O parque
temático proxectado aquí pola Autoridade Portuaria
(claramente reconvertida en axente urbanizador, empresa inmobiliaria ou
ferramenta de especulación) significou o arranque da
campaña electoral do seu presidente, Abel Caballero, na
súa carreira cara a alcaldía viguesa. Desde xullo de
2006, un día si e outro tamén, páxinas enteiras da
prensa local, pagadas con diñeiro público, publicitan a
toda color esta grandiosa horterada.
Había unha vez... un circo
¡Pasen, pasen e ocupen os seus asentos! ¡A función vai comezar! Presten agora toda a súa atención á Pista Central do Fabuloso Circo Portuario.
¡¡Non se perdan a impresionante actuación do Gran Mago!!
Xa acenderon os focos do proscenio e o famoso artista sae a escena. Aplausos e fanfarras atronan o ar.
En menos do que se tarda en dicir un abracadabra o mago quitou a negra capa e empezou a ondeala así, dun lado para outro: nada por aquí, nada por alá, e...
¡¡Tachaannnn!!
Unha piscina olímpica que aparece pola dereita, un hotel de luxo cun centro de congresos pola esquerda e un túnel submarino (para pasear entre fanecas, nécoras e chinchos) ábrese aos nosos pes.
¡Impresionante!
Xa volve abanear a capa máxica e un ronsel de marabillas vaise espallando ó seu redor. Esveltas torres e futuristas rañaceos. Telesillas, monorraíles e teleféricos sobrevoando o espazo portuario. Xogos de pasarelas e pontes xiratorias que dan voltas sen parar. Xardíns colgantes, parques deportivos (con loopings e todo) e ata un palacio de xeo e unha illa artificial. ¿Quen dá máis?
E todo esto para o 2010. Rápido rápido. Estará todo listo e preparado antes de que rematen os traballos de saneamento da Ría. Pero claro, esto é moito máis bonito e moito máis importante. Habendo un bo teleférico, quen necesita unha depuradora...
Por favor, non se despisten, manteñan a súa atención na Pista Central. Señorita, teña a bondade de non mirar agora para o recheo de Bouzas. A ver, eses rapaces que están a sinalar co dedo ó proxecto de Massó. Non, non se me distraian agora...
Lembren que temos ó seu dispor toneladas de propaganda en brillante papel de atractivas cores.
Fágannos caso:
Abelandia
|
FARO DE VIGO, 18/02/2007
Torres vanguardistas, teleféricos y una isla artificial, entre los diseños del nuevo Puerto Las propuestas para transformar la fachada al mar incluyen puentes giratorios, jardines colgantes, un palacio del hielo y un rascacielos de 160 metros de altura. Torres que evocan monolitos y rascacielos futuristas. Telesillas, monorraíles y teleféricos para recorrer el espacio portuario. Juegos de pasarelas y puentes giratorios. Jardines colgantes. Parques deportivos con loopings y un palacio de hielo… |
|
FARO DE VIGO, 27/07/2006
"Será una obra emblemática en el mundo" Caballero comparó la regeneración proyectada en el Puerto con las actuaciones realizadas en Atenas, Génova, Barcelona, Los Ángeles, Chicago o Ciudad del Cabo. "No hubo en la historia de la ciudad una actuación de esta envergadura. Será una obra emblemática en el mundo"… |
Xa abonda!
É tempo de recuperar a nosa habitual seriedade. E para eso propoñemos o artigo que reproducimos a seguir, obra do profesor Méndez Ferrín e publicado tamén no Faro de Vigo o 29 de setembro de 2006.
A Autocracia Portuaria
Por X.L. MÉNDEZ FERRÍN|
Todo aló é cociñado co máximo sixilo, e a Autoridade comunícase coas masas da cidade mediante anuncios publicitarios carísimos que pagamos os contribuíntes. |
Antes, non hai moitos anos, existía un organismo chamado "Junta de Obras del Puerto" e este era soberano e todopoderoso no seu territorio.
Nas nosas grandes cidades portuarias (Coruña, Vigo) amosaba a súa excepcionalidade e a súa independencia do municipio erguendo grandes muros e verxas espectaculares que separaban o porto da poboación civil. Nestas grades de ferro detíñase o poder do Concello e "Obras del Puerto" só rendía contas, cun grao alto de discrecionalidade, a Deus e ao Ministerio.
Por aquel tempo, "Obras del Puerto" como o seu venerábel nome indicaba, atendía á construcción e manteñemento de docas, molles, dársenas, peiraos, ás edificacións dedicadas aos servizos do tráfico natal, ás infraestructuras de comunicación co continente, ao parque de guindastres e diversa maquinaria, ás estacións marítimas de pasaxeiros e todas esas cousas, e mantiña plantilla de funcionarios e colla de carga e descarga de alta competencia profesional.
Logo, "Obras del Puerto" desapareceu para deixar paso ao ente dito "Autoridade Portuaria" que, coa mudanza de nome, non perdeu nada dos seus poderes absolutos e omnímodos sobre o territorio marítimo-terrestre que lle é asignado. É aí o intre no que os vastos espazos forais administrados pola Autoridade Portuaria chegan a ser obxecto de desexo dos especuladores inmobiliarios e dos comerciantes especializados en parasitar as concesións públicas.
Do lado de alá das grades de ferro non hai incómodos concelleiros nin alcaldes que teñan que ser persuadidos (ás veces moi custosamente) nin partidos que teñan medo da opinión pública nin veciñosorganizados e ruidosos nos plenos. No interior da Autoridade Portuaria non hai público que poida constituírse en asemblea: está prohibido o paso.
Todo aló é cociñado co máximo sixilo, e a Autoridade comunícase coas masas da cidade mediante anuncios publicitarios carísimos que pagamos os contribuíntes. No caso que eu mellor coñezo, o de Vigo, a Autoridade Portuaria chega a se burlar da Lei de Normalización e o galego deixa de existir nos espazos que a grande grade demarca. As grades de ferro da Autoridade Portuaria marcan unha fronteira entre a vida política normal e o puro autoritarismo. "Yo", di Abel Caballero ao se referir ao Porto de Vigo.
Daquela o soño do especulador encárnase na realidade. Dado que en territorio municipal existen plans, eleccións, normativas, goberno e oposición, prensa e debates, o ideal do especulador faise gozosa realidade no Porto, onde se poden facer obras de caracter privado e sen máis trámite que a aquiescencia da Autocracia portuaria. A entidade estatal que antano se ocupaba do Porto en tanto que espazo de interese xeral e público, agora convértese en xestora de solo urbanizábel e en árbitro de múltiples empresas privadas de caracter lucrativo e sen relación coa actividade portuaria.
Como o mar é de todos, o proxecto estrela é o recheo interminábel e ad libitum.
Os barcos, a actividade pesqueira e as necesidades do comercio marítimo pasan a ser simples pretextos para a verdadeira función do Porto que é o subministro de solo e a especulación.
Agora, a Autocracia Portuaria foca os seus designios, despóticos aínda que non ilustrados, á cesión de metros cadrados infinitos aos particulares. Instalacións fabrís e mercantís non portuarias, oficinas coma as da Zona Franca, depósitos de automobeis, moi axiña unha depuradora, sen tardar torres acristaladas para apartamentos, hoteis, centros comerciais, parques temáticos, restaurantes, isto é: a propiedade pública dos portos como o de Vigo está a punto de se volatilizar coma tal diante dos nosos ollos e de ser privatizado (xa o está sendo) con grave dano engadido para o medio ambiente natural da Ría.
O "Plan de Usos do Porto de Vigo" de Abel Caballero é isto e moito máis. Na Coruña van pola mesma liña pero seguindo unha diferente traxectoria que pasa polo chamado Porto Exterior.