http://www.salvemosmonteferro.org
Monteferro, 28 de Maio de 2009:


ESTE MODELO TEN
ALTERNATIVA:
DEFENDAMOS O LITORAL






Con este lema, a rede de colectivos GALIZA NON SE VENDE, na que está integrado Salvemos Monteferro, convoca:


Manifestación en Vigo o domingo 31 de maio
Sairá ás 12:00 h. da Praza do Concello


Desde Galiza Non Se Vende queremos denunciar os continuos ataques e agresións que soporta o noso litoral. Ataques e agresións máis continuadas e voluminosas canto máis salvaxe é a especulación, froito dun modelo económico baseado na depredación.

Para desgraza nosa e da nosa terra, todos os gobernos que pasan pola Xunta seguen unha política “desarrollista” de explotación dos nosos recursos naturais para reducilos á mera condición mercantil.

A privatización e venta do que sempre foi noso, da nosa costa, das nosas rías, do noso vento, dos nosos montes, dos nosos ríos, do Courel ou da Terra Cha, supón depredar o territorio físico común para mercantilizalo en proveito de só uns poucos, privatizando os beneficios e socializando as perdas.

Os beneficios son para as grandes empresas, para os grandes capitais, pero os seus custes externalízanse socialmente, e supoñen a destrución dunha natureza privilexiada, do medio ambiente, da paisaxe, e do noso tecido económico e social. Estes custes pagámolos todas e todos nós.




A Autoridade Portuaria de Vigo pretende ampliar o recheo de Bouzas en máis de 83.000 m2.
Os recheos proxectados só na Ría de Vigo superan os 150.000 m2.

Deste modelo xordo e cego, depredador e obsoleto, non se libra o litoral. Dentro das rías constrúense recheos que estragan a súa grande riqueza; instálanse polígonos industriais sobre o terreo gañado ao mar ou en primeira liña de costa. Empresas e industrias verten os seus refugallos directamente ao mar xunto coas augas residuais urbanas, ás veces pasando por depuradoras deficitarias ou que non funcionan, contaminando as rías e facéndoas incompatíbeis coa pesca e o marisqueo. Instálanse tamén aquí as industrias máis contaminantes e perigosas, como Reganosa ou Ence; promóvense piscifactorías nos lugares mellor conservados da nosa costa, artificializando con formigón o litoral e contaminando o mar con antibióticos para proveito de empresas transnacionais

Privatízase o mar e a costa con portos deportivos a esgalla que decote levan aparellados proxectos urbanísticos especulativos. E tamén é aquí, no litoral, onde se produce a máis salvaxe especulación urbanística; onde se pretenden construír milleiros de vivendas e ata rañaceos en terreos gañados ao mar; onde se constrúen a meirande parte das irracionais infraestruturas de transporte; onde se destrúe a identidade das aldeas e vilas mariñeiras erradicando o noso patrimonio marítimo; onde máis se turistifica a nosa cultura e o noso territorio; onde se crean máis campos de golf arrasando grandes superficies de monte e contaminando con herbicidas; onde menos se respectan os espazos protexidos...

Todas e todos xuntos temos que pórlle freo á locomotora desbocada deste falso progreso. Non é imprescindible nin necesaria a destrución do noso fogar común para acadar medios de vida, porque se así ocorrese, estariamos correndo camiño do suicidio colectivo. O benestar social non pode basearse na explotación das persoas nin na destrución da terra que habitamos.

Temos que pórlle freo a esta locomotora que está a avanzar queimando os seus propios vagóns nunha tola carreira cara ningures. Esta “valorización” do territorio ten que distinguir xa os bens de uso, os modos de vida, do espolio e despoxo da terra. Trátase en suma dunha nova mentalidade que trate o medio non como un negocio do que se pode quitar beneficio, senón coma a nosa terra común da que todas e todos formamos parte. Vainos nisto a súa preservación, a do planeta e a dos valores que queremos legar ás xeracións futuras.

Non podemos tolerar máis o intolerábel.

Por todo isto convocamos a unha

Manifestación en Vigo o domingo 31 de maio
Sairá ás 12:00 h. da Praza do Concello
e rematará na Praza da Estrela




E a un grande roteiro contra Reganosa
polas rúas de Ferrol o venres 5 de Xuño ás 20:00 h. desde o edificio da Xunta de Galiza.



Este é o manifesto lido ao remate da manifestación:

Compañeiras e compañeiros: hoxe manifestámonos para denunciar os continuos ataques e agresións que soporta o noso litoral. Ataques e agresións máis continuadas e voluminosas canto máis salvaxe é a especulación, froito dun modelo económico baseado na depredación.

Para desgraza nosa e da nosa terra, todos os gobernos que pasan pola Xunta seguen unha política “desarrollista” de explotación dos nosos recursos naturais para reducilos á mera condición mercantil, sen atreverse a contemplar sen medo a hipótese do decrecemento, ante esta crise económica e sistémica que arrincou con toda crueza o anteface da relixión capitalista.

A privatización e venta do que sempre foi noso, a nosa costa, as nosas rías, o noso vento, os nosos montes, os nosos ríos, o Courel ou a Terra Cha, supón depredar o territorio físico común para mercantilizalo en proveito de só uns poucos, privatizando os beneficios e socializando as perdas. Os beneficios son para as grandes empresas, para os grandes capitais, pero os seus custes externalízanse socialmente, e supoñen a destrución dunha natureza privilexiada, do medio ambiente, da paisaxe, e do noso tecido económico e social. Estes custes pagámolos todas e todos nós.

Esa “modernización”, que nos fai ser cada vez máis dependentes dos mercados globais e da agricultura e da pesca industriais, está obrigando a milleiros de labregos e labregas a abandonar as súas terras e está tamén empurrándonos ao desmantelamento da pesca de baixura e do marisqueo, afastándonos cada vez máis da soberanía alimentaria.

Deste modelo xordo e cego, depredador e obsoleto, non se libra o litoral.

Dentro das rías constrúense recheos que estragan a súa grande riqueza; instálanse polígonos industriais sobre o terreo gañado ao mar ou en primeira liña de costa. Empresas e industrias verten os seus refugallos directamente ao mar xunto coas augas residuais urbanas, ás veces pasando por depuradoras deficitarias ou que non funcionan, contaminando as rías e facéndoas incompatíbeis coa pesca e o marisqueo. Instálanse tamén aquí as industrias máis contaminantes e perigosas, como Reganosa ou Ence; promóvense piscifactorías nos lugares mellor conservados da nosa costa, artificializando con formigón o litoral e contaminando o mar con antibióticos para proveito de empresas transnacionais; privatízase o mar e a costa con portos deportivos a esgalla que decote levan aparellados proxectos urbanísticos especulativos. E tamén é aquí, no litoral, onde se produce a máis salvaxe especulación urbanística; onde se pretenden construír milleiros de vivendas e ata rañaceos en terreos gañados ao mar; onde se constrúen a meirande parte das irracionais infraestruturas de transporte; onde se destrúe a identidade das aldeas e vilas mariñeiras erradicando o noso patrimonio marítimo; onde máis se turistifica a nosa cultura e o noso territorio; onde se crean máis campos de golf arrasando grandes superficies de monte e contaminando con herbicidas; onde menos se respectan os espazos protexidos…

Todas e todos xuntos temos que pórlle freo á locomotora desbocada deste falso progreso.

Non é imprescindible nin necesaria a destrución do noso fogar común para acadar medios de vida, porque se así ocorrese, estariamos correndo camiño do suicidio colectivo.

O benestar social non pode basearse na explotación das persoas nin na destrución da terra que habitamos. Este modelo caduco levounos a esta crise que agora padecemos. A saída dela non pode ser unha fuxida cara diante. Este modelo que confunde valor e prezo, tenos levado a esta degradación sen precedentes, a esta crise da civilización da que vemos difícil a saída. A esta cultura moral e material degradada que nos fai ser infelices.

Temos que pórlle freo a esta locomotora que está a avanzar queimando os seus propios vagóns nunha tola carreira cara ningures. Unha correcta valorización do territorio ten que distinguir os bens de uso e os modos de vida do espolio e despoxo da terra. Trátase en suma dunha nova mentalidade que considere o medio non como un negocio do que se pode quitar beneficio, senón como a nosa terra común da que todas e todos formamos parte. Vainos nisto a súa preservación, a do planeta e a dos valores que queremos legar ás xeracións futuras.

Non podemos tolerar máis o intolerábel.

Queremos rematar enviando un saúdo solidario de irmáns, para todas e todos aqueles que neste intre atópanse loitando polos postos de traballo e polas causas xustas: Traballadores do metal e gandeiros entre outros moitos.



DEFENDAMOS O LITORAL
ESTE MODELO TEN ALTERNATIVA
GOBERNE QUEN GOBERNE
GALIZA NON SE VENDE

Vigo, 31 de maio de 2009

Comentarios actuais

2 comentarios até agora (pon o teu)

Unha barbaridade como a que está a acontecer en Cangas non pode facerse sin que nos oigan alo menos.
O domingo estaré con vos e con todolos que ainda aman un pouco esta terra, este mar, esta costa, este pobo.
Animo e adiante.

Autor: Pepe Alores o Xoves, 28.05.09 @ 22:22pm | #60

Necesitamos de todos vos para parar esta desfeita de Cangas, e tantas e tantas outras que están a acontecer nas nosas costas e no noso país.
Galicia precisa de nos hoxe mais que nunca, non podemos faltar.
Animádevos todos a acudir.

Autor: Lucía Cardalda López o Xoves, 28.05.09 @ 22:25pm | #61

Deixe o seu comentario:

Autor:

E-Mail:

URL:

Comentario:



Teclee estes caracteres:


Nota: As contas de Email non serán visibles e usaranse só para validar o seu comentario. Manteña as formas. Calqueira comentario insultante, inapropiado ou ofensivo será eliminado.

Non se permite código HTML. Os saltos de liña serán convertidos automaticamente. Por favor, utilice BBCode para formatear o seu texto.