MONTE DO RAMIL (Moaña)
Proxecto de urbanización



O monte do Ramil, xunto coa finca e carballeira de Castroviejo, na parroquia de Tirán, pasan por ser os espazos naturais costeiros mellor conservados dentro do litoral moañés.




Libre de construccións e de vías asfaltadas na maior parte do seu territorio, e malia a presencia invasora de especies como o eucalipto, a mimosa moura ou a robinia, contén unha vexetación potencial autóctona, onde predominan o carballo, o loureiro e, en menor medida, o castiñeiro.

Entre a vexetación máis baixa destacan o abruñeiro, a pereira brava, o sabugueiro, a xilbarbeira, o trobisco e algúns exemplares excepcionais de érbedo.

Alberga unha extensa variedade de fauna salvaxe terrestre, principalmente de aves, destacando o miñato común e a avelaiona.

O monte linda ó oeste cun regato e o seu bosque de ribeira, ó norte con vivendas unifamiliares, ó leste con leiras de cultivo e viñedo e o sur con chalés.

Fronte á ría conforma unha zona de cantil de gran valor xeolóxico e litolóxico a nivel galego e ibérico, con afloramentos de rochas ígneas plutónicas de natureza ácida e básica, denominadas “mestura de magmas”. Na punta de Niño do Corvo existe o máximo expoñente do que se deu en denominar "pasillos de encraves" de vaugneritas, inventariados pola xeóloga Gloria Gallastegui no ano 1983 na súa tese de licenciatura na Universidade de Oviedo, sendo posteriormente exposto en congresos e publicado en diversas revistas estatais e internacionais.

Conforma as praias de Niño do Corvo e Ribeiriña Pequena, de areas finas, e outras pequenas calas con areas máis gordas e pequenos cantos entre os cantís.


A praia de Niño do Corvo é practicamente única no concello, con especies de flora dunar como a cebola de gaivota ou o polígono das praias, ademais da notoria presencia da eiruga de mar e do cardo mariño. Entre os cantís sobresaen os toxos, as xestas, as carpazas, espárragos negros e leiteiriñas.



Monte do Ramil: Praia de Niño do Corvo


Na zona intermareal ven depositarse unha ampla diversidade de algas e de fauna vertebrada e invertebrada mariña. No medio das pedras abondan as mexillas, lapas e caramuxos, e nas charcas danse cita distintas especies de peixes, esponxas e chupasangues.

Nos seus cons repousan especies de aves mariñas como a gaivota patiamarela, o corvo mariño cristado, os biluricos, a gavita ou a garza real. Ao seu carón soen navegar ocasionalmente manadas de arroaces nas súas incursións dentro da ría.

Recualificación

Os intentos de recualificación de terreos dentro dos 200 metros de solo rústico de protección de costas e forestal con que está catalogado actualmente segundo a LOUG este espazo natural, comezaron a fraguarse entre finais da década pasada e principios deste século, co goberno municipal daquela do PP, cando se autorizou a construcción enriba do solo protexido e de carballeira o actual supermercado Lidl, preto da PO-551. Despóis comezaron a especular coa urbanización do resto do monte. En principio se falaba de arredor de 200 vivendas.

Coa entrada no 2004 do actual goberno BNG-PSOE-InMo, non lle fixeron ascos ó proxecto e simplemente rebaixaron o número de vivendas privadas e a todo luxo a construír neste encrave natural protexido e privilexiado da ría.

O proxecto da urbanización incluíuse no 2005 como “Convenio 1 - Concello de Moaña e Dismareate SL” na fase de aprobación inicial do PXOM de Moaña.

A recualificación e posterior urbanización do lugar, suporía unha grave e irreversible afectación, e conlevaría a súa destrucción directa pola construcción de vivendas e viais de servizo dentro da franxa dos 100 ós 200 metros. E a destrucción indirecta na franxa dos 100 primeiros, polo máis que probable pavimentado, nun futuro próximo, dos camiños e pistas forestais actuais, ata as proximidades das praias, promovendo así a masificación humana das mesmas.

Segundo o convenio, esta franxa dos primeiros 100 metros costeiros, está pactada como “cesión” a conta da recualificación do resto, cando en realidade xa está protexida, dentro do dominio público marítimo-terrestre, pola Lei de Costas.

“O solo correspondente a este convenio urbanístico, (37.100 m2) segundo as N.S.P. de Moaña, é o da Ordenanza 9 de Protección de Zonas Forestais e Áreas Predominantes de Valores Paisaxísticos, e da Ordenanza 12 de Conservación e Protección de Costas e Praias, onde non se autorizaban edificacións residenciais.

A LOUG o cualifica como Solo Rústico de Protección Forestal e Solo Rústico de Protección de Costas respectivamente. O PXOM de forma arbitraria e sen xustificación algunha, recualifica eses terreos como Solo Urbanizable Delimitado, conculcando a LOUG, artigos 15 e 32.”


      * Alegación do Grupo Ecoloxista Luita Verde ó PXOM de Moaña.



Preto deste espazo natural atópase a anteriormente citada Finca e Carballeira de Castroviejo, tamén dentro dos 200 metros de solo rústico de protección de Costas, e afectado xa por varias edificacións levantadas nos últimos anos dentro e fóra do seu contorno.




PECHAR FIESTRA