De pazo, xardín e morada do almirante Méndez Núñez, á prevista construcción de torres de 12 pisos.

A Finca do Real, xunto coa tamén especulada de Concepción Arenal, son dúas zonas verdes e patrimoniais sobranceiras, dentro dun barrio costeiro, O Real, que sentou cátedra polo seu malfacer no urbanismo dos anos oitenta e noventa do século pasado no concello de Moaña. Un verdadeiro enxame de edificios e viais sen control de accesos e alturas, onde o cemento e o asfalto primaron en exclusiva por enriba duns terreos anteriormente rústicos e forestais.
Este solar costeiro, onde morou o almirante Méndez Núñez, conserva en ruínas un valioso patrimonio arquitectónico, civil e etnográfico, consistente nos edificios dun pazo, un hórreo, un pombal e unha capela, ó igual que unha ampla zona verde, onde aínda se poden ver algúns exemplares botánicos de picea, alfaneiro e a tuia, e árbores froiteiras cítricas. O resto está invadido de mimosas e algúns sabugueiros, producto do seu abandono.
A actuación urbanística especulada nesta finca, presentada tamén como Convenio ó PXOM de Moaña (Convenio 7 – Concello de Moaña e Promociones San Bieito SL), suporía a construcción de dúas torres, de arredor dunha ducia de alturas, na parte baixa, e edificios máis baixos na parte alta da zona verde e en solo urbano non consolidado.
A zona patrimonial, coa promesa de restauración, veríase inmediatamente rodeada polos futuros edificios, aparte dos xa existentes na zona sur, tamén de varias alturas.
A finais do 2004 levouse a cabo unha tala indiscriminada de mimosas que poboaban a zona verde especulada. Ó seu carón, detrás da estrada de beiramar, realizouse a principios deste século un dos últimos recheos enriba do mar, en forma de paseo. Entre este e o peirao dos barcos de transporte da ría, construíuse recentemente un porto deportivo privado de máis de 340 amarres, estragando unha zona de marisqueo.
De consumarse a súa urbanización, xunto coa da veciña Finca do Real, desaparecerían as dúas zonas verdes e patrimoniais máis sobranceiras da zona de beiramar do centro urbano de Moaña, quedando como patrimonio unha fachada continuada de edificios de varias alturas e escaso valor arquitectónico en primeira liña de costa, e como únicas zonas verdes de entidade, as gañadas ó mar en base ós sucesivos recheos das últimas tres décadas, dende a praia da Xunqueira ata a do Con, na extensa zona que ata mediados do século pasado era coñecida como a “praia de Moaña”. (A maior parte foi aterrada con escombros procedentes da construcción da A-9, e parte dos recheos foron utilizados para afastar máis do mar os edificios construídos ilegalmente durante anos).
|