O porto de Domaio, dentro da parroquia do mesmo nome, pertence ó concello de Moaña e nel ten competencias a Autoridade Portuaria de Vigo, que está a promover aquí tamén novos recheos.
Ten solicitada unha ampliación do dique portuario, ó que vai anexa unha longa franxa de dominio público marítimo-terrestre, que foi aterrada na década dos setenta do século pasado con cascallos procedentes da construcción da A-9. Prevista inicialmente para zona verde e xardín, construíuse nesta zona un centro de saúde e outro para a terceira idade.

Posteriormente, na década dos noventa, realizouse un dique de abrigo, pechando lateralmente a praia da Tella coa construcción dun porto deportivo privado, que foi recentemente ampliado, alterando a dinámica do litoral.
A este último porto están achegándose, tras sucesivas ampliacións, as instalacións flotantes do parque acuícola da Cooperativa Loitamar, formando un conxunto co dique e o complexo náutico-deportivo que está a pechar o espazo e a panorámica mariños e xerando residuos que afectan ás praias da Queixeira e do Mouro.
FANDICOSTA SA e
VARADEROS DOMAYO SL
Preto de Rande e dentro do LIC da Enseada de San Simón (Lugar de Interese Comunitario protexido pola Rede Natura 2000), en zona tamén competencia da Autoridade Portuaria de Vigo, e dentro do dominio público marítimo-terrestre, está ubicada a empresa de conxelados Fandicosta S.A.

Estas instalacións pechan lateralmente a praia do Mouro, ademais de destruír cantil e eliminar superficie de praia e zonas de marisqueo no outro extremo.
A súa actividade produce a diario contaminación acústica, malos cheiros e verquidos industriais puntuais á ría.
Inmediatamente despois atopamos as instalacións de Varaderos Domayo SL, dedicadas á reparación de barcos e con actividades molestas e nocivas para o medio ambiente, especialmente o verquido de residuos industriais sen depurar á ría.

|
|