O Concello moañés (arredor de 18.000 habitantes) presenta un litoral moi afectado por unha poboación moi densa e dispersa, con gran interacción no medio a traveso de núcleos urbanos, industrias, instalacións portuarias e parques e paseos enriba de recheos.

Por medio de dez convenios urbanísticos propón recualificar terreos catalogados como solo rústico de protección de espacios naturais, de protección de costas, de protección forestal e de protección agropecuaria, segundo a LOUG.
Afectaría a espazos de gran valor ecolóxico e
paisaxístico do litoral
Como o Monte do Ramil en Tirán, ou os parques urbanos das Fincas de Concepción Arenal e do Real, zonas verdes de gran valor histórico e social.
Danaría, así mesmo, espazos naturais protexidos, coma o dos Montes do Morrazo cun parque industrial na Cruz da Maceira, cabeceira do Río da Fraga. Pretende tamén recualificar o Carballal de Coiro, substituíndo o solo rústico de protección de espacios naturais actual, polo de protección forestal.
Grandes superficies de cultivos e de solo rústico protexido, (máis de 2.800.000 m2 que conforman a actual paisaxe) serían substituídas, a traveso das recualificacións, por unha continuidade de urbanizacións de adosados, chalés e edificios, creando grandes concentracións de poboación en puntos concretos do litoral, ata agora protexidos, co conseguinte encarecemento do nivel de vida, colapso do tráfico rodado no interior do concello, etc.
PXOM e patrimonio
Hai 14 xacementos arqueolóxicos catalogados Bens de Interese Cultural que aparecen mal situados, 11 non están recollidos nos mapas de clasificación do solo, e un non concorda coa súa adscrición cultural.
A inmensa maioría do patrimonio etnográfico e histórico (fontes, cruceiros, canastros, pontes, casas singulares, etc.) está sen recoller e cartografar.
Incumpre a R.D. Lei 9/2000 ó carecer dun Estudio de Impacto Ambiental, tras superar as 100 Has. de solo modificado, e non se adapta á nova Lei 9/2006 de Evaluación Estratéxica Ambiental de Plans e Programas.
A elaboración do PXOM do concello de Moaña foi adxudicada á empresa Arteplan no ano 2000 polo goberno municipal do PP.
A súa aprobación inicial produciuse o 29 de setembro do 2006 por unanimidade da corporación municipal, cos votos a favor de BNG, PSOE, InMo, PP e Apom.
No período de exposición pública presentáronse 1843 alegacións e arredor dunhas 500 cuestionaron integramente o modelo urbanístico aprobado politicamente.
O goberno municipal (BNG-PSOE-InMo) enviou en xaneiro do 2007 os informes do PXOM á Xunta de Galicia coa petición de “excepcionalidade”, previa á aprobación definitiva do mesmo.
O Grupo Ecoloxista Luita Verde solicitou que se tiveran por formuladas as alegacións presentadas ó PXOM e se proceda á corrección das numerosas irregularidades apuntadas, tendo en conta que moitas delas son substanciais, e de tal calibre, que implican na realidade unha modificación total do plan presentado.
A depuradora municipal de augas residuais de Moaña, situada no barrio do Latón, parroquia de Meira, non depura totalmente as augas.
Fáltanlle fases de tratamento e verte periodicamente sen depurar á ría. Isto a pesar de que o goberno municipal e a Xunta, cando a construíron alá polo ano 2000, vendérona mediaticamente como súper moderna e capacitada para máis de 30.000 habitantes.
Por outra parte no ano 2001, por motivos políticos (achegábanse eleccións autonómicas) e económicos, e sen a previa autorización da Dirección General de Costas, procedeuse por parte da empresa Espina&Delfín, á colocación dunha estación de bombeo enriba do recheo e dun colector polo interior da enseada de Meira, afectando ó humedal e o banco marisqueiro existente.
Rede de saneamento
A pesares desto, (e de que no pasado a UE subvencionou durante unha década o 80% das obras, dentro dun “Plan integral de saneamento da ría de Vigo”) nesta zona de gran valor ecolóxico e productivo, segue a haber vertidos sen depurar, ó igual que noutros puntos do litoral moañés, pois o saneamento neste concello, como na maioría, segue a ser “parcial”.
En moitos núcleos, mesmo no centro urbano, non se separaron as augas pluviais das fecais e non existe o debido mantemento da rede. Cando chove torrencialmente vértense automaticamente miles de litros de augas sen depurar á ría.
O problema pode verse agravado no futuro coa conexión á rede de saneamento de máis vivendas e máis poboación, tal como se prevé e se propón desde o PXOM.
Privatización
Outro problema engadido é o da privatización do servizo de abastecemento e saneamento das augas, concedida pola actual corporación municipal á empresa Aqualia, pois como ente privado anteporá sempre os seus beneficios económicos ós sociais e medioambientais colectivos.
Hai detrás outro negocio tamén emerxente: o do abastecemento de auga e as súas infraestructuras de depósito e transporte.
A auga da traída de Moaña ven transportada por debaixo do mar desde Vigo ata a costa do municipio e desde aquí é bombeada ata os montes, para facilitar a súa chegada ós espallados núcleos de poboación da localidade. A auga provén do encoro de Eiras, no río Verdugo.
O abastecemento no concello está instalado dende finais dos anos oitenta, pero agora no 2007 proxectan duplicar a súa capacidade con claros fins especulativos en vistas ó forte crecemento previsto no Plan Xeral, promovendo máis impacto territorial e un insostible gasto hídrico.
|