O Monte do Con, está sito nas inmediacións da praia e barrio do mesmo nome, do que pasaba por ser a cota máis sobranceira.

Foi recualificado como terreo urbanizable a finais da década dos noventa. A súa urbanización comezou coa deforestación e grandes movementos de terras para facer socalcos que posibilitaran a construcción de chalés adosados e viais na parte media.
Na actualidade segue en fase de obras con máis chalés sobre aterramentos na parte alta e a construcción dun macro edificio a distintas alturas na parte máis baixa, sorteando o forte desnivel do terreo.

Supuxo e está a supor unha forte erosión e alteración do terreo, que levou á destrucción do patrimonio etnográfico existente (hórreo, ruínas dunha vella casona, etc.) e tamén do natural, do que só quedan tres carballos na parte baixa.
Inmediatamente detrás do monte, no val coñecido como Albariños, en zona húmida e de solo rústico agropecuario, especúlase con construír no futuro varios centos de vivendas a todo luxo e boas vistas á ría por parte de promotoras inmobiliarias afincadas no Estado.