VAL DO ROSAL E
HUMIDAL DAS RAÍÑAS
(Moaña)



Bosques de ribeira, pastos e xunqueiras
en proceso de destrucción



A Continuación do ecosistema dunar da praia da Xunqueira, o val do Rosal e o humidal das Raíñas (atravesados polos ríos do Inferno e da Fraga respectivamente), conformaban ata ben entrado o século pasado a zona húmida máis importante do concello, cunha extensa zona de bosque de ribeira, xunqueira e pastizal, de gran valor medioambiental, socio-económico e productivo.




O val do Rosal grazas a súa fertilidade, tamén destacaba a nivel socio económico a través do agro e a viticultura. Mostra patrimonial desa riqueza aínda se pode ver no mosaico de leiras de cultivo, na presenza de varios muíños hidráulicos e, na zona máis alta, nos dominios do vello pazo do Rosal, do século XVII, (hoxe “propiedade dun empresario constructor” a conta da veciña urbanización: Construcciones J. Luís Álvarez Souto SL).

Nos anos oitenta se entubou, cementou e asfaltou o río do Inferno (na zona máis coñecida como do Pontillón) durante uns 200 metros ata a súa desembocadura na ría, dándolle uso peonil e de aparcamento de vehículos. Por engadido desviouse e canalizouse en cemento o leito na beiramar, por causa da construcción dun edificio de varias alturas e recheo anexo en pleno dominio público marítimo terrestre.

Augas arriba, o río e área de ribeira víronse afectados pola construcción de varias edificacións (institutos de ensino medio, pavillón de deportes, naves de ferrallería e de mecánica). Algunha mesmo enriba do leito (central de autobuses de Benito García), quedando así mesmo os terreos do fondo do val afectados pendentes do proxecto dunha estrada de circunvalación urbana.

Dende finais do século pasado ata a actualidade, arredor da zona das Barxas, na parte baixa do val, estanse a construír distintos bloques de edificios enriba deste espazo natural a través de varios plans parciais. Para elo eliminouse a vexetación de ribeira existente, “encaixáronse” baixo escollera as dúas marxes do río, e desde aquela as zonas verdes brillan pola súa ausencia entre un conglomerado de edificios de formigón e ladrillo rechapado de granito e anchos viais de asfalto para rodaxe e aparcamentos. Aínda quedan franxas de río, cun bosque rico en especies coma o salgueiro e o ameneiro e en especial a abeleira, porén cada vez máis agredido por vertedoiros incontrolados de lixo e de entullos e ameazado así mesmo pola expansión urbanística.



O río do Pontillón canalizado baixo a rúa das Barxas-O Rosal


O humidal das Raíñas (xunqueiras, brañas e bosque de ribeira), foi afectado no seu perímetro pola construcción de colexios públicos, vivendas e directamente por talas, entulleiras e, ultimamente, coa desecación dos regatos que o atravesaban, variantes do río da Fraga camiño da súa desembocadura. Ameneiros, salgueiros, freixos, carballos, pereiras bravas e variada vexetación acuática e lacustre aínda forman parte deste pequeno espazo de gran valor ecolóxico na parte alta, pero na actualidade a parte máis baixa está pendente do inicio dunha urbanización de varias ducias de vivendas que a farían desaparecer. Tamén se está a construír edificios de varias plantas na continuación do humidal, preto da praia da Xunqueira.

A praia da Xunqueira e o seu extenso espazo intermareal, de relevante importancia medioambiental, ornitolóxica e marisqueira, foi afectada por sucesivos recheos dende a década dos setenta ata finais dos noventa, ocupando a maior parte dos seus dunares e zona húmida anexa con destino a zona axardinada, varios campos de fútbol, un deles regulamentario municipal, e coa instalación de pozos de rexistro e paso de aliviadeiros do saneamento.

No 2006 foi aprobado un proxecto de mellora ambiental promovido pola Dirección General de Costas cos seus pros e os seus contras (recuperación de dunas por un lado, e excesivo axardinamento, pequenos recheos, consolidación de barreiras arquitectónicas, paseo cementado, transporte de area foránea, etc. polo outro).




Praia da Xunqueira



PECHAR FIESTRA