O campo de golf e urbanización de Domaio foron e son producto dunha Modificación Puntual da Norma dunha parte do Espacio Natural Protexido “Montes do Morrazo”, zona de excepcional caudal hidrolóxico, entre os ríos Miñouva e da Freixa.
Nunha zona de extraordinario valor paisaxístico, cultural, etnográfico e medioambiental, o primeiro en construírse a principios dos noventa foi o campo de 18 buratos e o local social.
Esta obra provocou unha enorme erosión e alteración do solo. Utilizáronse grandes cantidades de explosivos e de maquinaria pesada. Modificouse o leito do rio Muíños chegando mesmo, nos primeiros tempos, a apropiárense ilegalmente del e dos camiños de tránsito público. Por deriva das augas, aterrouse e dragouse sucesivamente e varias veces a Poza da Moura, de gran valor ecolóxico e cultural. Os áridos e terras foron arrastrados polas chuvias dende os leitos dos ríos ata a súa embocadura na ría de Vigo, impactando moi negativamente no medio fluvial e mariño. Así mesmo afectou a mananciais subterráneos de auga veciñal e provocou un conflicto coas comunidades de augas e regantes, coma cos veciños ós que lles usurparon as súas fincas sen previa venta.
Dende a súa fase de posta en funcionamento está a consumir grandes cantidades de auga encorada e de manancial. Verte grandes cantidades de productos biocidas e pesticidas no solo e subsolo, con efectos moi negativos para o medio ambiente e a súa biodiversidade, tanto terrestre como acuática.
No ano 1998 comezouse a construcción da primeira fase da urbanización (Sector A) coa parcelación do terreo e a apertura de viais, mais esta paralizouse pola falta de recursos económicos da empresa promotora Residencial Muíños SA.
A comezos deste novo século, e sen estar urbanizada a primeira fase (Sector A) nin a 2ª (Sector P), foi aprobada polo concello a concesión de licencia para a construcción de 102 vivendas na fase 3ª (Sector B), provocando máis erosión e impacto que se veu engadir ó da veciña vía rápida do Morrazo, destrozando a xeoloxía, vellas calzadas, muíños, castros e petroglifos.
No ano 2006 foi rexeitado polo Concello de Moaña o Estudio de Detalle da Fase 3ª (Sector B) por non cumprir estes terreos coa categoría de solar, ao non estar urbanizados, carecer dos elementais servicios de saneamento, abastecemento de auga conexión con viais exteriores, etc., e non ter depositado as garantías do valor das obras de urbanización.
A xestión do campo de golf e da urbanización anexa, aparte do elevado impacto social e ambiental, está a ser unha total ruína económica. A sociedade das promotoras Golf Domayo SA e Muiños SA rematou desfacéndose. Golf Domayo presentou suspensión de pagos, pasando os terreos do campo de golf a ser propiedade da empresa panameña Interburgo SA, que executou a hipoteca existente sobre ditos terreos.
Os promotores nunca levaron a cabo na súa totalidade os convenios asinados co concello para servicios e infraestructuras sociais na parroquia de Domaio (alcantarillado, viais, regadío, depuradora).
A Modificación Puntual da Norma (ano 1991) e a aprobación do Plan Parcial (ano 1993) tramitouse co goberno do PSOE.
A aprobación do Proxecto de Urbanización (ano 1998) tramitouse cun goberno do PSOE-BNG.
A concesión de licencias (50 no ano 2001 e 52 no 2004) produciuse co goberno do PP.