http://www.salvemosmonteferro.org
Monteferro, 03 de Outubro de 2013:




Domingo 6 de outubro as 12:00 na Alameda de Santiago:




"Por unha Galiza sen lumes, por un rural con futuro"




O día 11 de setembro declarouse un incendio intencionado que destruiu por completo o Monte Pindo, Olimpo Celta e monte sacro dos/as nosos/as antergos/as, puxo en perigo vidas e fogares, acabou con explotacións agrogandeiras, e fixo inútil o inxente esforzo de extinción. Este é o paradigma de que os incendios non só teñen a súa orixe no misto que o prende senón en anos e anos de desleixo e políticas desenfocadas, pois non só estamos ante a perda ecolóxica dun dos montes máis emblemáticos do País, senón ante o silencio cómplice dunha administración que desouvíu o berro dos/as milleiros de galegas e galegos que levamos anos esixíndolle á Xunta medidas efectivas de prevención mediante a declaración do Monte Pindo coma Parque Natural. É esta a única figura de protección que permite a participación directa da sociedade na xestión do espazo e compromete un orzamento anual para protexelo e poñelo en valor Esta decisión que dependía da vontade do conselleiro, Agustín Hernández, foi sistematicamente ignorada, provocando que todo polo que levamos tres anos loitando e traballando sexa hoxe un inmenso deserto de cinsa de case 2.500 hectáreas, co gasto inútil de millóns de euros públicos na extinción que nunha mínima parte terían permitido atallar a traxedia.

A catástrofe do Monte Pindo certificou o absoluto fracaso dunha política ambiental e de montes que desatendeu por completo a prevención dos lumes nos espazos naturais, rexeitou avances en materia de ordenación, multifuncionalidade, fomento de actividades tradicionais e especies autóctonas, para centrarse en entregar o noso territorio a intereses especulativos e empresas contaminantes, sen esquecer á gran industria pasteiro-enerxética e a forestal que inzaron os nosos montes de especies pirófitas coma o eucalipto ou o piñeiro mais outras como as acacias produto do descontrol na construción de infraestruturas e do propio abandono dos montes como recurso natural. Vítimas destas políticas caeron xa o Monte Pindo, as Fragas do Eume, o Xistral, o Macizo Central, Xurés, Courel, A Limia, Corcoesto..., e ducias de espazos naturais valiosísimos que foron estragados impunemente porque os intereses do goberno galego son distintos aos intereses dos galegos e galegas.

Dase ademais a circunstancia de que o actual executivo decidiu agrupar na mesma área as competencias en infraestruturas, urbanismo e medio ambiente, co que dende o primeiro momento a natureza ficou supeditada aos proxectos mal chamados estratéxicos e aos intereses espúreos e coloniais a nivel urbanístico e industrial, de quenes só lles interesa o lucro e non a terra, a súa bioloxía e os/as seus/suas habitantes.

Unha Xunta que se parapeta agora detrás dos pirómanos, para agochar as súas miserias e negar que unha neglixente xestión do monte ten grande parte da culpa de que o lume se convirta nun perpetuo elemento da nosa paisaxe xeográfica e vital. Unha Xunta que ten a desvergoña de afirmar que un espazo natural arde con protección ou sen ela. Unha Xunta que ignora deliberadamente que o monte que arde é aquel improdutivo para a súa veciñanza, o que leva irremediabelmente ao abandono das actividades tradicionais e a picar no engado envelenado dos especuladores sen escrúpulos que chegan cos seus proxectos enerxéticos, mineiros, urbanísticos... buscando un rápido lucro e deixando contaminación e pobreza.

A cidadanía galega e as entidades abaixo asinantes, reunímonos este 6 de outubro en Compostela para amosar o noso rexeitamento frontal a esta xestión suicida que ameaza con incendiar o País e reducir a cinsas o futuro dos nosos fillos e fillas. Portanto, ESIXIMOS:

  1. Que a Xunta comprometa a protección efectiva dos espazos naturais galegos mediante a ordenación e a dotación dos recursos precisos para a súa conservación e o seu desenvolvemento sustentábel, de xeito que a protección incida verdadeiramente no protección socioeconómica, cultural e ambiental, na mellora das condicións de vida da súa veciñanza e que a sociedade valore ese patrimonio como unha oportunidade de futuro e non como un atranco.

  2. Que a Xunta dispoña as medidas e realice os esforzos precisos para coidar dos nosos montes durante todo o ano, primando a prevención sobre a extinción e sobre todo, investindo en iniciativas sustentábeis que permitan fixar poboación e recuperar os vencellos dos/as habitantes, e a participación directa co seu medio natural fóra de monopolios gubernamentais e empresariais.

  3. Que a Xunta modifique radicalmente as súas políticas de xestión do monte, nomeadamente a Lei de Montes e o Plano Forestal, para abandonar os incentivos aos monocultivos de especies alóctonas, pirófitas, e de rápido crecemento e substituilos polo apoio e incentivación de plantacións de especies autóctonas, frondosas non pirófitas, de crecemento medio e madeiras nobles e outros aproveitamentos selvícolas, agrogandeiros e enerxéticos en monte baixo que visen a multifuncionalidade de usos e o respecto á función ecolóxica, cultural e social do monte.

  4. Que a Xunta remate coas políticas agresivas no eido ambiental, económico e social (Lei de Montes, Lei de Industria, Plano da Minaría, Plano Acuícola, Decreto da Biomasa, concurso eólico,...) que están a provocar o abandono do mundo rural e das actividades tradicionais no medio natural, entregándoo a especuladores e contaminadores.

  5. Que a Xunta recupere e dé pulo a aquelas iniciativas que visaban unha participación activa da sociedade na xestión sustentábel do seu territorio e dos seus montes, como as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), o Banco de Terras (BANTEGAL) ou Voluntariado Galego en Defensa do Monte, entre outros proxectos que Núñez Feijóo desmontou nada máis chegar ao goberno máis en calquera outra iniciativa que afonde nunha maior autoxestión ou cooperación directa da poboación humana e rural tendo o medio como recurso.

  6. Que o produto explotado de forma sustentable dos recursos naturais sexa en beneficio das comunidades locais e dun mercado cunha mínima ou nula pegada ecolóxica fuxindo de globalizacións e transaccións multinacionais sobreexplotadoras e sin control.

  7. Que se protexa na realidade e non de nome dos espazos naturais protexidos existentes, procedendo á planificación e a ordeación efectiva e sustentable dos seus recursos naturais como dos seus usos, e que se proceda a súa ampliación en rede con máis espazos tendo en conta que na actualidade e desde hai tempo o territorio protexido non pasa do 12% na Galiza, estando por debaixo da media europea e ao rabo da media estatal.

  8. Que a Xunta tome dunha vez en serio ao noso medio natural, prestándolle a atención que merece, e que deixe de ser un mero apéndice para a especulación e a desfeita do cemento e o asfalto. Porque contrariamente ao dito por Samuel Juárez, ex-conselleiro de Medio Rural e actual delegado do goberno, o mundo rural sí ten futuro. Esiximos tamén a inmediata demisión dos titulares de Medio Ambiente, Agustín Hernández e de Medio Rural, Rosa Quintana, por seren os irresponsábeis máximos do exterminio do medio natural e rural, e amosaren a súa absoluta incompetencia para xestionar un patrimonio do que se avergoñan e nen seguera son dignos.

Este día o pobo galego está a falar, e di ben claro que non nos resignamos a ver como un goberno de “patufos/as desleigados/as”, de “pequenos/as mequetrefes sen raíces” fica impasíbel cando non é directamente cómplice da destrución dun territorio que deberían coidar como unha nai, a nosa Matria que nos fixo ser tal e como somos hoxe.



CONVOCA: ASOCIACIÓN MONTE PINDO PARQUE NATURAL



Comentarios actuais

0 comentarios até agora (pon o teu)

Deixe o seu comentario:

Autor:

E-Mail:

URL:

Comentario:


 


Teclee estes caracteres:

 

Nota: As contas de Email non serán visibles e usaranse só para validar o seu comentario. Manteña as formas. Calqueira comentario insultante, inapropiado ou ofensivo será eliminado.

Non se permite código HTML. Os saltos de liña serán convertidos automaticamente. Por favor, utilice BBCode para formatear o seu texto.