A construcción do dique do porto pesqueiro de Meira, situado na Illa de Samertolameu, --xunto co recheo que fixo de unión da Illa co núcleo urbano próximo en terra (foto), os recheos para naves industriais, e os verquidos de augas residuais polo río-- provocaron que a enseada anexa, de gran valor ecolóxico e productivo, se convertera nunha cloaca pola contaminación, a alteración das correntes mariñas e a falla de renovación das súas augas.
A enseada de Meira, (que ademais sufriu o aterramento de parte da súa marisma con escombros procedentes da construcción da A-9) está pendente dun plan de rexeneración por parte da Dirección General de Costas.
Un plan para o que de momento non hai proxecto nin inversións, e de difícil aplicación, por canto a súa realización integral sería complexa e custosa (eliminar recheo, búsqueda de pasos de auga, ponte de unión para volver a existir como illa, etc.).

Nunha franxa costeira que a principios do século pasado foi seriamente danada coa extracción de pedra dos seus cantiles, atópase a zona industrial montada entre o Cocho e o Latón, competencia da Autoridade Portuaria de Vigo, e gran foco de contaminación.
A empresa Rodman-Polyships emite a ceo aberto cantidades sen control de poliéster.
Astilleros Piñeiro SA (na foto) construíu unha nave industrial incumprido alturas, e durante tempo tamén verquíu e queimou residuos industriais. Preto da depuradora de mariscos 2rias SL hai uns emisarios submarinos e varios depósitos de entullos. Tamén aquí se queiman residuos sen control. Entre estas industrias está instalada, dende principios deste século, a EDAR de Moaña, que tamén verte augas residuais sen depurar á ría.
E a pesares de tanta destrucción, a zona tampouco escapou, nos últimos tempos, á especulación urbanística. Proxectos como un porto deportivo no Latón ou un complexo hoteleiro-residencial con instalacións náutico-deportivas no Cocho, de momento non tiveron saída.
O Cocho, cun patrimonio industrial abandonado e en ruínas (almacén da pedra, peiraos con paso de augas, antiga nave conserveira na Guía) e natural (a zona da antiga canteira tornouse nun dos espazos de humidal máis importantes do municipio), e o tramo que vai dende o Latón ata o porto de Domaio, de cantil e praia, son das máis conservadas.
Están integradas dentro de solo rústico de protección de Costas, segundo a LOUG, e pendentes de Plans Especiais propostos polo propio Concello no PXOM. É de destacar a cantidade de lixo e entullos que están a afectar a esta zona costeira e outras do concello, producto das malas prácticas da cidadanía, da falta dun punto limpo e das carencias dun plan comarcal de recollida e tratamento dos residuos sólidos urbanos no Morrazo, que prioriza o negocio da incineración e eliminación de materia prima do lixo en SOGAMA á reducción, reutilización e reciclaxe do mesmo.