esas alturas xa había 50 metros de recheo consolidados.


Brañas, marismas e vertidos

No extremo este da mesma enseada de Vilaboa, está a zona das antigas salinas de Ulló, dentro do val do mesmo nome, co seu tupido bosque de ribeira de asociación salgueiro-ameneiro, acompañado doutras especies autóctonas como carballos, bidueiros e abeleiras.



Tras unha importante zona intermedia de brañas, (con asociación de varias especies hidrófilas como carrizas, espadanas e xuncos) atopamos unha extensa zona de marisma na baixamar, que dende hai décadas está a sufrir vertidos incontrolados de lixo e entullos. Aínda se poden ver os bastos montes de lousa que a factoría de Pontesa verteu incontroladamente na zona durante os anos da súa actividade industrial.

Isto, unido a décadas de vertidos de augas residuais e ás cinzas e terras dos montes queimados transportadas polos ríos ata a ría por toda a enseada de San Simón, provocaron e están a provocar unha elevada contaminación e sedimentación dos fondos mariños, coa consecuente perda de biodiversidade e dos recursos pesqueiro-marisqueiros propios destes ricos ecosistemas.

A pesar de que gran parte das augas residuais foron canalizadas ó saneamento municipal por sistemas de colectores e estacións de bombeo, segue habendo vertidos á enseada debido ós emisarios e comportas que fan función de aliviadoiros, máxime cando hai chuvias torrenciais.

Atopamos polos seus arredores a praga invasora das mimosas (Acacia melanoxylon e dealbata) e eucaliptos (Eucaliptus globulus). A zona ten un importante patrimonio cultural e etnográfico (diques de pedra e comportas das antigas salinas, muíño de mareas, antiga casona-convento) todo sumido no máis absoluto abandono e en ruínas.

Tanto na zona do bosque de ribeira como de brañas cohabitan unha extensa variedade de especies de fauna terrestre e acuática, con anfibios, réptiles, aves, mamíferos, micro mamíferos e quirópteros.


As aves

Na marisma formada pola desembocadura do río Verdugo, e estendéndose por toda a enseada de San Simón, danse as maiores concentracións de aves acuáticas e mariñas da ría de Vigo, con arredor das 5000 aves anuais.

Destaca a presenza en número da garza real, garzota, pato asubión, lavanco real e pato chupón, acompañadas en menor cantidade doutras como o pato rabudo e a cerceta común. Tamén abondan varias especies de limícolas como biluricos, pilros, píllaras, vira pedras, mazaricos, agullas e gabitas.





Sorprende atopar ás veces aves pouco frecuentes nestas latitudes (como o pato branco e a avefría) e divagantes como os gansos carinegros; entre as mariñas destacan a gaivota patimarela, a chorona, os corvos mariños, cristado e grande, e periodicamente bandas pequenas do pentumeiro común.





Pero permitide que, sen deixar de amosar imaxes de tanta marabilla, volvamos a ocuparnos de asuntos prosaicos e desagradables:

O Servizo Provincial de Costas está a promover dende principios deste novo século un proxecto de recuperación da zona das salinas que, lamentablemente, deixa moito que desexar.

Inclúe un aparcamento de vehículos anexo ás brañas de Paredes, consolida un camiño de terras en recheo que atravesa polo medio a zona central das brañas, propón a ampliación en anchura dos camiños existentes, non contempla a erradicación da vexetación alóctona e invasora e omite a recuperación da maioría do patrimonio cultural e etnográfico.



Por outra banda, e de levarse a cabo tal como foi exposto publicamente, promoverá unha excesiva presenza humana e de vehículos por toda a zona.

O proxecto foi alegado polo Grupo Ecoloxista Luita Verde, solicitando a súa modificación en base á posta real en valor do patrimonio natural, cultural e etnográfico.



No extremo oeste da enseada de Vilaboa, na zona de Larache, consolidouse nas últimas décadas un núcleo de vivendas de luxo que invadiu a zona de servidume de paso e o dominio público marítimo-terrestre coa construción de vivendas, xardíns e pistas deportivas, así como rampas e pantaláns para embarcacións pequenas e deportivas.



E, por suposto, depuradora deficitaria

Nesta parroquia de Santa Cristina de Cobres, no lugar de Rio Maior e na desembocadura do río que lla dá nome, está situada a estación municipal depuradora de augas residuais de Vilaboa, que ten periodicamente problemas de vertidos incontrolados e sen depurar, por fallos no seu funcionamento, principalmente cando hai chuvias torrenciais.






PECHAR A FIESTRA