4.- BOUZAS: Ampliación do recheo


A principios do século XX, Bouzas era un dos portos pesqueiros máis importante da ría, e foi Concello ata o ano 1904, cando foi absorbido polo de Vigo.

Desde os primeiros anos 60 comezouse a construír alí un recheo que nunca parou de medrar. É o maior e o máis agresivo dos perpetrados na nosa ría, e representa un claro exemplo de utilización de terreos, teoricamente portuarios, para usos ben diferentes.


O mar de todos convértese en solo barato para empresas poderosas.


Na foto pódese observar o enorme espazo ocupado polo depósito de coches de Citroën. Para que esta empresa tivera unha infraestructura portuaria adecuada para o embarque dos vehículos, abondaría coa cuarta parte. O resto é almacenaxe, e non debería ocupar terreos portuarios. As naves de negros teitos corresponden á sede e ás oficinas da Zona Franca de Vigo: ¡¡oficinas!!

Aínda que se prevé que estas instalacións da Zona Franca (80.000 m2) abandonen esa ubicación, (o que sumado a outros espazos recuperados deixaría libres 230.000 m2) queren ampliar o monstro para facer unha nova terminal de contenedores.




Esta nova ampliación, sinalada en encarnado, suporía unha superficie de 80.500 m2, para o que serían necesarios 840.000 m3 de cascallos. Tamén se prevé o dragado de 630.000 m3 para acadar un calado de 20 metros, e levaría aparellado un espigón de 100 metros de longo. A pesar da insistente publicidade oficial, só unha parte da ampliación iría sobre pivotes.

O impacto desta obra sobre as correntes, estreitando unha zona crítica, retardaría sensiblemente a renovación das augas da Ría. Algo que hai que sumar ós danos que todo recheo e todo dragado producen ós ecosistemas mariños.











A ría sen o recheo de Bouzas



Unha ampliación que ademais podería levarnos a ver, dentro de non moito tempo, petroleiros atracados en Bouzas, pois o proxecto de oleoducto ata o porto seco de Salvaterra, ameaza tamén a este lugar.

O plan contempla ademais a construcción dunha macro depuradora (ver o punto 3 do mapa) e unha praia artificial: toneladas de area verquidas á ría regularmente, na cara oeste do recheo. E toneladas de sarcasmo, despois de destruír as praias naturais.



O colectivo Bouzas Móvete ten convocado numerosas mobilizacións, con gran participación veciñal, contra este proxecto. O pasado 28 de setembro entregou no Rexistro Xeral do Concello 4.635 firmas de cidadáns e cidadás como mostra de rexeitamento á construción dunha depuradora e á ampliación dos aterramentos na zona de Bouzas.


Toda a información en: http://www.bouzasmovete.org
Enderezo electrónico: bouzasmovete@yahoo.es
Hemeroteca: http://webs.uvigo.es/servicios/biblioteca/bouz/artigos.htm
Unha carta: http://granvigo.blogspot.com/2006/10/el-puerto-de-vigo-relleno-del-muelle.html




VOLVER Ó MAPA