14.- CANGAS: Porto deportivo de luxo
e depuradora deficitaria



No Salgueirón quérese consumar un macro proxecto especulativo, que acabaría cunha importante zona natural, pesqueira e marisqueira, e tería importantes consecuencias sobre a bioloxía e dinámica litoral de toda a ría.




A primeira pedra do plan intenta ser a construcción dun porto deportivo para 420 amarres na zona de Massó, dotado dun espigón de 600 metros de longo, cun recheo de 27.320 metros cadrados, e que ocuparía unha lámina de auga de case 250.000 m2


As obras están paralizadas desde o 3 de
outubro do ano 2005 pola resistencia veciñal
agrupada en torno ó Foro Social de Cangas


O movemento veciñal mantén unha vixilancia constante do lugar, impedindo a entrada dos camións e a construcción do recheo. Así día tras día, dun xeito pacífico pero firme, (houbo incluso un incidente de agresión dun traballador a un manifestante de 70 anos) e co acompañamento constante da Garda Civil, que identifica, toma nota, e vai agrandando a pila das denuncias por coaccións contra os ecoloxistas. Nalgúns casos estas foron elevadas de falta a delicto polo xuíz actuante.




Pero os plans dos promotores da obra, Residencial Marina Atlántica, (sociedade participada maioritariamente por Caixanova) van en realidade máis lonxe. Afectarían a uns 200.000 m2 da zona de Massó e pretenden construír ó redor de 1.000 vivendas en bloques de catro alturas, transformar a antiga conserveira nun centro comercial, construír un hotel de cinco estrelas e urbanizar a zona como unha burbulla fora do planeamento municipal de Cangas.


Máis dun ano de mobilizacións e resistencia

 

Ducias de manifestacións e concentracións, tanto en Cangas como en Vigo, asembleas informativas, recollida de firmas, así como presentación de recursos, alegacións e denuncias.

O Foro Social ten mobilizado a miles de persoas nestes meses contra un proxecto que, en palabras dun dos seus representantes,
“é un paso máis no desmantelamento da pesca de baixura e o marisqueo, coa oferta dun hipotético desenvolvemento turístico, que non é máis que especulación encuberta. A pesares das ilegalidades manifestas do proxecto, as Administracións póñense do lado dos poderes económicos e só a resistencia veciñal impide a consumación dos feitos.”

   

Un mar de ilegalidades

A tramitación realizada pola Autoridade Portuaria de Vigo para adxudicar o porto deportivo nas antigas instalacións de Massó está chea de irregularidades, tal como a ocultación dun informe negativo da Consellería de Pesca ou unha exposición pública de proxecto e informe de impacto ambiental en agosto, só un día despois de recibir as contestacións as consultas realizadas, (celeridade físicamente imposible). O espazo portuario en terra estaba no momento da concesión e continúa na actualidade, cualificado urbanisticamente como industrial, un uso que é incompatible co porto deportivo.

Non se tramitou a declaración de utilidade pública da obra para revogar a autorización aos mariñeiros que faenan na zona, nin se tramitóu a súa expropiación.

Tampouco se presentaron alternativas ao emprazamento, como obriga a Lei.

A zona da baleeira, de onde parte o proxectado espigón do porto e necesaria para os servizos en terra, está integrada no espazo natural protexido pola Xunta co nome de Barra-Cabo Home.

A Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas ten presentados dous contenciosos ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, por desatender o informe negativo de Pesca e por intentar ocupar os terreos sen mediar trámite de declaración de utilidade pública e expropiación.



                                                      Área de actuación: 204.030 m2


Tamén o concelleiro cangués da FPG Mariano Abalo, presentou en agosto unha denuncia no xulgado de Cangas contra a Autoridade Portuaria de Vigo por «permitir e ser cómplice» da operación consistente nunha venda e inscrición no rexistro en pleno dominio dun terreo de 16.992 m2 situado entre O Salgueirón e Punta Balea que é en realidade dominio público marítimo terrestre.

 

Os representantes da confraría canguesa constatan que as resolucións da Autoridade Portuaria con respecto ao porto de Massó "carecen da máis elemental claridade e rigor necesario nunha Administración Pública" e sobre a súa actuación recae a "sospeita" de primar os intereses dunha empresa privada sobre os públicos.

   

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pola súa banda, rexeitou a petición de suspensión cautelar das obras suscitada pola confraría. O xuíz entende que o aval bancario depositado polos promotores cobre os posibles danos:


631.014 Euros


Ese é o ridículo importe do aval, cando os danos ecolóxicos que pode causar o porto deportivo serían irreversibles. A confraría considera que tal decisión provocará un «sacrificio definitivo e irreparable» de valores medioambientais imposibles de indemnizar, xa que non todos os danos que as obras causen poden ser valorados económicamente, porque quedaría afectado un ecosistema «especial e único».

O porto afectaría, segundo fan constar, a un criadeiro natural de nécoras, camaróns, ostras e diversas especies de peixes. Eliminaría os chamados fondos de Maërl, sobre os que existe un programa de conservación prioritario da UE e precisan para medrar entre 1.000 e 8.000 anos. A zona afectada é unha concesión aos mariñeiros que non foi expropiada. A confraría anuncia que esgotará as vías legais ata que os xuíces acepten que o porto implica un dano «innecesario e irreversible».




No Tribunal Supremo

En xaneiro de 2007, a confraría de pescadores de Cangas comunicou ao TSXG a súa intención de recorrer ante o Supremo a súa decisión de denegar a solicitude de paralización cautelar das obras do porto deportivo de Massó.

O pósito insiste en que o porto deportivo será perxudicial para o ecosistema mariño da ría de Vigo. Quéixase de que tanto a Autoridade Portuaria, que é o organismo con competencias nesta franxa do litoral cangués, como a promotora, eludiron estudiar outras posibles ubicacións «máis idóneas».

 

No Parlamento Europeo


Máis recentemente, o 4 de abril, chegaron boas novas da Unión Europea.

O Foro Social de Cangas solicitara do Parlamento Europeo que tramitase a súa queixa sobre o proxecto de porto deportivo, estudando o conflito e, no seu caso, adoptara as medidas necesarias para "restablecer a legalidade".

A Comisión de Peticións do Europarlamento aceptou investigar o caso. O proceso que agora se inicia podería mesmo incluír o envío de eurodeputados membros da comisión a Galicia para estudar os feitos. En función das conclusións da Comisión de Peticións, a Comisión Europea pode contactar directamente co goberno español para que o ministerio de Fomento corrixa a actuación, ou incluso incoar un procedemento de infracción que remate nunha sentenza dos tribunais europeos.

Tal e como contabamos máis arriba, nun só día fixérase un proxecto recollendo as suxestións contidas nas consultas ós organismos afectados, fixérase tamén o estudo de impacto ambiental dese proxecto e dispuxérase no BOE a súa exposición pública. Tal misteriosa velocidade burocrática, subliñada polo Foro Social de Cangas na documentación enviada á administración europea, parece ter moito que ver coa decisión da Comisión do Europarlamento.

Toda a información en: http://www.cangasnonsevende.org
Enderezo electrónico: forosocialpoladefensadopobo@yahoo.es
Historial: http://cangasnonsevende.org/historial.html
Hemeroteca: Hemeroteca de Cangas




VOLVER Ó MAPA