Cando, o 2 de xullo de 2002, se publicaba no B.O.E. a Lei do Parque Nacional das Illas Atlánticas, parecía que se garantía a máxima protección dun espazo natural tan relevante. Desgraciadamente, non todo ía ser felicidade...
Unha xestión desastrosa
Hoxe, máis de catro anos despois daquela data, temos que dicir que o fracaso na xestión do Parque é total, con gravísimas deficiencias organizativas e casos sintomáticos de neglixencia escandalosa.
Aínda segue sen se redactar o correspondente Plan Rector de Uso e Xestión que, por lei, debería ter sido rematado antes do 2 de xullo de 2003, é dicir, un ano despois da Declaración Oficial do Parque.
Esto non impide que se teñan levado a cabo obras gravemente danosas para o medio, como desmontes inxustificados, con cortas de arborado incluídas, ou escavacións nas dunas para meter as conduccións de auga e electricidade. No camiño que leva ó peirao de Carracido e na subida ó faro pequeno, acumúlanse os cascallos procedentes de numerosas obras menores, carentes dun mínimo criterio, e que moitas veces permanecen longo tempo sen rematar.
A finais do verán pasado un numeroso grupo de usuarios e visitantes do Parque denunciaron na prensa local, apoiándose en numerosas fotografías, a "situación caótica" das actuacións iniciadas, e o seu máis que "dubidoso respecto medioambiental". (Ver Faro de Vigo, 11/09/06)
Ampliación do Peirao de Rodas
Proxecto claramente relacionado coa sentencia europea que obriga á liberalización do transporte na Ría de Vigo a partir de Maio de 2007, a ampliación do peirao de Rodas será unha nova agresión ó medio.
Son xa doce as empresas que presentaron solicitudes en Parques Nacionais para realizar o transporte de viaxeiros ás illas. Este organismo, que depende do Ministerio de Medio Ambiente, está á espera de que se aprobe unha nova lei de transportes no Parlamento galego para ver como se regulariza o servizo e, se procede, analizar as propostas.
O que si parece seguro é que non se aumentará o número máximo permitido de 2.200 visitantes por día, unha cifra xa moi elevada para a superficie das illas Norte e do Medio. Pero si se aumentará o número de días de acceso: o transporte marítimo funcionará todos os fins de semana e festivos desde o outono de 2007 ata a primavera de 2008, aumentando o negocio das navieras, pero tamén a presión humana sobre o espazo natural.
Unha neglixencia escandalosa:
a extinción do Erodium maritimum
A Herba de agulla, Erodium maritimum, é unha especie considerada en perigo crítico de extinción que só aparece noutros dous puntos da xeografía española (en San Andrés de Teixido e na Illa Dragonera en Baleares) e que ten unha distribución moi limitada a nivel mundial.
Así se recolle no "Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España" editado polo Ministerio de Medio Ambiente en 2004.
Nas Cíes había censados 32 exemplares, agora totalmente desaparecidos, todos nunha pequena zona de Monte Faro.
O terrible, o que da a medida do grado de desidia, de abandono e descontrol, son as causas desta extinción: as plantas foron destruídas, en maio de 2006, por unha desas obras descerebradas das que falabamos antes. O lugar que ocupaban foi aterrado, cementado e cuberto con lousas de pedra, polos propios traballadores do Parque.
A extinción do Erodium maritimum levouse a cabo a pesar de que os responsables da xestión deste espazo natural tiñan total coñecemento da súa delicada situación. As obras realizáronse na totalidade da área de distribución da especie, sen supervisión algunha.
Un feito que fala tan clara como negativamente do nivel de protección da biodiversidade que están levando a cabo os técnicos e responsables de todo un Parque Nacional, un lugar para o que se presume o maior rango de protección, e uns profesionais que, con seguridade, cobrarán nóminas esplendorosas.

As medidas de xestión para a conservación, ademais de ser insuficientes están desatendidas, polo que é necesario actuar con urxencia neste ámbito.
Outro aspecto pouco feliz é o da escasa ou nula erradicación de flora alóctona e a súa correspondente substitución por flora autóctona. Nada se avanzou neste sentido nos catro anos e medio transcorridos desde aquel verán de 2002, e os eucaliptos e as acacias seguen mandando en amplas zonas desta especie de parente pobre dos Parques Nacionais, o das Illas Atlánticas, un dos que menos inversión recibe dentro do estado español.